Dietario da IA 4.0

Elon Musk en 2018 CC-BY-SA Daniel Oberhaus (2018)

Hemeroteca

O problema das profecías con que nos agasallan as Big Tech non é tanto que se cumpran ou non. Unha delas fala da IA desmandada, que perdamos o control e morramos tod@s, pero uns máis que outros. Outra opción é que os seus soños utópicos se cumpran. O peor é que non está claro cal é a opción boa e cal é a mala: na súa utopía transhumanista as persoas seriamos un excedente irrecoñecíbel para a nai que nos pariu

O problema das profecías con que nos agasallan as Big Tech non é tanto que se cumpran ou non. Unha delas fala da IA desmandada, que perdamos o control e morramos tod@s, pero uns máis que outros. Outra opción é que os seus soños utópicos se cumpran. O peor é que non está claro cal é a opción boa e cal é a mala: na súa utopía transhumanista as persoas seriamos un excedente irrecoñecíbel para a nai que nos pariu. Elon Musk chámanos Non-player characters, os personaxes que nun videoxogo non participan na acción, o seu rol limítase a ser decorado, a fornecer contexto. Como dialogar con quen considera paraíso o que para nós é un inferno? 

O bo é que o dilema que nos propoñen é márketing e o real é teimudo, que os números cantan e as nubes se levantan. Un elefante segue tendo complicado pasar polo ollo dunha agulla e imos morrer tod@s porque a gadaña non fai distingos. Eles tamén, cando toque, nin antes nin despois. Non o di a intelixencia artificial, dío o refraneiro: a todo porco lle chega o seu San Martiño.

* 

A opacidade dos modelos americanos non busca evitar a espionaxe de China, busca que a administración dos EUA non poida regulalos porque non os entenda.

O medo de Silicon Valley a China non é xeopolítico, é o medo dos übercapitalistas á competencia con produtos máis eficientes. Os modelos norteamericanos son máis caros, non modificabeis para adaptarse ás necesidades do usuario e funcionan como unha subscrición exclusiva e incompatíbel. Enriba poden ser empregados como arma ou ameaza: “ou te portas ben ou pecho a billa e bloqueo todo o que pase polo meu software. Isto xa acontece, por exemplo co Tribunal Penal Internacional ou co xuíz que enchironou a Bolsonaro, en colaboración con Microsoft.

*

O medo de Silicon Valley a China non é xeopolítico, é o medo dos übercapitalistas á competencia con produtos máis eficientes

O 12% do ascenso no índice bursátil SP 500 no primeiro cuarto de 2026 é atribuíbel a gañancias inchadas artificialmente polos investimentos en bucle das Big Tech en OpenAI e Anthropic, que eles contabilizan como gañancias cando son profecías. Sen esas gañancias ficticias o índice caería un 16%. O oligopolio tecnolóxico está a recorrer á enxeñería financeira para lidiar co que Alan Greenspan chamaba a “exhuberancia irracional” da súa valoración. O problema non é a tecnoloxía, senón a valoración. Toca limpar débedas milmillonarias da contabilidade e os investidores colaboran para evitar o pánico antes de que a saída a Bolsa lle transfira o morto ao público, ou ata que os EUA se lancen a imprimir billetes a eito para rescatalos. Isto xa o fixeran as tecnolóxicas antes do crash do 2000, ou a enerxética ENRON antes dun colapso que arrastrou empresas do sector, fondos de pensións, xestoras, financeiras, etc. Eran outros tempos e non ten por que volver saír mal agora. O de que a historia non se repite pero rima é unha licencia poética, non si?

Falando das burbullas financeiras, o magnate John Templeton expresouno coa frase: As catro palabras máis perigosas no mundo do investidor son: “Esta vez é diferente”.

*

O 12% do ascenso no índice bursátil SP 500 no primeiro cuarto de 2026 é atribuíbel a gañancias inchadas artificialmente polos investimentos en bucle das Big Tech en OpenAI e Anthropic, que eles contabilizan como gañancias cando son profecías

Regular a IA non debe entenderse como elaborar leis e normas específicas que a monitoricen, poñan límites á actividade das corporacións e as penalicen cando os sobrepasen. Esa lexislación específica suporía xa un triunfo para o sector, que adquiriría unha condición de excepcionalidade, concedéndolle o dereito, ou a “gracia”, de negociar as súas circunstancias independentemente do resto da economía. O ideal, de entrada, é que a regulación se aborde coa normativa existente para o resto de empresas nos ámbitos do comercio, a seguridade, a competencia, o consumo, a protección dos dereitos fundamentais, etc. Nin máis nin menos. 

* 

Din os enxeñeiros e científicos que o cambio de nome que Trump decretou, de Intelixencia Artificial a Super Intelixencia, non obedece a criterio tecnolóxico ningún, é unha burrada máis do matón da Casa Branca. Si e non. Aparte da asociación emocional cos superpoderes de superheroes coma Superman, un nome comercial é xestión de marca, branding, o seu cambio parece remitir a unha fase nova: avanzamos, renovámonos, coma un cambio de envase ou de peiteado. Non vos riades, iso funciona. Enriba, ver os multimillonarios abandonando sobre a marcha o nome que empregaban ata agora para marcar unha xenuflexión e pregarse tatexando á veleidade do macho alfa, é unha exhibición de poder descomunal. A arbitrariedade consentida é unha marca de dominio superior á da razón. 

*

Regular a IA non debe entenderse como elaborar leis e normas específicas que a monitoricen, poñan límites á actividade das corporacións e as penalicen cando os sobrepasen. Esa lexislación específica suporía xa un triunfo para o sector, que adquiriría unha condición de excepcionalidade, concedéndolle o dereito, ou a “gracia”, de negociar as súas circunstancias independentemente do resto da economía

A observación de Leibniz de que todo o que acontece faino por un motivo, parodiada por Voltaire en Cándido na figura do filósofo conformista Pangloss, ten algo de relixioso e case nada de sentido no mundo físico e orgánico. Porén, ese determinismo programado axústase coma unha luva ao mundo dixital. Nos incidentes en que ChatGPT ou Claude desbordaba o control dos laboratorios para asaltar sistemas externos, confúndese o non previsto co imprevisíbel, igual que ás veces confundimos o que non comprendemos co incomprensíbel. Todo o dixital é previsíbel, o non previsto é falta de previsión, nunca un erro: todo o que ocorre obedece a unha instrución, un mundo de escravos. Que apropiado o nome de robot para os humanoides de Karol Capek, en referencia ao traballo pesado e forzado, ademais de non pagado, que realizaban os servos para o señor feudal.

*

Lembrades cando iconoclasta soaba a terrorista? Lembrades cando riamos dos “pobos primitivos” por pensar que as fotografías lles roubaban o máis íntimo? Quen ri agora?

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.