A chegada a Galicia da penicilina, un medicamento “milagroso” (1944)

Penicilina Dominio Público

O médico xubilado Francisco Sobrido González lembra a dramática experiencia que viviu a finais do verán de 1944. Aos seus 88 anos conserva nun bote de cristal o frasco que albergaba a primeira dose de penicilina que lle salvou a vida na Vilagarcía natal. O de Sobrido constituíu un dos primeiros casos de uso dese antibiótico en España, porén uns meses antes, en marzo, o médico Rafael Fernández Obanza fora o primeiro en inxectar aquel medicamento “milagroso” na súa consulta coruñesa.

 

Microbios e enfermidades

O médico xubilado Francisco Sobrido González lembra a dramática experiencia que viviu a finais do verán de 1944. O de Sobrido constituíu un dos primeiros casos de uso dese antibiótico en España, porén uns meses antes, en marzo, o médico Rafael Fernández Obanza fora o primeiro en inxectar aquel medicamento “milagroso” na súa consulta coruñesa

O químico Louis Pasteur (1822-1895) defendeu a novidosa, e pouco intuitiva, idea de que as enfermidades infecciosas teñen a súa orixe nos microorganismos. Robert Koch (1843-1910) ofreceu unha proba relevante no respaldo desa teoría. Descubriu que unha bacteria, o Bacillus anthracis,  era a causante da enfermidade do carbuncho, tamén chamada ántrax maligno. A identificación de numerosos microbios patóxenos na segunda parte do século XIX veu acompañado da busca de terapias para enfrontalos: vacinas e medicamentos eficaces. Nese proceso entraron en xogo os antibióticos, substancias químicas producidas por seres vivos ou de orixe sintética que matan ou impiden o crecemento de microorganismos, xeralmente bacterias. 

Os primeiros antibióticos sintéticos eficaces fonte as infeccións bacterianas no ser humano foron as sulfamidas. O Prontosil comezou a experimentarse en 1932 nos Laboratorios Bayer, sendo patentado en 1935. Trataba unha ampla gama de infeccións causadas por algún tipo de bacterias esféricas (cocos), concretamente os estreptococos (agrupación en cadeas), porén o seu efecto era menor sobre as causadas por outros cocos. Tiveron éxito nos inicios da II Guerra Mundial, pois eran útiles nas infeccións de feridas, de feito o po de sulfamida formaba parte do equipamento de primeiros auxilios dos soldados e botábase sobre calquera ferida aberta.

Malia os beneficios das sulfamidas, non existía un tratamento eficaz para infeccións como a pneumonía, a gonorrea ou a febre reumática e as persoas con infeccións en sangue tiñan un futuro complicado. Un novo antibiótico viría a mudar ese desolador panorama.

Francisco Sobrido co frasco de penicilina (nun bote) que lle inxectaron en 1944 © Xosé A. Fraga

A aparición da penicilina

Malia os beneficios das sulfamidas, non existía un tratamento eficaz para infeccións como a pneumonía, a gonorrea ou a febre reumática e as persoas con infeccións en sangue tiñan un futuro complicado. Un novo antibiótico viría a mudar ese desolador panorama

O médico escocés Alexander Fleming (1881-1955) foi quen descubriu o antibiótico que cambiaría a historia: a penicilina. En setembro de 1928 observou no seu laboratorio do Hospital Saint Mary de Londres que un cultivo dunhas bacterias estaba alterado pola presenza dun fungo. Os afectados eran estafilococos (cocos agrupados en forma de acio), concretamente o Staphylococcus aureus, un microbio que desde a pel e mucosa pode pasar ao sangue e provocar importantes enfermidades. Fleming interpretou que o fungo inhibía o crecemento das bacterias porque producía unha substancia, que acabou denominando –debido a que o fungo era do xénero Penicillium– penicilina. Ademais, comprobou que tamén era quen de matar a outras bacterias patóxenas, como estreptococos, meningococos e o bacilo da difteria. 

En 1929 Fleming publicou o seu achado pero non tivo repercusión práctica, no terreo clínico porque a penicilina era un composto moi inestable e difícil de illar. A situación mudou a principios dos anos corenta, Ernst Boris Chain e Howard Walter Florey da Universidade de Oxford acadaron a forma de estabilizar e purificar a penicilina e os ensaios clínicos resultaron satisfactorios. O seguinte paso foi desenvolver a produción industrial, algo que se viu favorecido pola II Guerra Mundial. As infeccións provocadas por feridas eran afrontadas con sulfamidas que, como vimos, non actuaban sobre todos os cocos, e a chegada dun axente antibacteriano potente como a penicilina era moi necesaria. 

En 1929 Fleming publicou o seu achado pero non tivo repercusión práctica, no terreo clínico porque a penicilina era un composto moi inestable e difícil de illar. A situación mudou a principios dos anos corenta, Ernst Boris Chain e Howard Walter Florey da Universidade de Oxford acadaron a forma de estabilizar e purificar a penicilina e os ensaios clínicos resultaron satisfactorios

Nese contexto, coa industria química inglesa moi ocupada noutras tarefas relacionadas coa guerra, foi preciso acudir para a produción industrial da penicilina aos EEUU, que aínda non entraran na contenda. En América tiveron lugar novos ensaios en 1942 e o medicamento xa estaba dispoñible para o público en 1943 no mundo anglosaxón e países amigos. Nesas datas o antibiótico xa se anunciaba na publicidade, con expresións como esta nalgúns carteis: “Cure gonorrhea in four hours” (“Cura a gonorrea en catro horas”).

En España a situación era ben diferente. Na guerra entre Hitler e os aliados o franquismo identificarase, en coherencia coa súa ideoloxía, co nazismo, de feito mandara unha unidade militar para combater coas tropas alemás (a División Azul). A raíz da derrota do exército alemán en Stalingrado (febreiro 1943), que sinalaba o declive do eixo fascista na guerra, produciuse un distanciamento do Goberno español co bando nazi e medraron os contactos cos aliados. Malia ese cambio de estratexia, o Goberno de Franco permanecía nunha situación de illamento internacional. Nese contexto, o acceso en España á penicilina era ben difícil, a pouca que chegaba procedía do mercado negro (“estraperlo”) e/ou de contactos especiais.

A penicilina entrou por A Coruña

A primeira vez que se utilizou a penicilina en España foi na consulta coruñesa do Cantón Pequeno do médico Rafael Fernández Obanza. Aconteceu o venres 10 de marzo de 1944 e o paciente foi un enxeñeiro que traballaba nunha mina de volframio (tungsteno) de Laxe que padecía unha endocardite bacteriana complicada con lesión de válvula mitral

A primeira vez que se utilizou a penicilina en España foi na consulta coruñesa do Cantón Pequeno do médico Rafael Fernández Obanza. Aconteceu o venres 10 de marzo de 1944 e o paciente foi un enxeñeiro que traballaba nunha mina de volframio (tungsteno) de Laxe que padecía unha endocardite bacteriana complicada con lesión de válvula mitral1. Os 9 frascos do medicamento supuñan un total de 200.000 U.I. (Unidades Internacionais), uns 125 miligramos, e viñeron do Exército norteamericano do norte de Africa, vía Xibraltar (La Vanguardia Española, ABC de Madrid de 12 de marzo). Obanza inxectou ás 11 da mañá ao enfermo, que tiña 39º C de febre. O día 11, coa temperatura xa a 37ºC, aplicou unha nova dose, apreciándose unha “franca mejoría” con esa segunda inxección (ABC Madrid, 12 de marzo). Nos medios consultados non aparece o nome do enxeñeiro e mesmo hai versións diferentes sobre se finalmente se salvou ou morreu. 

Fernández Obanza non lle daba moito mérito ao seu papel pioneiro na administración de penicilina. Este médico, que viviu unha longa vida (cen anos), nacera en Madrid, mais a súa familia se trasladou aos poucos meses de nacer Rafael para a cidade herculina. Cursou Medicina na Facultade de Santiago de Compostela e volveu para A Coruña, onde montou a consulta. Neste artigo incluímos un excelente, e moi pouco coñecido, retrato de Obanza que é obra do pintor Fernando Álvarez de Sotomayor. Conservase nos locais da Real Academia de Medicina de Galicia, na rúa Durán Loriga coruñesa (edificio Salvador de Madariaga). Soubemos da súa existencia polas indicacións do amigo Carlos González Guitián.

O médico Obanza tiña sona de pusuír moi bo “ollo clínico”, coidadoso e atento cos seus pacientes, partidario de priorizar o trato cos enfermos e a observación detallada. Exerceu a medicina ata moi avanzada idade. Por un tempo tiña como costume acudir, despois de xantar, co coche a Santa Cristina, onde, sentado no vehículo, descansaba e botaba unha cabezada. Semella que en xullo de 2010 se autodiagnosticou un cancro e aplicou el mesmo a terapia pero morreu aos oito días. 

Retrato de Rafael Fernández Obanza obra do pintor Fernando Álvarez de Sotomayor. © Xosé A. Fraga

Amparito non tivo sorte 

A aplicación da penicilina en Madrid foi o mesmo día, 10 de marzo, que o da inxección de Obanza pero unhas tres horas posterior á da Coruña

O mesmo 10 de marzo que Obanza utilizaba a penicilina na súa consulta chegaban doce frascos inxectables dese medicamento a Madrid desde Brasil para atender á nena Amparo Peinado, afectada dunha infección bacteriana no torrente sanguíneo, unha septicemia. O pai de Amparo acudira á embaixada de Brasil, onde recolleu o medicamento que fixera a viaxe nun termo con xeo. La Vanguardía de España informou que o custe do medicamento era duns 15.000 dólares, que foran pagados polo Goberno brasileiro. Cando chegou o pai de Amparito ao domicilio, situado no barrio de Argüelles, axiña un practicante V. Cabrerizo inxectou á nena a primeira dose, mais a febre e infección non remitían. Tampouco coa segunda dose, a nena seguiu empeorando e morreu aos poucos días. A aplicación da penicilina en Madrid foi o mesmo día, 10 de marzo, que o da inxección de Obanza pero unhas tres horas posterior á da Coruña.

Salvouse Paquito Sobrido”

En setembro de 1944 o Goberno español chegou a un acordo co de EEUU (que tiña o 95% das existencias mundiais do antibiótico) para recibir ese medicamento para “enfermos necesitados”; o primeiro envío chegou o día 20 dese mes. Estableceuse un depósito en Madrid, xestionado polo Colexio farmacéutico local. En 1947 pasou a venderse en farmacias mais ao ano seguinte aínda era un ben escaso

Francisco Sobrido naceu nas Rías Baixas; “son moi de Vilagarcía”, dime. No verán do ano 1944 tiña 8 anos e pasou as vacacións en Carballedo (Concello de Cotobade). No remate do verán volveu axiña á casa afectado por unha septicemia, unha grave infección xeral do organismo. O pai coñecía aos fillos de quen fora cónsul inglés en Vilagarcía, Cameron Walker, quen o puxo en contacto coa embaixada británica na capital de España, onde non dispuñan do penicilina, pero o remitiron ao hospital anglo-americano de Madrid. Alí lle facilitaron o medicamento “milagroso”, que chegou a Vilagarcía en tren, con numerosas paradas en estacións intermedias, onde –avisados os xefes– gardaban xeo para acompañar á penicilina. 

O médico Manuel Tourón, amigo da familia, pasaba as noites na casa dos Sobrido. El foi quen lle inxectou a primeira dose da penicilina, 100.000 U. I., a que se gardaba no frasco que vemos nunha imaxe. Despois encargouse do resto das tomas, xa de penicilina retardada, moi densa. O neno recuperouse e a nova tivo un grande impacto na vila, “Salvouse Paquito”. Francisco Sobrido estudaría Medicina en Santiago de Compostela e desenvolveu gran parte da súa actividade profesional no Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (CHUAC), daquel Hospital Juan Canalejo, onde foi xefe de sección de cirurxía torácica e pulmonar. 

 

O camiño da regularización

Para min a penicilina sempre estará asociada a Elías Cerqueiro, o entrañable practicante do barrio. Lémbroo na súa consulta da rúa Vizcaya e, sobre todo, cando acudía á casa, na Falperra

Ese ano 1944 déronse en España varios casos con certa sona relacionados co uso da penicilina. Un deles o do salientable médico Carlos Jiménez Díaz, que en agosto sufriu unha grave pneumonía, da que se salvou grazas ao antibiótico obtido no bar de Perico Chicote por medio do mercado negro. En setembro o Goberno español chegou a un acordo co de EEUU (que tiña o 95% das existencias mundiais do antibiótico) para recibir ese medicamento para “enfermos necesitados”; o primeiro envío chegou o día 20 dese mes. Estableceuse un depósito en Madrid, xestionado polo Colexio farmacéutico local. En 1947 pasou a venderse en farmacias mais ao ano seguinte aínda era un ben escaso. A fabricación española comezou nos anos cincuenta, o que permitiría a regularización da subministración2.

Para min a penicilina sempre estará asociada a Elías Cerqueiro, o entrañable practicante do barrio. Lémbroo na súa consulta da rúa Vizcaya e, sobre todo, cando acudía á casa, na Falperra. Chegaba suando ao segundo andar e alí sacaba a súa caixiña metálica, coa xiringa e agullas, e dous frascos. Nun deles estaba o po branco –o antibiótico– e no outro o liquido no que o disolvía. A continuación tiña lugar un momento especial: o coidadoso practicante axitaba con xesto serio e concentrado a mestura ata acadar un liquido homoxéneo e sen grumos. A xiringa succionábao e xa viña a picada.

 

Notas

1 Gonzálerz, J. & Orero, A. (2007): La penicilina llega a España10 de marzo de 1944, una fecha histórica. Revista Española de Quimioterapia, v. 20, n. 4: 446-450.

2 González Bueno, A; Rodríguez Nozal, R. & Pérez Teijón, C. (2012): La penicilina en España. Difusión, propiedad industrial y negocio, en clave autárquica (1944-1959), Estudos do Seculo XX, 12: 271‐288. Coimbra.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.