Djibuti é unha das portas de acceso ao canal de Suez, unha das rutas marítimas máis transitadas do mundo. É precisamente esa porta a única vía de acceso monetario a un país árido, coñecido como val do inferno, que serve de oasis de paz entre a marisma de guerras que o rodean. Fronteira terrestre con Somalia, Etiopía e Eritrea, comparte as costas con Iemen, de onde están a chegar a maior parte de refuxiados que se suman ao millón de djibutianos que sobreviven nunha extensión de area semellante á de Galicia e que linda coas lembranzas coloniais francesas e a presenza da maior base militar americana en África.
A metade da poboación djibutiana é afar, unha etnia que, malia recoñecerse árabe segundo as lendas, non comparte cultura, lingua nin raza con aquela. Do mundo árabe si herdou a relixión, o islam, que mestura nela tradicións anteriores, como son as crenzas de que algunhas árbores teñen poderes sagrados, a práctica de cubrir os corpos dos mortos con manteiga ou as ofrendas ao mar como protección ás aldeas. Alén disto, a historia demostra que a súa xente é unha das máis duras do planeta, pois sobrevive a temperaturas que chegan aos 53ºC e secas perennes que dificultan o crecemento de calquera tipo de recursos naturais e mesmo de industrias.
O triángulo afar, que comprende Djibuti, Etiopía e Eritrea, amais de punto de encontro de refuxiados, xunta tres placas tectónicas que presaxian a apertura dun novo océano que atravesará o Sáhara por completo. Aínda que hai probas que amosan que Djibuti se separa de si mesma un centímetro ao ano, o futuro máis próximo de Djibuti non é a súa división xeográfica, senón os intereses xa creados nun corno de África pouco explorado e no que agroman proxectos chineses como son a construción de novos peiraos, aeroportos e a apertura da liña férrea entre Etiopía e Djibuti.
En Djibuti as casas non teñen cores e só as da parte colonial francesa resaltan por algunha que outra fiestra e algunha pincelada azul que destaca sobre o branco das paredes e os letreiros de rúas con nomes de cidades europeas. Nelas tatúanse deserto e sal, que non só dá sabor ao aire, senón tamén aos cafés e tés e duchas. O sal, incrustado en cada anaco do país, simboliza a fortaleza da súa xente, que deixa pegada por onde pasa.