“É agradable ler que alguén pensa que teño enxeño”. Alexander Fleming escribe ao médico Jesús Pintos (1946)

Consulta do médico Jesús Pintos, na coruñesa rúa de Fonseca © Xosé A. Fraga

O 14 de xuño de 1946 no Circo de Artesanos coruñés Jesús Pintos Pérez impartiu unha conferencia sobre a penicilina. Despois, o médico remitiu o folleto co texto da intervención a diversos persoas, mais o que probablemente non agardaba era que respondera o propio Alexander Fleming

O 14 de xuño de 1946 no “Circo de Artesanos” coruñés Jesús Pintos Pérez impartiu unha conferencia sobre a penicilina. Despois, o médico remitiu o folleto co texto da intervención a diversos persoas, mais o que probablemente non agardaba era que respondera un sobranceiro colega, quen viña de recibir uns meses antes o Premio Nobel de Medicina de 1945: Alexander Fleming.

 

Os restos dunha consulta

O nome do médico Pintos resultábame familiar por ver en numerosas ocasións o seu nome nunha placa no exterior do edificio onde tiña a consulta, na céntrica rúa Fonseca da Coruña. Souben máis del no mes de marzo de 2019. Carlos González Guitián díxome: “Tino, a familia está liberando a vivenda que compartían Iglesias Corral e Pintos, mortos hai anos; retiraron as cousas de valor e ofrecen a posibilidade de visitala por se hai algo do noso interese”. Pensaba no Instituto José Cornide de Estudos Coruñeses, do que eu, nese momento, era director. 

Fleming no seu laboratorio (1943) Dominio Público

Lembremos que cidade herculina fora onde se utilizara por vez primeira ese antibiótico en España, o día 10 de marzo do 1944, polo médico Rafael Fernández Obanza

Pintos e Iglesias casaran con dúas irmás, polo que eran cuñados, e tiñan a súa vivenda e despachos na mesma planta. Manuel Iglesias Corral foi un salientable avogado, de notable éxito profesional e con vocación política. No período republicano ocupou a alcaldía da Coruña e a Fiscalía xeral do Estado. Formaba parte do círculo republicano coruñés que permaneceu no ostracismo político durante a ditadura polo que non estrañou que nas primeiras eleccións democráticas se integrara nunha candidatura unitaria de centro-esquerda, a “Democrática Galega”. Si que sorprendeu que despois se unira a Alianza Popular, partido fundado por ex-ministros franquistas. Posteriormente, a súa intervención no Parlamento galego sobre o que acontecera no Goberno de Fernández Albor pasaría aos anais da ciencia política contemporánea: “aquí pasou o que pasou”.

A visita que realizamos ao piso onde conviviran Pintos e Iglesias tivo escasa utilidade práctica pero resultou interesante. Movéndome entre os desordenados materiais que albergaba sentía un certo desacougo fronte aqueles restos dun naufraxio vital, evidencia da morte coma fin. Os obxectos semellaban flotar nun espazo no que faltaba o esencial, o que lles daba sentido, as persoas que os usaron, ordenaron e quixeron. Nese escenario observei con curiosidade o que quedaba da consulta de Pintos: a mesa de traballo, a cadeira para observación dos doentes e superficie sobre a que os deitaba, os instrumentos de exploración e, como triste símbolo, a orla coa fotografía da súa promoción universitaria nun recuncho dunha habitación.

Un folleto inesperado

Nacido en Cuba, rematou a carreira de Medicina en Santiago e posteriormente obtivo a praza de médico na Fábrica de Tabacos da Coruña, polo que se trasladou á cidade herculina, onde estableceu a consulta. Tiña sona de bo médico, de persoa discreta e curiosa

Así as cousas, outro amigo, Luis Herrero pasoume hai uns meses un folleto, “seguro que te interesa”. Botei un ollo á publicación, era o texto de Jesús Pintos dunha conferencia sobre a penicilina. Pareceume interesante pola data, 1946, pois se trataba dunha intervención pública nos primeiros momentos de uso dese “milagroso” medicamento. Pero iso non era todo nin o máis importante. Ao chegar a casa abrín o folleto e atopeime coa agradable sorpresa que agachaba, levaba adherida ao texto da conferencia a copia dunha carta dirixida a Pintos por Alexander Fleming. 

Con esa novidade reviviu na miña imaxinación aquel médico da desolada consulta e quixen coñecer algo da súa biografía. Souben que nacera en Cuba e que no comezo dos anos trinta do século pasado cursaba Medicina en La Habana e participaba activamente no reivindicativo movemento estudantil liderado polo “Directorio Estudiantil Universitario” (DEU). Un colectivo fundado en 1927 por estudantes da universidade da capital cubana enfrontados ao goberno de Gerardo Machado, que pretendía perpetuarse no poder. En 1930 houbo episodios violentos, as autoridades acusaron a eses estudantes de seren uns “comunistas subversivos” e actuaron reprimíndoos. Nese contexto, o pai de Jesús Pintos decidiu sacalo de Cuba. O estudante trasladouse para Santiago de Compostela, onde rematou a carreira no curso 1933-34. Por outra banda, un dos profesores de Jesús na Facultade de Medicina habanera, Ramón Grau San Martín, sería presidente provisorio do país caribeño 127 días entre 1933 e 1934. 

Carta de Fleming a Pintos © Xosé A. Fraga

Na conferencia, Pintos non evitou afrontar un tema importante, o do difícil acceso ao medicamento neses tempos nestas latitudes, expresándose dun xeito crítico e mesmo ousado, se temos en conta o contexto político autoritario da época

Pintos exerceu por un tempo como profesor auxiliar de Patoloxía na Facultade de Medicina compostelá. Na guerra civil foi incorporado como alférez médico en febreiro de 1937. Posteriormente obtivo a praza de médico na Fábrica de Tabacos da Coruña, polo que se trasladou á cidade herculina, onde estableceu a consulta. Tiña sona de bo médico, de persoa discreta e curiosa. Carlos Guitián dime que adoitaba acudir pola biblioteca do hospital e que dominaba o inglés, algo pouco común entre os médicos da súa idade.

 

A intervención sobre a penicilina

A conferencia do noso médico tivo lugar na “Reunión de Artesanos”, o popular “Circo”, o 14 xuño de 1946, un venres ás oito e media da tarde, e levaba por título “La penicilina. Su descubrimiento y lo que se puede esperar de ella”. Lembremos que cidade herculina fora onde se utilizara por vez primeira ese antibiótico en España, a media mañá do día 10 de marzo do 1944, polo médico Rafael Fernández Obanza e que ese medicamento xeraba moita atención pola súa eficacia no combate fronte numerosas infeccións. Proba da relevancia do seu descubrimento foi que uns meses antes da conferencia tres científicos, o escocés Alexander Fleming, o australiano Howard Walter Florey e o alemán (de orixe) Ernst Boris Chain recibiran o Premio Nobel de Medicina polas súas contribucións no achádeo.

Concluía pedindo que se establecera un depósito de penicilina en Galicia, pois “es vitalmente necesario, por la vergüenza de sus médicos y por el sagrado interés de sus enfermos”

Na conferencia Pintos foi presentado por Manuel Villar Iglesias, encargado da cátedra de Dermatoloxía e Sifilografía (enfermidades venéreas) na Facultade de Medicina da Universidade de Santiago de Compostela. Un profesional cunha excelente formación, sobre todo en enfermidades das vías urinarias, con estudos en París, Bruselas, Frankfurt, etc. Xa en 1905 era profesor auxiliar en Compostela, onde ocuparía a alcaldía desa cidade en 1930 por un corto período de tempo. A súa pertenza á “Asociación de Trabajadores de la Enseñanza (UGT)” e o feito de seren nomeado secretario da Facultade de Medicina o 15 de xullo de 1936 polo decano Luis Morillo Uña (perseguido polos falanxistas) favoreceron que co golpe fascista se lle abrira expediente e fora castigado, se ben a sanción foille levantada. 

Pintos expresouse, no texto do folleto que reproduce a súa conferencia, cunha prosa áxil, un relato ordenado e didáctico que debeu xerar o interese do lector/ouvinte. Explicou brevemente o proceso de descubrimento da penicilina e as investigacións de Fleming. Tamén aludiu á utilidade dese antibiótico, os seus usos e limitacións. Non evitou afrontar un tema importante, o do difícil acceso ao medicamento neses tempos nestas latitudes, expresándose dun xeito crítico e mesmo ousado, se temos en conta o contexto político autoritario da época.

Portada do folleto co texto da conferencia de Pintos © Xosé A. Fraga

Reivindicación dun depósito de penicilina en Galicia

O flamante premio Nobel remitiu a Pintos unha carta o 20 agosto 1946. Nela agradecía o envío do folleto e reflexionaba sobre os problemas de distribución e acceso á penicilina en España que comentara Pintos na súa conferencia. Indicou que no Reino Unido había dabondo, máis da necesaria, pero carecían dalgúns produtos españois

O medicamento xa estaba dispoñible para o público en 1943 no mundo anglosaxón e países amigos. En España a situación era ben diferente. O Goberno de Franco permanecía nunha situación de illamento internacional polo seu apoio aos nazis. Nese contexto, o acceso en España á penicilina era ben difícil, a pouca que chegaba procedía do mercado negro (“estraperlo”) e/ou de contactos especiais. En setembro de 1944 o Goberno español chegou a un acordo co de EEUU (que tiña o 95% das existencias mundiais do antibiótico) para recibir o medicamento para “enfermos necesitados”; o primeiro envío chegou o día 20 dese mes. 

A penicilina recibida era almacenado nun depósito en Madrid, xestionado polo Colexio farmacéutico local. Dese tema falou Pintos na conferencia de xeito crítico. O médico explicou o penoso e longo proceso para acadar a penicilina: “hay que llenar con exactitud matemática papeles y requisitos, hay que contar en Madrid con un pariente o amigo benévolo que esté dispuesto a consumir toda una mañana en los centros oficiales y toda una tarde en la cola de la farmacia-depósito, que busque y pague a quien se le pueda confiar, para entregar en mano el remedio mágico”. Engadiu que a iso era preciso sumar os catro ou cinco días que tardaba o correo e a posibilidade de que viñera pouco medicamento. Fronte esas dificultades, subliñaba que en moitas ocasións había que acudir “al mercado clandestino, tan vergonzoso y tan necesario”. Concluía pedindo que se establecera un depósito de penicilina en Galicia, pois “es vitalmente necesario, por la vergüenza de sus médicos y por el sagrado interés de sus enfermos”.

É agradable ler que alguén pensa que teño enxeño”

Na conferencia Pintos aludira ao tema do azar no achádego de Fleming, “atribuir a la casualidad el descubrimiento de la droga prodigiosa”, mais defendeu a categoría xenial do científico escocés, quen foi humilde e nunca negou o elemento de fortuna no descubrimento

O flamante premio Nobel remitiu a Pintos unha carta o 20 agosto 1946. Nela agradecía o envío do folleto do que, pola resposta, debeu entender o seu contido, ben porque coñecía o idioma castelán ou, o máis probable, porque Pintos llo explicaría nunha carta adxunta. Escrito que non puidemos consultar, pois o arquivo epistolar de Fleming está sen catalogar.

O Premio Nobel reflexionou sobre os problemas de distribución e acceso á penicilina en España que comentara Pintos na súa conferencia. Indicou que no Reino Unido había dabondo, máis da necesaria, pero carecían dalgúns produtos españois. Nese punto saíu a escena o espírito “comerciante” que tanta presenza ten entre os británicos, o troco como un elemento central da vida social. O médico escocés entendía que era unha mágoa que non se producira un intercambio entre o seu exceso de penicilina e produtos coruñeses de interese.

Cadeira onde Pintos sentaba aos pacientes na súa consulta © Xosé A. Fraga

A posta a disposición do público da penicilina foi o resultado dun longo proceso no que participaron varias persoas e institucións. As contribucións individuais máis salientables foron as de Alexander Fleming, Ernst Boris Chain e Howard Walter Florey

Fleming descubrira a penicilina no seu laboratorio no Hospital Saint Mary de Londres. En setembro de 1928 observou que un cultivo de Staphylococcus aureus estaba alterado pola presenza dun fungo do xénero Penicillium. Deduciu que este estaba producindo unha substancia que inhibía o crecemento das bacterias. O caso ponse como exemplo de serendipia, descubrimento non buscado, que se obtén de xeito accidental ou casual, buscando algo diferente. Así foi nesa ocasión, porén tamén é certo que o médico británico soubo interpretar o que veu, pola súa formación e capacidade de observación. 

Na conferencia Pintos aludira ao tema do azar no achádego de Fleming, “atribuir a la casualidad el descubrimiento de la droga prodigiosa”, mais defendeu a categoría xenial do científico escocés, quen foi humilde e nunca negou o elemento de fortuna no descubrimento. Así, na carta que lle remitiu a Pintos escribiu: “Son só un simple bacteriólogo que foi especialmente favorecido pola Fortuna polo que algúns dos meus traballos deron resultados no tratamento da enfermidade. Foron moitos os que produciron traballos máis reflexivos pero a Fortuna non os brillou do mesmo xeito. Porén, é agradable ler que alguén pensa que teño enxeño”.

 

Os principais protagonistas na historia da penicilina

A publicación do descubrimento da penicilina en xuño de 1929, no British Journal of Experimental Pathology, por Fleming obtivo moi pouca repercusión entre a comunidade científica. De momento non tiña aplicación práctica, era un composto moi inestable e difícil de illar

A posta a disposición do público da penicilina foi o resultado dun longo proceso no que participaron varias persoas e institucións. As contribucións individuais máis salientables foron as de Alexander Fleming, Ernst Boris Chain e Howard Walter Florey. Fleming acadou a maior sona internacional, se ben o recoñecemento do seu papel no descubrimento do medicamento tamén estivo acompañado de comentarios nos que se lle restaba mérito, salientando, especialmente, o elemento de azar que se deu ou a escasa comprensión das posibilidades dese antibiótico polo escocés e mesmo o seu abandono do estudo. 

Fleming era un médico de laboratorio especializado no estudo dun tipo de microbios, as bacterias. Na I Guerra Mundial, nun hospital en Francia, a única vez que tivo contacto directo con enfermos (actividade clínica), comprobou como os antisépticos químicos, habituais no tratamento das feridas, non funcionaban, mellor dito, faciano na superficie pero non nas feridas profundas; os cirurxiáns non lle fixeron caso. Despois, no seu laboratorio do hospital Saint Mary, descubriu un antibiótico, a lisozima, a penicilina non foi o primeiro. Observou que efecto do moco de esbirro nunha placa de Petri cun cultivo de bacterias, comprobando que estas eran afectadas no seu crecemento polo fluído nasal. A lisozima, tamén presente nas bágoas, ten un valor bactericida limitado pero foi a primeira proteína antimicrobiana descuberta que forma parte da nosa inmunidade innata. Tamén neste caso, Fleming atopou moi escasa receptividade entre os colegas ao seu achádego. 

Orla da promoción de Pintos na Facultade de Medicina de Santiago © Xosé A. Fraga

Un potente grupo de traballo emprendeu o camiño que permitiría a produción industrial. A iniciativa partiu de Howard Walter Florey, responsable da Escola de Patoloxía Sir William Dunn da Universidade de Oxford, quen era un competente xestor e dispuña dun importante equipo multidisciplinar que dirixía desde unha perspectiva moderna, conectando a actividade de laboratorio coa aplicación clínica. Nese grupo o bioquímico Ernst Boris Chain foi quen de estabilizar e purificar a penicilina

A publicación do descubrimento da penicilina en xuño de 1929, no British Journal of Experimental Pathology, por Fleming obtivo moi pouca repercusión entre a comunidade científica. De momento non tiña aplicación práctica, era un composto moi inestable e difícil de illar pero, contrariamente ao afirmado, o médico escocés –utilizando disolucións impuras do antibiótico– non abandonou o seu estudo, mesmo o utilizou con éxito, por exemplo, para tratar unha conxuntivite grave en 1932, e semella que era consciente do seu potencial terapéutico. No Segundo Congreso Internacional de Microbioloxía celebrado en Londres en 1936 falou das posibilidades clínicas da penicilina pero obtivo moi escaso eco. En 1939, segundo o seu caderno de notas, intentaba mellorar a produción dese antibiótico, nese tempo buscaba acadar axuda dalgún químico para resolver o tema. 

En todo caso, semella que malia os esforzos que realizou, Fleming estaba a principios dos anos corenta nunha vía morta de cara a acadar o uso clínico xeneralizado da penicilina. Nese contexto, desde unha institución diferente, un potente grupo de traballo emprendeu o camiño que permitiría a produción industrial. A iniciativa partiu de Howard Walter Florey, responsable da Escola de Patoloxía Sir William Dunn da Universidade de Oxford, quen era un competente xestor e dispuña dun importante equipo multidisciplinar que dirixía desde unha perspectiva moderna, conectando a actividade de laboratorio coa aplicación clínica. Nese grupo o bioquímico Ernst Boris Chain foi quen de estabilizar e purificar a penicilina. Resultaron satisfactorios os posteriores ensaios clínicos, proceso no que xogou un importante papel a muller de Florey, a tamén médica e australiana Mary Ethel Hayter Reed. O seguinte paso foi desenvolver a produción industrial, algo que se viu favorecido pola II Guerra Mundial. Asemade, a química e experta en cristalografía de raios X Dorothy Hodgkin, que obtería o premio Nobel de Química en 1964, confirmou a estrutura da molécula, adiantada por Chain. 

O médico escocés recibiu numerosas homenaxes e recoñecementos en todo o mundo, visitando España (Barcelona, Madrid e Andalucía) na primavera de 1948, dous anos despois da conferencia de Pintos. En Galicia, polo que sei, hai rúas dedicadas á súa memoria en A Coruña, Ferrol, Lugo, Pontevedra, Ourense e Carballo; ademais, un monumento en Vilagarcía e un colexio de Vigo levan o seu nome

Se nos preguntamos quen tivo máis mérito no logro de que a penicilina se convertera nun medicamento moi importante deberíamos dicir que os tres protagonistas foron imprescindibles, Alexander Fleming, Howard Walter Florey e Ernst Boris Chain. Como indicamos, quen acadou maior popularidade foi Fleming, quizás porque a historia do descubrimento por azar resultaba moi atractiva para o público. O médico escocés recibiu numerosas homenaxes e recoñecementos en todo o mundo, visitando España (Barcelona, Madrid e Andalucía) na primavera de 1948, dous anos despois da conferencia de Pintos. En Galicia, polo que sei, hai rúas dedicadas á súa memoria en A Coruña, Ferrol, Lugo, Pontevedra, Ourense e Carballo; ademais, un monumento en Vilagarcía e un colexio de Vigo levan o seu nome. 

 

Conversas nocturnas

Nos derradeiros anos da súa vida Iglesias Corral demandaba ao seu cuñado Pintos que pasara as noites preto de onde durmía; tiña medo de sufrir algún problema de saúde e prefería ter ao médico cerca del. Imaxino que nos momentos previos a que o sono os dominara recrearían episodios das súas vidas. Manuel tiña moito que contar, múltiples peripecias da súa intensa e singular existencia. Probablemente, nese ambiente de intimidade e repaso do percorrido vital, Jesús lembraría a súa rebelde e emocionante mocidade habanera e, por suposto, a carta que en agosto de 1946 recibira de Alexander Fleming.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.