Os anos pasan pero aínda non esquecín case nada do acontecido o 21 de xullo de 1958 nun monte da miña aldea de Tines (Concello de Vimianzo). Non teño que esforzarme na lembranza xa que gardei as imaxes do espazo no que tivo lugar a trabada dunha loba que deixou no meu pequeno corpo a pegada de 33 cicatrices
Os anos pasan pero aínda non esquecín case nada do acontecido o 21 de xullo de 1958 nun monte da miña aldea de Tines (Concello de Vimianzo). Non teño que esforzarme na lembranza xa que gardei as imaxes do espazo no que tivo lugar a trabada dunha loba que deixou no meu pequeno corpo a pegada de 33 cicatrices. Supoño que a pobriña estaba famenta pois eu non era moita cousa pero é ben sabido que cando hai fame non se pode elixir. Quero dicir que os lobos prefiren a carne de cabra, ovella ou vaca. Os ataques a seres humanos son escasos e tampouco é habitual a caza individual xa que son animais que sempre forman parte dunha manda. Quero pensar que se estou vivo é polo meu forte desexo de viaxar a Montevideo que era onde emigrara o meu pai (Xesús do Rei) pero quizais foron os berros do meu padriño os que afastaron a loba e así salvei a vida. Fose o que fose non era de morrer pois segundo a miña nai (Valentina de Xan) non era o meu destino.
Agora vouvos levar comigo ata o monte onde rozaban os meus tíos (Manuel e Encarnación) na zona alta da aldea e na beira do camiño que leva ata a capital municipal. Estaba a xogar con Alberto (un neno un pouco maior ca min) nunha encrucillada moi xeitosa onde facían lindeiro dúas ou tres leiras de veciños de Tines. Alí a terra era branquiña por mor da area que apousaba logo de escorregar por enriba dunhas laxes horizontais que chegaban ata o valado dunha leira situada xusto antes da que era dos meus avós maternos. Estaba anicado, enredando xunto ao meu amigo, cando me sorprende o seu forte berro: Manoliño que vén o lobo! Érgome para saír detrás del que fuxe en dirección a onde están os meus tíos pero antes de chegar ao valado que tiña un pasadoiro para facilitar o paso sinto que uns dentes traban na miña espalda. Non esquezo a última imaxe dunha pedra brillante que era onde se apoiaban os pés para pasar o valado. Teño aquel recordo intacto xa que o pasou despois non ten imaxes. Eu pechei os ollos. A loba lévame a un lugar escollido no que unhas pedras horizontais fan un corte vertical que agacha da vista o que alí estea.
Dixen que non vin nada pero sentín que unha boca e unhas poutas movían o meu corpo a dereita e a esquerda coma se eu fose un abano. Apretei as mans a cara e non lembro de quitalas por vontade propia. Os meus berros foron diminuíndo ata que quedei sen forzas. Lembro que cando acougaba un pouco, a loba mordía con menos forza
Dixen que non vin nada pero sentín que unha boca e unhas poutas movían o meu corpo a dereita e a esquerda coma se eu fose un abano. Apretei as mans a cara e non lembro de quitalas por vontade propia. Os meus berros foron diminuíndo ata que quedei sen forzas. Lembro que cando acougaba un pouco, a loba mordía con menos forza. Os meus tíos non saben dicir o tempo que pasou ata que me atoparon e levaron a casa onde estaba a miña nai. O primeiro transporte foi nos brazos do meu padriño e logo na besta ata a Piroga que é onde ten a consulta don Braulio, o médico da familia. Di que necesito unha transfusión de sangue e que deben levarme, urxentemente, ao hospital do doutor Baltar en Santiago de Compostela. Hai que cruzar a ponte do río Grande para ir na busca de Manuel Mira que é o propietario do único coche de alugueiro que ofrece servizo en Baio. A carretera estaba en moi mal estado e así foi que pouco antes da ponte Faílde (no concello de Santa Comba) houbo que deterse para o cambio dunha roda por mor dun pinchazo.
Di que necesito unha transfusión de sangue e que deben levarme, urxentemente, ao hospital do doutor Baltar en Santiago de Compostela. Hai que cruzar a ponte do río Grande para ir na busca de Manuel Mira que é o propietario do único coche de alugueiro que ofrece servizo en Baio
Arredor das sete da tarde ingresaba no hospital e dúas horas despois falei pedindo auga. O doutor Baltar ordenara a transfusión que me salvou a vida. Levaba moitas horas en estado de semi inconsciencia e sen saber a razón de estar nunha cama de hospital coa cabeza vendada e o corpo cheo de apósitos desde as mans ata as pernas. Estiven un día enteiro de repouso (o 22 de xullo) pero xa o 23 puiden dar un paseo pola Alameda que estaba a un paso da esquina de xeneral Pardiñas e Carreira do Conde. Neste pequeno percorrido foi cando escoitei dicir, a varias das persoas que se achegaban, que era un neno moi afortunado xa que salvara a vida porque así o quixo o noso señor Xesucristo. Outros tocaban na miña cabeza para logo persignarse pero os peores eran os que querían que lles contase como foi o ataque e algún preguntaba se me doera. A miña nai pedía que non me falasen do lobo e trataba de protexerme de aqueles insensibles curiosos. Non lle facían caso e por iso o paseo foi moi curto xa que axiña volvemos para o hospital. A mesma historia da curiosidade tivo lugar en agosto na feira de Baio aínda que agora estaba en alerta e non lles permitía que abrisen a boca para preguntar nada e tampouco deixaba que ningunha man allea tocase na miña cabeza ou nas cicatrices que non cubría a roupa. Aló van 65 anos sen que esmorezan os meus recordos dun moi especial día de verán no monte de Tines.