1. A expresión que encabeza esta opinión foilles tomada dun comentario da profesora Rosario Leñero, compañeira de profesión da Universidade de Huelva, co que pretendía expresar a natureza do suspeitoso “cheiro” que saía do Auto nº 128/2020, do 8 de outubro, da Sala do Contencioso-administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Madrid, sobre a denegación do peche perimetral de 10 concellos madrileños solicitado polo goberno do Estado.
Convén explicar brevemente o seu contido, e situalo en contexto.
2. Como é sabido, este Auto rexeitou ratificar a legalidade da Orde 1273/2020, de 1 de outubro, da Consellería madrileña de Sanidade, pola que se establecían medidas preventivas en dez municipios madrileños (Alcalá de Henares, Alcobendas, Alcorcón, Fuenlabrada, Getafe, Leganés, Madrid, Móstoles, Parla e Torrejón de Ardoz), en execución da Orde do Ministro de Sanidade de 30 de setembro, pola que se aprobaban actuacións coordenadas en saúde pública.
O argumento xurídico central que utilizou o Tribunal Superior madrileño foi a prevalencia dos dereitos fundamentais de libre circulación dos afectados/as, fronte a unhas medidas preventivas de confinamento perimetral que carecían de suficiente apoio legal.
O argumento xurídico central que utilizou o Tribunal Superior madrileño foi a prevalencia dos dereitos fundamentais de libre circulación fronte ás medidas preventivas. Por moito que pareza un razoamento “libertario”, a argumentación é extravagante do punto de vista xurídico
Por moito que pareza un razoamento “libertario”, a argumentación é extravagante do punto de vista xurídico. Por que razóns?
3. Primeiramente, porque fronte á interpretación da abrumadora maioría dos xuíces do contencioso (que tiñan até o 21 de setembro a competencia de ratificación das medidas sanitarias, data a partir da cal esta competencia foi elevada ás Salas dos TSX pola Lei 3/2020, do 18 de setembro), das Salas do contencioso-administrativo e dos propios gobernos autonómicos como o galego, a Sala madrileña considerou que os confinamentos perimetrais, pola súa “compresión” do dereito fundamental de liberdade de circulación, non poden ampararse nin no artigo 3 da Lei Orgánica 3/1986, nin nos artigos 26 e seguintes da Lei Xeral de Sanidade de 1986, nin no recentemente reformado artigo 65 da Lei de 2003 de Cohesión e Calidade do Sistema Nacional de Saúde e restantes leis autonómicas que desenvolvan a materia sanitaria de conformidade con esta lexislación básica, nin tampouco na lexislación (básica e autonómica) sobre protección civil. Ningún de entre toda esta batería preceptos legais era o suficientemente idóneo para poder limitar o dereito deambulatorio dos cidadáns.
A Sala entrou así sen pudor en consideracións propias dun control de constitucionalidade – como a proporcionalidade e idoneidade dos preceptos legais citados para limitar dereitos fundamentais– que están reservadas ao Tribunal Constitucional. Lonxe de suscitar a correspondente cuestión de inconstitucionalidade das previstas no artigo 35 da Lei Orgánica do Tribunal Constitucional, o Tribunal madrileño comete un evidente exceso de xurisdición.
Esta falta de formulación da cuestión de inconstitucionalidad supón, de facto, vulnerar o equilibrio constitucional entre o poder xudicial e o resto de poderes do Estado. De feito, é extravagante que, saltándose a súa función revisora da actuacion administrativa, un Tribunal Superior lle sinale aos poderes executivo e lexislativo a necesidade de lexislar de maneira específica para poder adoptar a medida dun confinamento perimetral da poboación por razóns sanitarias
4. Ademáis, a Sala desbota sen maior argumentación a alternativa hermenéutica de avaliar a idoneidade e proporcionalidade do confinamento mediante o método da ponderación dun dereito fundamental de circulación (art. 19 CE) e o dereito fundamental á vida e á integridade física (artigo 15 CE), que está reforzado, ademáis, polo principio reitor do dereito á saúde do artigo 43 CE e a recente xurisprudencia do Tribunal Europeo de Dereitos Humanos (cabe lembrar aquí a sentenza Asiye Genç c. Turquía, do 27 de xaneiro do 2015, que condenou ao Estado turco por incumprir os seus hospitais a función de garante da vida dun recén nado, abrindo así novas perspectivas de exixibilidade do dereito á saúde fronte aos poderes públicos).
5. A posición da Sala madrileña, por último, contrasta coa seguida un mes antes pola mesma Sala na sentenza nº 594/2020, do 28 de agosto, que anulou en apelación o Auto do xulgado contencioso-administrativo nº 2 de Madrid do 20 de agosto.
Este Auto do 20 de agosto denegara a ratificación da Orde 1008/2020, do 18 de agosto, da Consellería de sanidade madrileña, que tamén adoptara medidas preventivas da saúde en Madrid. Dito sexa de paso, o xuíz autor desta sentenza, o maxistrado Alfonso Villagómez Cebrían, vai ser ascendido polo Consello Xeral do Poder Xudicial a maxistrado do Tribunal Superior de Xustiza de Valencia, segundo información de onte mesmo (13 de outubro) de El Correo Gallego.
6. Contodo, a denegación xudicial da ratificación das medidas sanitarias urxentes para evitar a alta prevalencia da COVID-19 ten sido rapidamente respondida polo Goberno central, quen ao día seguinte, o propio día nove, acordou declarar o estado de alarma nestes concellos mediante Real Decreto 900/2020, por un prazo de 15 días, usando o comodín que desde o 21 de xuño se negou a utilizar para encauzar xurídicamente a nova normalidade e a segunda curva da epidemia, prevista para outrono.
Mediante esta decisión, o goberno bipartito do Estado elevou a rango de Lei a adopción de medidas de contención sanitaria, sacando así o seu control xudicial fóra do alcance da xustiza ordinaria contencioso-administrativa. De modo que só o Defensor del Pueblo (moi improbablemente, sendo PSOE o seu titular actual) e 50 deputados ou senadores (moi probablemente, VOX) poderán presentar recurso de inconstitucionalidade contra o estado de alarma madrileño perante o Tribunal Constitucional, en defensa por suposto, da “libertade” do bon povo de Madrid fronte ao comunismo sanitario totalitario do goberno do Estado.
A discusión sobre a validez xurídica do Auto do Tribunal Superior de Madrid ficará así pendente do eventual recurso de casación que presente a Avogacía do Estado perante o Tribunal Supremo, ou do recurso de inconstitucionalidade que presente a dereita parlamentar contra o estado de alarma. Transcorrerán meses, pois, sen tutela xudicial efectiva fronte a este problema.
7. Con todo, o Auto do TSJ madrileño sentou unha liña “libertaria” fronte ás medidas de policía administrativa sanitaria que está calando na maxistratura para alén do moi particular clima anaeróbico do hábitat no que se desenvolven as elites madrileñas.
O mainstream dos xuíces e maxistrados do contencioso-administrativo en España parece estar posicionándose crescente e explicitamente na confrontación política estrutural que se está a librar nesta nova fase crítica para o Réxime constitucional do 1978
O propio Tribunal Superior de Xustiza de Aragón denegou xa a ratificación de dúas ordes de confinamento perimetral de dous concellos aragoneses, o de Andorra (Auto 87/2020, do 6 de outubro) e o de La Almunia de Doña Godina (Auto do 10 de outubro).
Así as cousas, non é descartable que o goberno do Estado comece a declarar estados de alarma de ámbito municipal polo período de quince días (que non precisa de ratificación parlamentar), cando os Tribunais Superiores decidan seguir a tendencia madrileño-aragonesa de non ratificar as medidas de contención sanitaria que nesta segunda onda aproben as súas respetivas comunidades autónomas.
8. Que hai detrás destas graves discrepancias xurídicas?
Volvemos ao comezo deste artigo. O Lawfare ou guerra xurídica, ten sido invocado como o concepto que mellor expresa, no momento neoliberal autoritario que atravesa o mundo actual, a utilización da interpretación das leis ao servizo da loita contra os inimigos políticos.
O que está a pasar, ao meu xuízo, é que o mainstream dos xuíces e maxistrados do contencioso-administrativo en España parece estar posicionándose crescente e explicitamente na confrontación política estrutural que se está a librar nesta nova fase crítica para o Réxime constitucional do 1978.
Ainda non totalmente superadas as dúas últimas crises acumuladas durante os últimos dez anos (a crise financieira do 2009, e a crise territorial catalana do 2012-2017), a pandemia da Covid-19 está sendo xa abertamente utilizada polo bloque das dereitas como ariete de mobilización social contra o goberno bipartito de esquerdas. E como parte dese bloque, a dereita xudicial, dominante nas salas do contencioso-administrativo dos Tribunais Superiores, da Audiencia Nacional, do Tribunal Supremo e do Tribunal Constitucional, está comezando a desenvolver un crescente activismo xudicial destinado a agudizar as contradicións do Goberno estatal. Un peculiar activismo neoliberal, no que predomina a invocación dos dereitos fundamentais, releídos en clave de iusnaturalismo anarcocapitalista, e a apelación directa á Constitución, mesmo por riba do principio de legalidade.
Se o activismo da xurisdición penal foi clave na resposta ao movemento independentista catalán, o activismo da xurisdición contenciosa pode estar tomando o relevo como vanguarda da defensa do Estado profundo, da constitución material da sociedade española. O Poder Xudicial –cuxa lexitimidade, non por acaso, se insiste ultimamente en situar baixo a man de El-Rei–, actuaría así como garante directo dos dereitos da cidadanía e da Constitución fronte a un Parlamento impotente e un Goberno desnortado.
Quédanos, pois, moito “Eau de Lawfare” que cheirar, e será necesario conservar o olfato, mesmo cando a Covid-19 nos provoque anosmia...