Do amor romántico ao neoliberal (I)

Deseño Saul Strinberg © Condé Nast

Cada seis días prodúcese un feminicidio no territorio español. Suman o vinte por cento dos crimes; unha traxedia de proporcións enormes. A violencia machista é unha das principais causas de sufrimento na nosa sociedade. Combatela para erradicala converteuse por tanto nunha prioridade, pero é complexa, difícil de apreixar. As palabras fortes, os lemas que impresionan pola súa dureza, aínda que transmiten unha vontade evidente, non axudan a atopar solucións cando parten de análises erradas e derivan, como consecuencia, en falsos diagnósticos. Os falsos diagnósticos sociais teñen custos, igual que a observación equivocada dun médico e os cálculos errados dun enxeñeiro. 

Os falsos diagnósticos sociais teñen custos, igual que a observación equivocada dun médico e os cálculos errados dun enxeñeiro

A violencia machista non é terrorismo. En moitas partes do mundo produce máis terror que o terrorismo, pero o terrorismo está conceptuado con relativa precisión, e remite a unha forma violenta e irregular de loita política, que require organización, elabora unha táctica de ataque, un plan grupal, co obxectivo de destruír o inimigo, ás veces para tomar o poder, outras para evitar que se tome, e outras unicamente para debilitar. 

Na violencia machista non se dan esas circunstancias. Hai quen usa o termo porque posúe unha elevada carga emocional e compensa en certa medida o sufrimento, pero o feito de usalo non resolve nada, e nada pode resolver desde o momento en que confunde a natureza do problema. 

Apelar ás primeiras acepcións da definición de terrorismo que en xeral dan os dicionarios (dominación polo terror, ou semellantes) carece de utilidade. Usar ese concepto para levar a auga ao rego é gratuíto, só pretende vincular a violencia machista ao terrorismo, por ser este especialmente insoportábel para a colectividade. 

As leis tampouco din outra cousa. Desde a reforma do Código penal español, de 1995, defínense como terroristas os delitos contra a integridade física, moral ou sexual, cando teñen como finalidade subverter a orde social, as estruturas do Estado, etcétera. 

A escola é unha factoría de conciencia que está vella, perdeu capacidade e non produce tan bos resultados como hai medio século ou dous

Chamar a levantar barricadas (Se non volvo á casa non poñades velas, poñede barricadas!) tampouco ofrece expectativas, porque as barricadas érguense para resistir nun espazo de enfrontamento civil colectivo, na rúa, na praza, no palacio, pero neste caso, unha vez erguidas, non hai ninguén do outro lado, nin o vai haber, porque os agresores das mulleres non teñen nada que gañar nin que perder en semellante lugar, xa que nada os ameaza nin nada os inhibe erguendo esas absurdas barricadas. Fica só o impulso, a alta tensión da consigna, épater la galerie, pero a traxedia colectiva persiste sen modificación. É só unha consigna, certo, quizás careza de maior importancia, é verdade, agás que houber intencionalidade das tendencias ultras (non o sei), tratando de abrir unha confrontación entre homes e mulleres para situarnos a nós, pola nosa natureza, nun lado da barricada. 

A ideoloxía e a mentalidade machista sustentan a violencia machista. Os individuos e os grupos que defenden explicitamente a ideoloxía machista, pódense combater, a pesar de que se enmascaren, porque teñen concreción, colectiva e individual. 

No entanto Jacques Le Goff afirma que as mentalidades son un obxecto de estudo impreciso e que cómpre estudalas nunha longa duración, debido á lentitude con que cambian. A mentalidade é o conxunto de representacións, de prácticas e de comportamentos, conscientes e inconscientes, e a ideoloxía é a relación imaxinaria dos individuos coas súas condicións reais de existencia. Son definicións de Althusser. 

Ao ser lenta a evolución das mentalidades, as solucións fanse máis difíciles. Non se trata dun áxil e “sinxelo” cambio material, que se pode levar a cabo só con bos argumentos, toma de posicións, combate social. 

O departamento de pornografía, dentro da factoría Internet, converteuse no máis poderoso creador de conciencia erótica e sexual

Cando se conclúe que a violencia machista é tamén un problema de mentalidade, como se fai ás veces, búscanse os lugares propicios para cambiala e dedúcese automaticamente que é na escola onde se debe transformar. 

Pero a escola é unha factoría de conciencia (como lle chamou Manuel Martínez Barreiro) que está vella, perdeu capacidade e non produce tan bos resultados como hai medio século ou dous. Emerxeron novas factorías da conciencia, a televisión, Internet, que desprazaron a esa e que traballan sen descanso. Transmiten ideoloxía sen cesar, crean os valores e modelan fondamente as mentalidades. A escola ten grandísimas dificultades para competir con elas. 

Para parte do asunto que nos atinxe, o departamento de pornografía, dentro da factoría Internet, converteuse no máis poderoso creador de conciencia erótica e sexual. 

O ensino é un remanso limitadísimo e impotente ante o tsunami das pantallas

A pornografía é o paradigma, o modelo da conduta sexual predominante. Dino os psicólogos e os psicanalistas, os que mellor coñecen os interiores anímicos. A pornografía é cada vez máis violenta, degrada sen límite a muller, cousifícaa e convértea nun obxecto de desexo dispoñíbel, para facer canto se queira con el. O feminismo case non se entra no asunto, tal é a confusión. 

A proposta de abordar a mentalidade violenta e machista no ámbito da educación, mentres que as referencias ao consumismo pornográfico chegan a ser de loanza, é insostíbel. O ensino é un remanso limitadísimo e impotente ante o tsunami das pantallas.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.