Do global ao local. Apuntes sobre as eleccións europeas (I)

CC-BY-SA Praza Pública

Apuntes sobre a situación política a raíz das eleccións europeas en tres actos:

  1. A extrema dereita populista: a hidra de múltiples cabezas
  2. As cousas son como son e non teñen remedio
  3. O nacionalismo galego e a dieta mediterránea


 

A EXTREMA DEREITA POPULISTA: A HIDRA DE MULTIPLES CABEZAS

En setembro de 2022 Giorgia Meloni - Fratelli d’Italia - gañou as eleccións en Italia. Xa non se trataba da chegada do populismo de extrema dereita a un goberno periférico da Unión Europea, senón ao goberno dun dos países centrais da mesma.

Era preocupante, pero Italia xa estivera gobernado en dous períodos anteriores por un goberno extremista encabezado por Silvio Berlusconi, que a pesar de formar parte do Partido Popular Europeo, promovía un programa máis extremista que o da actual primeira ministra, e que ademais era peor persoa e tiña unhas amizades intimas tan pouco recomendables para Europa e a democracia como a do zarista-leninista, Vladimir Putin.

Os relatores de “que ven o fascismo”, aínda que logo non son capaces de tomar ningunha medida concreta para frear a onda populista extremista, moi ao contrario participan do seu engorde, ben sexa por acción ou por omisión, saíron en tromba cunha nova alerta antifascista.

Daquela, sorprendeulle a algúns que eu dixera que Giorgia Meloni non me parecía especialmente preocupante. Sustentaba o meu comentario en política comparativa con Silvio Berlusconi, - xa digo paréceme unha personaxe máis perigosa -, e con que o espazo do perigo democrático xa o representaba Matteo Salvini e o seu partido supremacista Lega Nord, que por certo tamén formara parte de varios gobernos italianos.

Na miña contra argumentábase coas veleidades fascistas de Meloni na súa mocidade. Realmente se as veleidades totalitarias, de esquerda ou de dereitas, tivéranse en conta na selección de persoal creo que estariamos privados da gran maioría da clase política. Creo que o problema non son as referencia xuvenís dos nosos dirixentes europeos – lóxicas que diría Eduard Punset ao non ter ‘o cortex cerebral pechado’ - senón que algúns seguen a admirar desde as institucións a autócratas iliberais, ou directamente antiliberais, de toda pelaxe.

Xunto con Meloni a outra grande líder da ultradereita europea é Marine Le Pen. Tiven ocasión de vivir directamente os anos - finais dos 80 e inicios dos 90- nos que o pai da señora Le Pen ía asentándose no ecosistema francés grazas aos errores da dereita gaullista e da esquerda.

Os demócratas franceses, nunha anticipación de dúas décadas do que agora pasa no resto do continente, miraban cara a outro lado diante da crise democrática, da desafección política dunha parte da cidadanía e da ruptura do contrato social cara a unha parte da poboación. No mellor dos casos botaban man de vellas receitas e por suposto calquera advertencia sobre a necesaria atención a construción de identidades múltiples e a aparición de comportamentos dos ‘novos’ franceses contra os dereitos humanos o sinalaban como racismo. O Front National comezou a medrar, en primeiro lugar, nos barrios obreiros anteriormente de hexemonía comunista, e co tempo – e tras a refundación do Front National en Rassemblement National - entrou transversalmente en votantes preocupados pola regresión de principios fundamentais da ‘Liberte, Egalite e Fraternite’ aparecendo para moitos a señora Le Pen como a única defensora dos valores republicanos.

Con ese panorama non hai mil anos que ningún ‘cordón democrático’ aguante si as causas que deron ao nacemento dun movemento persisten. Era cuestión de tempo que o espazo de Rassemblement National (antes Front National) ensanchárase cara aos lindes da antiga centro dereita. Certo é que ao igual que pasou co proxecto de Meloni, a medida que medra adaptase máis ao hábitat democrático europeo, aínda que a diferenza da primeira ministra italiana, as súas posición en política interior e exterior fan pensar que se trata dun transformismo máis cosmético que real.

A terceira hidra da extrema dereita populista son os partidos que durante os últimos anos hexemonizaron a política en Polonia e Hungría, e que foron verdadeiros quebracabezas para a Unión Europea.

Parece que afortunadamente, en parte pola súa proximidade ao perigo expansionista ruso, en ambos casos empeza a notarse un declive de ambos movementos. No caso polaco o PiS dos irmáns Kaczynski que xa perdera as pasadas eleccións xerais, a perda nestas eleccións europeas parece que asenta un cambio de tendencias no país. En Hungría a hexemonía do Fidesz de Viktor Orbàn segue a manter a hexemonía pero nestas eleccións, por vez primeira en bastantes anos, xurdiu alguén que pode facerlle fronte de maneira eficaz (o RaFP de Péter Magyar).

A cuarta hidra da extrema dereita é con seguridade a máis perigosa. Alternativa por Alemaña (AfD) é sen dubida o partido que máis proximidade ideolóxica ten co fascismo do século XX, cuestiona mesmo as regras formais da democracia e a convivencia entre as persoas por razóns de raza, pensamento ou orientación sexual. Como se fora unha broma pesada da historia, na Alemaña actual, ao igual que na dos anos trinta de hai un século, o éxito desta forza – que ao igual que os nazis non ocupa a primeira praza – débese máis ao afundimento dunha esquerda incapaz de atender aos cambios que vive un Alemaña, outra vez, nunha crise de identidade.

A quinta hidra é a que poderiamos chamar extrema dereita populista ridiculista – Vox e Chega, fundamentalmente-. As eleccións parecen indicar que xa tocaron teito e que os partidos liberais de centro-dereita medran en España e Portugal por outros espazos que vai deixando partidos de centro liberal e a antiga socialdemocracia. En todo caso nunca se sabe si a tendencia se asentará porque sempre haberá forzas políticas e medios irresponsables en darlles osíxeno se con elo debilitan ao centro-dereita nunha versión moderna de “canto peor, mellor”. O último descubrimento nese circo no que se ten convertido unha parte da política é un tal Alvise, que ata hai dous días era un ‘simpático’ influencer e hoxe os medios convérteno no novo líder do ‘fascismo español’. Nada novo.

En todo caso, o panorama europeo parece ter mudado pouco pero muda radicalmente. Segue existindo unha maioría europeísta conformada por populares, socialdemócratas, liberais e verdes, e iso é mala noticia para Putin (á espera das eleccións presidenciais norteamericanas) pero non deberiamos perder de vista que a socialdemocracia - e os verdes a outra escala - ten graves problemas de supervivencia. Os partidos socialdemócratas non son capaces de atopar o seu novo espazo e unicamente sobrevive nalgún casos – como España - nun proceso de radicalización populista que lle permite aguantar electoralmente absorbendo os restos do naufraxio da esquerda pero que a medio e longo prazo o levarán a unha crise maior.

A situación da esquerda non é mellor. A esquerda postcomunista simplemente xa é inexistente – non podía ser historicamente doutro xeito - e a esperanza dos partidos verdes - que si podía ser doutro xeito – téñense afundido no barro das contradicións do ensimesmamento dun ecoloxismo político elitista.

Hai en todo caso dous datos que advirten dunha situación moi perigosa para a esquerda e que indican que a Unión Europea entra nunha etapa nova e de incertezas.

A primeira xa se leva observando hai tempo. En moitos países da Unión o antigo bipartidismo conservadores-socialdemócratas ten sido substituído por un novo bipartidismo entre dereitas. Francia vai ser –xa o está a ser – o laboratorio no que a alternativa ao centro-dereita vai ser a dereita populista, cunha esquerda como espectadora ou como moito como actor secundario.

A segunda, é que aínda que coas formulacións da anterior euro cámara os socialdemócratas seguen a ser a segunda forza parlamentaria, no caso de xuntarse os grupo de Meloni – Conservadores e Reformistas Europeos (CRE) - e de Le PenIdentidade e Democracia (ID) -, xunto con algún outros extremista non adscritos, este novo grupo pasaría a ser a segunda forza desprazando a socialdemocracia ao terceiro lugar.

Necesariamente as alianzas políticas van sufrir modificacións. O importante seria reforzar unha centralidade ampla que teña como piares básicos a defensa dos dereitos humanos, o estado social e democrático e a contundencia contra os perigos interiores e exteriores.

No primeiro caso non con illamentos inoperantes senón baleirando de contidos as dúbidas non imaxinarias que deron orixe ao populismo de esquerda e de dereitas pero con propostas realistas baseadas na cooperación política entre as forzas dispostas a ensanchar a dimensión política e social da Unión Europea.

No segundo con políticas firmes comerciais, industriais e de seguridade que aseguren a non dependencia, máis alo do necesario, para non sucumbir as imposicións ou chantaxes dos novos totalitarismos.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.