E

Nun artigo denominado e V. Kandinsky formulou a cuestión de se habería unha palabra que caracterizase ao século XIX e ao XX. A súa resposta foi que o século XIX estivo ao servizo da disxuntiva ou mentres o século XX se dedicara á busca da conxunción e, a síntese. Ulrich Beck cun texto na procura da cidade aberta recolle esta metáfora diferenciando entre a evolución das cidades do ou: que vai desde a cidade taylorista como agregado de polígonos separados -durmir/ traballar/ comprar/ estudar/ divertirse...-, ata a arquitectura do apartheid social e o medo aos pobres. Fronte isto formula as cidades do e, intenta "unha cultura e unha arquitectura de espazos acolledores que posibilite cousas que semellan excluírse mutuamente: intimidade e anonimato, vida en común e liberdade".

O galeguismo e a esquerda son propostas políticas de xustiza, de liberdade, de igualdade pero tamén de fraternidade

Como proposta urbana de modernidade reflexiva U. Beck proclama: "Hai que inventar, crear espazos de vida, de traballo, de encontro e confrontación con outros, que dean satisfacción ás necesidades e desexos de máis, máis amplas e máis rápidas vivencias e permitan gozar da variedade e as contradicións do lugar. Isto, sen dúbida, é máis fácil dicilo que facelo." Eu penso que no ámbito político tamén precisamos espazos de integración, espazos públicos compartidos dos que saen cousas inesperadas pola súa mestura. 

O galeguismo e a esquerda son propostas políticas de xustiza, de liberdade, de igualdade pero tamén de fraternidade, de facer en común os humanos que tanto compartimos; a política compréndese tamén como o poder que xorde da cooperación da xente do que falaba Hannah Arendt. Quero dicir que son proxectos de unión, de inclusión política, que se contrapoñen a estruturas, discursos, políticas que exclúen, xa que polo seu carácter de dominación, desigualdade ou inxustiza non permiten á xente desenvolverse e seren o que queiran na vida.

Eu marchei do BNG porque considerei que era unha proposta que pechaba máis do que abría, cunha lóxica excluínte para a maioría da sociedade

A min gustaríame compartir proxectos políticos amplos e diversos, no que o límite sexa a exclusión, proxectos onde caiba boa parte da pluralidade social e política, que integren o conxunto dos movementos de emancipación humana, que non sempre son fáciles de conciliar e nos que hai contradicións internas, velaí a arte da política. As cousas son simples cando adaptamos a riqueza do real a esquemas prefixados, todo o demais, a vida, é por definición complexidade.

Eu marchei do BNG porque considerei que era unha proposta que pechaba máis do que abría, cunha lóxica excluínte para a maioría da sociedade. Non tiña ningún problema en compartir proxecto con boa parte da súa militancia -cousa que non me acorda agora-, penso que comparto moito cunha parte importante da súa base militante e desde logo coa xente que se recoñece nesa tradición; pero as lóxicas que imperaban na forma de entender a política eran as da exclusión e o control -de compañeiros/as, de entidades cidadás, da maioría social...-.

Debemos deixar fóra aquelas propostas que pechen máis do que abran, pero intentar integrar todo o posible nun proxecto de emancipación social e nacional dun país que precisa amplas doses de cooperación e irmandade

A sociedade é plural e as alternativas que se pretendan maioritarias han de ser plurais. Debemos deixar fóra aquelas propostas que pechen máis do que abran, pero intentar integrar todo o posible nun proxecto de emancipación social e nacional dun país que precisa amplas doses de cooperación e irmandade. A literatura das ciencias sociais dinos que a identidade é o anverso da alteridade, afirmamos o que somos delimitando as fronteiras cos outros, co que non somos. Os outros definen o eu. Pero hai moitas formas de concibir as alteridades e a pluralidade interior, porque as identidades tamén son múltiples, complexas, non debemos negalas máis ben concilialas de forma saudable, evitando a esquizofrenia. Marcial Gondar tennos advertido dos perigos de concibir a identidade como unha simple circunferencia, a liña que marca a diferencia co exterior, no que a identidade é o que cadra dentro, e promove a súa comprensión como un círculo, pensar o contido do que somos, o que nos une sen obsesionarnos coas fronteiras, que sempre son máis difusas do que pensamos.

Marcial Gondar tennos advertido dos perigos de concibir a identidade como unha simple circunferencia, a liña que marca a diferencia co exterior

Nos posicionamentos políticos tamén debemos ser cautelosos ao pensarnos nestes termos, saber moito mellor o que non somos que o que somos, ou andar dando voltas ao que somos como unha abstracción autorreferencial. Ao meu entender na alternativa nova que debemos conformar non sobra ninguén, pola contra falta moita xente básica para facela politicamente inclusiva. Eu nunca fun "comunista", nin "centrista", pero non vexo maior problema en facer convivir estas sensibilidades nunha alternativa común sempre e cando se garantan as formas democráticas -con participación, deliberación e inclusividade- e un mínimo de lealdade. Teño máis dúbidas sobre se iso produce confusión na xente que nos poda apoiar, dito de maneira bruta: que algúns apoios limiten o alcance social da nosa proposta. É imposible sabelo, e depende en parte de que os/as implicados/as confiemos na súa posibilidade e saibamos comunicar as súas virtudes.

Eu nunca fun "comunista", nin "centrista", pero non vexo maior problema en facer convivir estas sensibilidades nunha alternativa común. Teño máis dúbidas sobre se iso produce confusión na xente que nos poda apoiar

A clave reside en concibilo como unha iniciativa cidadá aberta, no que os partidos xogan un papel de articulación das propostas e dos recursos, pero onde a coalición fundamental é coa cidadanía. Na mobilización masiva dos sindicatos do 19 de xullo deste ano -unha das máis importantes da nosa historia- comprendemos que o camiño a percorrer é o da unidade. O carácter unitario da convocatoria mudou a natureza do acto: boa parte dos/as participantes non asistiron secundando a ningunha central sindical concreta, todas contribuíron -grandes e pequenas- pero o que lle proporcionou a súa potencia e o seu significado foi entendelo como un grande movemento cívico dunha sociedade indignada que loita polos seus dereitos e polo seu futuro, combatendo o programa Popular de destrución masiva. Era a cidadanía crítica quen se apropiaba do movemento, desbordaba as organizacións e xa non era de ninguén, era de todos e todas.

Eu quero algo así para o plano político, conformar unha alternativa que a maioría da cidadanía poda facer súa polo seu carácter compartido. Paréceme oportuno, en principio, abrir a proposta a quen queira participar nun proxecto no que a condición sexa non excluír, que a súa incorporación empobreza ou reduza o conxunto. Non creo que a polaridade social hoxe sexa do 1% fronte o 99%, hai bastante xente interesada en salvagardar os seus privilexios -os de verdade-, pero penso que a grande maioría da sociedade pode compartir unha proposta política de cambio no que conflúan ideas emancipadoras e intereses da maioría. É moito o que nos une, se aspiramos a implicar as maiorías sociais todo esta diversidade ten que convivir, e conformar un proxecto plural, e non por iso menos coherente.

Non é tempo de exclusividades excluíntes retomando cualificativos arreboladizos: españolista, dereitoso, marxinal...

Vexo oportuno facer ofertas amplas que permitan trasladar á cidadanía propostas que logo están chamadas a coincidir nun goberno alternativo. Sei que as forzas asentadas -BNG e PSOE- non van aceptar esta oferta, mais ten valor que nós presentemos como unha confluencia na que pode convivir toda a diversidade política necesaria para a alternativa ao PP, que se exclúan eles se prefiren primar o partido. Non é hipocrisía, ao revés, é honestidade, anticipar unha colaboración que logo vai ser precisa no goberno. Que a confrontación entre o PP e "o resto" non se vexa como unha alianza negativa mais como unha alternativa plural, baseada nuns presupostos mínimos cribles. Han de confluír os postulados do nacionalismo/galeguismo e da esquerda/progresismo nun programa base e un discurso común que non semella nada difícil integrar nunha proposta asumible para todas as sensibilidades e para a maioría da sociedade -non toca aquí, nin a min explicitar os contidos deste discurso compartido-.

Non é tempo de exclusividades excluíntes retomando cualificativos arreboladizos: españolista, dereitoso, marxinal... E tampouco de facer fetiches con vías concretas de implicación das bases sociais: "tu serás del Celta, yo del deportivo...", ti das asembleas, eu das primarias... Non existe ningunha fórmula que represente a "democracia real", a democracia é un proceso inacabado que precisa a súa democratización constante procurando as maneiras que mellor permitan a implicación, o diálogo e a participación na cousa pública de canta máis xente mellor. Se algo aprendemos coas liberdades e as garantías formais democráticas -o feminismo sábeo ben- é que todas son valiosas, pero facer efectivas as declaracións dos papeis precisa remover moitos obstáculos nas leis, nas políticas, na sociedade, nos fogares, dentro de un...,  e construír unha cidadanía máis virtuosa e unha sociedade máis colaborativa. Tamén nas forzas políticas precisamos unha nova cultura política de relación interna e implicación da sociedade.   

Da mesma maneira que U. Beck apostaba polas cidades do e que integran, fronte as cidades do ou que agregan, eu aposto por unha proposta política de conxunción, que una, isto e máis isto e mailo outro, mesturándose

Da mesma maneira que U. Beck apostaba polas cidades do e que integran, fronte as cidades do ou que agregan, eu aposto por unha proposta política de conxunción, que una, isto e máis isto e mailo outro, mesturándose. Cando falamos dos espazos públicos habitualmente non pensamos nos cuarteis, nas oficinas administrativas, nin sequera moito nos hospitais ou nos museos, a cabeza vainos máis ben ás rúas, as prazas, patios ou parques. Non debemos agardar a que cidadanía veña aos lugares formalizados de canalización partidaria, toca concibir a política como un espazo de encontro polo ben común, xerando lugares de intercambio indeterminado, espazos de mente aberta tamén na política.

Unha mente aberta que mobilice a intelixencia colectiva e esperanza de moita xente que quere apoiar unha iniciativa política que non sexa o de sempre. Moitos dos cales quedaran na casa se perciben que reproducimos as miserias clásicas dos partidos.

Isto é un poema de amor e unha canción desesperada. Non sei se o que ten que haber é unha fronte ampla, se ten que ter flequillo ou raia á esquerda, pero preocúpame que no seu interior haxa unha mente aberta que mobilice a intelixencia colectiva e esperanza de moita xente que quere apoiar unha iniciativa política que non sexa o de sempre. Moitos dos cales quedaran na casa se perciben que reproducimos as miserias clásicas dos partidos. O seu éxito dependerá de que se conciba e se perciba á cidadanía como principal coaligado dun proxecto inclusivo, envolvente, que non sexa unha agregación simple de tinglados, senón que poda ser un proxecto compartido por moitos axentes sociais e políticos. Unha ferramenta da xente, na que os partidos catalizan parte da enerxía para o cambio, e no que o todo sexa moito máis que a suma das partes. Noutra ocasión teño mencionado que pode haber divisións que suman, ás veces tamén as sumas multiplican. Polo momento non se pode dicir que foramos moi bos e xenerosos, agardo que non sexamos imbéciles e escuros.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.