A piques de facerse un ano da decisión de pechar o paritorio de Verín, Felix Rubial, xerente da EOXI de Ourense, acorda pedir a cabeza do doutor Castrillo, xefe do servizo de xinecoloxía do hospital de Verín, pretendendo inhabilitalo, retirándoo dous anos da súa actividade profesional.
Castrillo só fixo o seu traballo, o que leva máis de dúas décadas exercendo no hospital de Verín dun modo impecable, e iso non pode ser castigado
Hai un ano, desde a Xunta acusaran a xinecólogos e matronas dese servizo de falta de pericia, aludindo a un informe que nunca se fixo público e do que so sabemos o que dixera Feijoo. Ningún deses grandes profesionais do servizo de xinecoloxía do hospital de Verín recibiu desculpas polas difamacións profesadas de xeito reiterado e televisado contra eles.
Castrillo só fixo o seu traballo, o que leva máis de dúas décadas exercendo no hospital de Verín dun modo impecable, e iso non pode ser castigado. Traballo que contribuíu a que neste ano, mais de 100 nenos e nenas naceran no hospital de Verín.
O traballo do doutor Castrillo, como o dos seus compañeiros e compañerias, dignifica a sanidade pública, de calidade e proximidade, pois garantir a superviviencia da comarca, impedir o desmantelamento do público, é un gran exemplo de dignidade. Sempre será un acto de valentía defender o que é de todos e todas ante ataques ruíns. Castrillo defendeu unha sanidade pública, de calidade e proximidade nun momento no que había a quen nada lle importaba que as mulleres de Verín tiveran que parir nas súas casas ou nun coche no medio da autoestrada camiño a Ourense con tal de cumplir a súa pretensión de centralizar todo no hospital de Ourense. Castrillo foi a cabeza máis visible do “Verín non se pecha”, pero detrás del estaba toda unha comarca, por iso agora toda a comarca o apoiará, porque ante as inxustizas hai que tomar partido, e en Verín hai un ano xa o demostraron, ata o punto de tumbar a decisión de pechar o paritorio.
Pregúntome, se o que se fixo con Castrillo hai un ano, non foi exactamente o mesmo do que agora o acusan: cuestionar o seu criterio profesional, e se o expediente, entón non debera abrírselle a quen estaba empeñado en concentrar todos os partos da provincia no hospital de Ourense, derivando a todos os recen nados, inda que non houbera ningún criterio médico para facelo, chegando a separalos das nais nese proceso. Pregúntome tamén en cantos hospitais hai derivacións dun a outro, distanciados máis de 70 kms. de recen nados medicamente sans, é dicir, sen criterios médicos que avalen eses traslados. Pregúntome se serían políticas e non médicas certas decisións que se tomaron para xustificar o peche (inxustificable) do paritorio de Verín.
Sempre sostiven que non calibraran a repercusión do peche do paritorio, e a resposta social deume a razón. Agora tamén creo que a súa sede de vinganza fixo que non calibrasen a repercusión de cargar deste xeito tan indigno contra Castrillo, e agardo ter razón
Hai un ano a comarca de Verín fora exemplo de dignidade coas protestas e mobilizacións do “Verín non se pecha”, defendendo a ultranza aos profesionais do hospital e o dereito das nais da comarca a parir nela. Agora Rubial decide incoar un expediente disciplinario á cara máis visible do movemento reivindicativo.
Sempre sostiven que non calibraran a repercusión do peche do paritorio, e a resposta social deume a razón. Agora tamén creo que a súa sede de vinganza fixo que non calibrasen a repercusión de cargar deste xeito tan indigno contra Castrillo, e agardo ter razón.
Preocúpame moito, non o expediente a Castrillo, que estou segura quedará en nada, senón que se normalicen estes intentos tan ruíns de acalar futuras protestas, que é o que se intúe neste expediente, o intento de pretender calar ás voces discrepantes.