Do fracaso seguro de Feijóo á incerteza de Sánchez

Consultas do rei con Sánchez e Feijóo para a investidura dun presidente do Goberno de España o 22 de agosto © Casa de S.M. el Rey

O pacto para viabilizar a investidura de Sánchez deberá ser un sumatorio de compromisos mínimos e non contraditorios entre PSOE, Sumar e os grupos nacionalistas

Despois de repetilo cunha teimosía digna de mellor causa, Feijoo xa ten o seu "xoguete": grazas a unha moi discutíbel decisión do titular da Casa Real, será candidato á investidura como presidente do goberno do Estado, sabendo que non dispón dos apoios parlamentares requiridos para obter semellante obxectivo. Cando remate esta aventura, despois do 27 de Setembro, poderá acreditar a experiencia directa de comprobar a distancia entre ser a lista mais votada e acadar a condición de forza gañadora no ámbito dun sistema político como o que se contempla na actual Constitución española.

Por que Alberto Núñez non repite a estratexia seguida por Mariano Rajoy no ano 2016 cando rexeitou ser candidato a pesar de encabezar a lista que recibiu mais apoios nos comicios de Decembro de 2015? Seguramente operan, agora, dous factores relevantes. Por unha banda, neutralizar a debilidade que padece entre certos sectores do PP por mor de non ter cumprido -o pasado 23 de Xullo- as expectativas xeradas arredor da súa oferta electoral. Ademais, a liturxia parlamentar que vai protagonizar pode reforzar a mensaxe habitual do PP na última lexislatura: un goberno alternativo de Pedro Sánchez non sería lexítimo porque estaría edificado sobre concesións intolerábeis aos "inimigos de España". E, xa que logo, a conclusión estaría servida para as terminais mediáticas da rúa Genova: o mais democrático é repetir a cita electoral no mes de Xaneiro do ano que vén.

Cando se constate, formalmente, a inviabilidade da candidatura de Feijoo, comezará o proceso para determinar o eventual acceso de Sánchez á presidencia do goberno estatal. Ese camiño terá que enfrontar un nivel de complexidade certamente notábel. Requirirá, en primeiro lugar, a existencia dun acordo entre PSOE e Sumar para conformar un executivo de coalición. Consecuentemente, será necesaria unha coincidencia entre ambas formacións políticas sobre un catálogo de prioridades gobernamentais para os vindeiros anos. Unha parte das mesmas terán que recoller, obviamente, os pactos que asinen coas forzas que avalen a investidura do máximo dirixente socialista. Ademais, deberá existir un pacto sobre as áreas ministeriais que ficarán baixo a responsabilidade de cada parte asociada.

Acadar o apoio da maioría absoluta dos deputados e deputadas, para certificar a lexitimidade da presidencia de Sánchez, esixe o concurso imprescindíbel de ERC, Junts, Bildu e PNV. Aritmeticamente falando, o voto do parlamentario do BNG só sería decisivo no caso de que Junts se abstivera e -na segunda votación- Coalición Canaria engadira o seu apoio ás forzas xa citadas. Mais alá dos cálculos estritamente matemáticos, resulta evidente a importancia de que o nacionalismo galego sexa quen de participar, coas súas demandas específicas, nese amplo acordo de investidura.

A pesar da súa adhesión a un xenérico ideario nacionalista, os grupos vascos e cataláns presentes no Congreso non teñen unha axenda suficientemente común de cara ao proceso de negociación que se desenvolverá nas vindeiras semanas. ERC e Junts proclaman, habitualmente, que os seus obxectivos preferentes están situados nunha lei de amnistía e nun referendo de autodeterminación. Mais alá da discusión sobre a concreción xurídica e a compatibilidade desas iniciativas co ordenamento constitucional vixente, é ben sabido que PNV e Bildu manexan prioridades diferenciadas asociadas ao distinto papel que xogan no escenario político vasco. Se ademais desta constatada diverxencia entre as organizacións nacionalistas de Euskadi e Cataluña, engadimos a forte disputa pola hexemonía electoral que se rexistra no interior dos seus respectivos territorios, teremos un debuxo aproximado das complicacións para atopar puntos de encontro dotados de suficiente consistencia para soportar o paso do tempo.

O pacto para viabilizar a investidura de Sánchez deberá ser un sumatorio de compromisos mínimos e non contraditorios entre PSOE, Sumar e os grupos nacionalistas das tres comunidades históricas. Deberá construírse un denominador común formado por un catálogo onde figuren propostas diversas: realizar cambios legais para condonar as consecuencias penais do chamado "procés"; acometer a transferencia de novas competencias á Generalitat de Cataluña, ao goberno vasco e á Xunta de Galiza; reforzar as prestacións características do sistema de benestar público (pensións, salario mínimo, vivenda, xornada laboral...); contemplar reivindicacións territoriais específicas...

Despois da eventual elección do novo presidente do goberno estatal, o futuro da lexislatura deberá aturar un inevitábel nivel de tensión entre os socios parlamentares que, finalmente, teñan decidido apoiar o comezo desta nova andaina. A magnitude desa potencial inestabilidade estará condicionada polas propias características do acordo que se subscriba entre forzas tan diferentes.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.