Cando no 2014 moitas das persoas que viñamos participando de diversos colectivos e plataformas sociais, de forzas políticas e sindicatos minoritarios, de ámbitos académicos ou de estar na casa decidimos dar un paso ao fronte e construír ferramentas que permitisen dar a loita no plano institucional/electoral e non só na rúa, sabíamos que a cousa non ía ser sinxela e que nos enfrontariamos a múltiples contradicións, pero sobre todo a un réxime que ten diversos mecanismos con que contrarrestar o noso “asalto”. O máis importante deles a chamada cultura da transición, que actualmente só sementa medo ao cambio, pois as regras do xogo son as das democracias liberais representativas e neses marcos, onde prima a banalización sobre a reflexión e o debate político, temos que tentar intervir. Algo nada doado de facer.
Sabiamos tamén que no plano local era moito máis sinxelo que no estatal ou no autonómico pero, sobre todo, sabíamos que tiñamos que partir de experiencias acumuladas anteriormente para non repetir erros pasados e conseguir construír dende lóxicas colaborativas e non competitivas. En definitiva, conseguir traducir as demandas das prazas que reclamaban máis e mellor democracia, é dicir, máis e mellor participación, non ser mercadorías en mano de “políticos” e banqueiros. Que era tan importante o “como” e o “para que” coma os obxectivos, as persoas ou as siglas. Que o método non se pode separar do fin, que é fundamental a filosofía da sospeita e a lóxica da pregunta para abrir novos horizontes, algo que o feminismo práctica dende fai tempo, se queremos interpelar e concretar maiorías sociais novas. Por iso, xurdiu unha hipótese que foi a da confluencia e que deu tan bos resultados en moitos concellos do País e do Estado en maio de 2015.
Así chegamos ao 20D que foi ilusionante e logo ao 26X que foi decepcionante, con similares resultados en canto a votos. Non vou entrar a valorar o ocorrido antes, durante e despois, xa que seguramente cada persoa terá unha opinión diferente baseada en argumentos tan sólidos coma os contrarios. Tampouco vou a entrar a valorar os motivos dos resultados, pois creo que abundan análises en apenas 48 horas, pero si quero chamar a atención sobre un aspecto que considero clave se queremos reconducir a situación. En canto mudamos ao plano estatal a cousa complicouse e tomaron un papel relevante as forzas políticas e, sen mala intención, cremos que confluencia era sinónimo de coalición de partidos e non, non son a mesma cousa, ogallá fora tan sinxelo.
Quero que se entenda ben este punto, pois non é un ataque ni aos partidos, nin a súa militancia, nin se quera a unión de Unidos Podemos ou a En Marea, que por certo nesta terra é resultado dun espazo que xa leva operando antes incluso da aparición da formación lila. O que quero destacar é que volvemos a caer no erro de que xuntándonos os xa convencidos e sumando forzas por riba chegaba, que con sumar siglas xa se podía falar de confluencia, que seguir traballando en base a lóxicas partidistas, que ao final caen na competitividade, era suficiente, que o método o podíamos deixar de lado, xa que o importante era o fin. Cando afortunadamente, a gramática política das sociedades continúa atravesada polo 15M (xa sei que aquí non tivo tanto peso, pero estamos falando do plano estatal) e reclama, lembremos, máis e mellor democracia e iso só se consigue dende abaixo, con paciencia, con colaboración, recoñecendo o que nos une e enriquecéndonos con que nos separa, pero dende a honestidade intelectual e tendo claro que o importante agora é o común, non as posicións de parte. Que a xente participe en pé de igualdade, ou polo menos, que se sinta participe do proceso que sexamos quen de construír.
Polo tanto, superemos a decepción, recuperemos as forzas e a ilusión, curemos as feridas, non culpemos a xente, porque non hai un nosoutros e un eles, non caiamos en loitas cainitas e apliquemos aquela máxima de pensar en lóxicas transformadoras e non en clave partidista, con audacia e ousadía pero con sentidiño, sigamos empurrando que ninguén dixo que fora a ser sinxelo, pero fagámolo coma unha marea en común.