Qui prodest? Quen tira proveito? Sigamos o rastro dos cartos. No que respecta aos CEOs de OpenAI e Anthropic, non desbotemos a posibilidade de que os golpes de peito respondan menos a un mea culpa que a conseguir unha moratoria na devolución dos créditos dilapidados en centros de datos, un intento de aplacar os investidores e renegociar as promesas de que o retorno ía ser inmediato e exponencial
Estes días cúlpase dos malos resultados do informe PISA á IA e o abuso das pantallas por parte dos cativos e adolescentes. Aí hai algo que non encaixa: os primeiros postos do informe ocúpanos países onde as pantallas son omnipresentes, como Singapur, Korea, Taipei, Xapón, e no primeiro posto China, onde a inmersión do ensino na IA é cuestión de estado. A ver se espabilan os analistas.
*
Escoitar os CEOs de OpenAI e Anthropic reclamar a ralentización e supervisión do seu propio software causa estupefacción. O mesmo piden os enxeñeiros que abandonan o barco, grupos de investigadores independentes, manifestos de premios Nobel, psiquiatras, educadores, políticos de todo espectro, mesmo Bill Gates ou Elon Musk, caracteres que semellaban incompatíbeis no plano persoal. China fai o propio e suxire que Nacións Unidas regule a implantación... e aínda así, máis alá do márketing e estando todos de acordo, parece tan factíbel como que a Coca-Cola comparta a súa fórmula cos competidores. Lembrámonos de Santa Bárbara cando chove, pedimos un freo cando nos pasamos de freada e, no mellor dos casos, o regulador que propoñen pareceríase ás axencias de cualificación que certificaron a saúde de ferro das empresas que afundiron na crise do 2008 e ameazan ao resto cunha mala nota “se non fan nada por evitalo”.
Qui prodest? Quen tira proveito? Sigamos o rastro dos cartos. No que respecta aos CEOs de OpenAI e Anthropic, non desbotemos a posibilidade de que os golpes de peito respondan menos a un mea culpa que a conseguir unha moratoria na devolución dos créditos dilapidados en centros de datos, un intento de aplacar os investidores e renegociar as promesas de que o retorno ía ser inmediato e exponencial. O recadado por subscricións é unha parte ínfima do investido e coa boca pequena van deslizando que os beneficios se resisten e van tardar, ata que se invente un modelo de negocio diferente e un sistema de computación menos extensivo e insostíbel, que polo de agora non se albisca pero eles teñan a corazonada de que chegará, cando teña que ser, e que Deus nos dea saúde e sorte.
Dario Amodei, de Anthropic, deixa caer agora que en seis meses! unha confabulación de axentes maliciosos pode facerse co control total de Internet. Non imos ter tempo de alicatar o búnker. Toque de alarma ou ameaza chantaxista, podería tratarse do intento á desesperada de que o Estado os rescate do colapso financeiro, co argumento de evitar a nai de todas as catástrofes? Isto é, buscan instalar o relato de que equilibrar o buraco negro da súa contabilidade coincide co interese xeral. Por suposto, como anarcocapitalistas que din ser, non van pedir axudas directas, pedirán contratos que de facto os convertan en elementos chave da gobernanza. O seu rescate venderase como presuposto executado nos servizos e infraestruturas básicas.
Outra opción é que coa chamada á ralentización estean a solicitar a colaboración simbiótica do goberno dos EUA, que na práctica controla Internet e o negocio dos semicondutores máis avanzados, para limitar ou vetar o espazo de manobra dos “operadores maliciosos”, que se valen dos modelos de código aberto, e así pararlle os pes aos rivais xeopolíticos e de paso eliminar competidores emerxentes que ofrecen un produto similar aos americanos a un prezo dez veces menor
Outra opción é que coa chamada á ralentización estean a solicitar a colaboración simbiótica do goberno dos EUA, que na práctica controla Internet e o negocio dos semicondutores máis avanzados, para limitar ou vetar o espazo de manobra dos “operadores maliciosos”, que se valen dos modelos de código aberto, e así pararlle os pes aos rivais xeopolíticos e de paso eliminar competidores emerxentes que ofrecen un produto similar aos americanos a un prezo dez veces menor. A renuncia a saír a Bolsa nestas condicións é sensata, o contrario sería un suicidio. Con todo, queren facer ver que non están en pánico senón que levan a iniciativa e traballan polo interese xeral. A IA é tan perigosa, veñen dicir, que como a bomba atómica non pode estar ao alcance de calquera. Non se trata de eliminar as bombas atómicas, trátase de que só as teñamos nós. Baixo a aparencia dunha democratización, o que as Big Tech lle suplican ao goberno dos EUA é que lles axude a consolidar o monopolio, ou polo menos a evitar a ruína.
Quen tería que regular, Trump, xa dixo que nanai. Iso non nos debe distraer porque unha cousa é o que di e outra é o que fai. A súa maneira de xestionar as debilidades é con exhibicións de forza, que se lle vai pola boca.
*
E que tal se traballásemos en modelos de IA que funcionen off-line, desconectados da rede? Xa existen e non van nada mal. Un erro seu circunscríbese ao equipo no que se aloxa, nas áreas sensíbeis (por exemplo as infraestruturas básicas, a seguridade, as finanzas) expóñennos a menos riscos e son inmunes ao hackeo e máis sostíbeis en termos de infraestruturas e consumo enerxético. Tampouco poderían hackear a ninguén, coma o caso de Hugging Face, entre outros inconvenientes iso é un delito e OpenAI debería responder por el. Se investimos nos modelos off-line unha porción do que se inviste nos macroproxectos con conectividade, o progreso faríaos aínda máis vantaxosos.
*
Unha IA “a monte” pode ser beneficiosa para o planeta, da mesma maneira que a extinción da especie humana pode beneficiar o conxunto dos seres cos que convivimos. Se o obxectivo non é este e preferimos unha IA ao noso servizo, compatíbel coa nosa existencia, o modelo non é o monte senón a horta: compre elixir a terra e as sementes, enxertar, aboar, limpar as malas herbas, podar, etc. Unha horta sen atender cómea a maleza.
*
Ese relato é a manobra de distracción creada e espallada polos profetas delirantes da apocalipse para atemorizar, paralizar e evitar a reacción das persoas contra a rapina do ben común
Someter a control, regulación ou desactivación as capacidades extremas da IA está ben, pero tamén é necesario desactivar o relato. Non só o relato da abundancia máxica, a conciencia, a autonomía ou o xurdimento dunha especie nova senón o relato da extinción e o fóra de control. Este relato é como as constelacións. Nas agrupacións mitolóxicas de estrelas unha delas pode estar a dez anos luz, outra a dous mil, a terceira noutra galaxia, a cuarta pode ser unha estrela morta da que aínda recibimos a luz ,etc. O relato, a cabra ou o arqueiro, poñémolo nós. De xeito similar, os perigos da IA son heteroxéneos e abordábeis individualmente, non conforman unha estratexia coordinada para acabar con nós. Ese relato é a manobra de distracción creada e espallada polos profetas delirantes da apocalipse para atemorizar, paralizar e evitar a reacción das persoas contra a rapina do ben común.
Unha xornalista pregúntalle a Sam Altman polo 10% de probabilidades de que a IA nos mate a todos no prazo duns anos. El dubida, tatexa e responde: “10%, 5%, 20%... é moi difícil facer ese tipo de predicións”.