Ecocidas e vasalos no Brasil

Luiz Inácio Lula da Silva ©

Rafael Alberti dicía que nunca coñecera un fascista intelixente. É unha máxima poética, máis que política, a pesar da carga social que desprende. Alemaña era o país máis culto do mundo cando xerou o nazismo. Iso non suaviza o nazismo, senón que empequenece os valores da cultura como antídoto da barbarie, polo menos relativamente.

A analista Nazanin Armanian leva razón: a mente da extrema dereita é incapaz de encontrar harmonía nin método de convivencia con outros seres do planeta, porque a súa paixón é mutilar, expulsar, matar.

O presidente Jair Bolsonaro legalizou a venda de pistolas parabellum nove milímetros aos cidadáns comúns precisamente cando a Amazonia ardía por 75.000 lugares. Burlábase dicindo que a culpa dos incendios é das organizacións non gobernamentais e non sopesaba as consecuencias diplomáticas. Así que ademais de fascista, obtuso político. Este si.

E os seus ministros tamén, co mesmo ímpeto destrutivo. O de ambiente chámase Ricardo Salles, violento, con complexo de superioridade e incapaz. O seu lema persoal de candidato aos comicios electorais foi este: “Contra a praga do javali, contra o roubo do trator, de gado e de insumos, contra a esquerda e o Movimento dos Sem Terra, contra a bandidagem no campo, bala. Vote Ricardo Salles”. Abomina publicamente da existencia do estado. Bolsonaro encargoulle a destrución dos organismos que protexían a Amazonia. Posuía un mestrado por Yale, até que https://theintercept.com/brasil/ a extraordinaria páxina dixital que persigue delincuentes políticos e xuíces corruptos, escrita en portugués, informou da trola. Nunca Yale pisou. No mes de marzo, sendo xa ministro de ambiente, cesou 21 dos 27 superintendentes rexionais do Ibama (Instituto de Meio Ambiente) e empapelou ao presidente do Instituto de Pesquisas Especiais, para sancionalo, porque o home preveu que se podían producir queimas na Amazonia. Grazas á intervención do moderado Bolsonaro, o científico librou do auto de fe fascista.

Izabella Teixeira foi ministra do meio ambiente no goberno de Lula da Silva. Creou o Ibama (Instituto de Meio Ambiente). Explica que os incendios permanecían invisíbeis até que interveu o presidente Macron. “É uma crise política absolutamente séria, que pode provocar problemas comerciais. É grave quando o presidente de um país amigo se sente enganado pelo presidente brasileiro” di a señora. “ O presidente do Brasil precisa assumir seu papel de chefe de estado, caso contrário estará sendo de um primarismo político sem precedentes, sem conhecemento para entender o tamanho das possíveis emboscadas que a política internacional pode fazer. O mundo lá fóra é muito duro. Na hora dos interesses, cada um defende o seu. Brasil deve ser sério.”.

Que intereses ten Francia no enfrontamento con Bolsonaro?

O Tratado de Libre Comercio entre o Mercosul e a UE afectará a Francia, que se sente molesta pola importación de carne de vacún procedente do Brasil. Esa é unha causa importante da disputa, por aí se xera o conflito, pero o problema profundo é a Parceria Estratégica.

 

PARCERIA ESTRATÉGICA

Nos inicios dos anos 2000 estableceuse un vínculo especial no sector da defensa entre os dous países. Finalmente en 2006 Lula da Silva e Jacques Chirac asinaron o documento chamado Parceria Estatégica e en 2008 ampliouse a axenda a diálogo político, gobernanza internacional, linguas, supercomputación, sector espacial, migración, desenvolvemento sustentábel, actuación conxunta en África e outros campos.

Buscaron unha relación privilexiada. No campo da defensa con dous grandes programas, de submarinos e de helicópteros. Dito con moita rapidez, Brasil compraría armas avanzadas a Francia, con transferencia tecnolóxica incluída, e dese xeito diminuiría a subordinación e a dependencia dos EEUU. Unha estratexia de distanciamento no camiño para afirmarse como potencia de primeiro nivel. Francia apoiaría a entrada do Brasil no Consello de Seguridade da ONU. Un diálogo bilateral, por tanto, unha alianza, que reforzaba a independencia nacional e consolidaba o espazo de América Latina como bloco nacente.

Brasil decidiu dotar a forza aérea con novos avións de combate en 2009. O goberno de Lula opta polos Rafale franceses. Soledad Gallego Díaz titulaba en El País do 6 de Decembro de 2010: “O idilio entre Lula e Sarkozy é un obstáculo para o contrato de Boeing”. “Os norteamericanos aseguran que o problema non é o prezo, pois os F-18 son máis baratos que os Rafale, senón o love affaire (idilio) entre Lula e Sarkozy e a esixencia de Brasil de que os avións vaian acompañados por unha importante transferencia tecnolóxica”.

Ante o empeño persoal de Lula, o goberno de EEUU sintoniza os seus subordinados brasileiros, escritorios de avogacía, xuíces, procuradores, xornalistas, militares e por suposto políticos da oposición ( isto ten que ser así porque senón implicaría que a máquina imperial non funciona) e todos acusan a Lula de recibir propinas de Francia. “Lula quase nos mete na roubada dos Rafale”, di a misérrima revista VEJA. Lula inhíbese e deixa a decisión para a súa sucesora, Dilma Rousseff, que optou finalmente por avións escandinavos da Saab. Evidentemente, o goberno de Bolsonaro tiña o encargo político de romper a relación bilateral privilexiada entre Francia e Brasil, debía culminar a ruptura.

Na operación de derribo contra os trabalhistas, os xuíces brasileiros chegaron a envolver na operación de lawfare* ao primeiro ministro sueco. Flavio Aguiar escribía en 2017 que estes elementos son capaces de até envolver a familia real con tal de acadar protagonismo internacional. E a continuación comenta “ vâo envolver até, possivelmente, o ex presidente Sarkozy, da França”.

Efectivamente, o ex presidente francés François Hollande declarou como testemuña ante xuíces brasileiros este 4 de xullo de 2019, en París. Sarkozy recusou comparecer. Os xuíces corruptos investigan agora o contrato cos suecos e encebolan os ex presidentes de Francia.

Todo isto axuda a entender a durísima posición de Macron. Acabouse a confianza e a relación privilexiada. Brasil xa non é serio, manda un troglodita.

 

*Lawfare: Uso abusivo de procedementos legais nacionais e internacionais para danar de xeito ilexítimo a un opoñente, baixo aparencia de legalidade. Esta práctica combínase normalmente con outras, destinadas igualmente a dar un golpe brando, accedendo indebidamente ao poder, sen utilizar a forza militar.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.