O 20 de decembro de 1847, no quirófano do Hospital Real de Santiago de Compostela (actual “Hostal de los Reyes Católicos”), Domingo Barreiro e Georgina Caamaño foron operados polos doutores Vicente Guarnerio e José González Olivares. A transcendencia desas intervencións é que tiveron lugar sen dor, polo novidoso uso de cloroformo como anestésico
O 20 de decembro de 1847, no quirófano do Hospital Real de Santiago de Compostela (actual “Hostal de los Reyes Católicos”), Domingo Barreiro e Georgina Caamaño foron operados polos doutores Vicente Guarnerio e José González Olivares. A transcendencia desas intervencións é que tiveron lugar sen dor, polo novidoso uso de cloroformo como anestésico. Xunto coa operación realizada o mesmo día en Barcelona polo médico Antonio Mendoza, era o comezo da utilización desa substancia en España, empregada por vez primeira por James Young Simpson a inicios de novembro en Edimburgo. Un notable avance na Medicina e nas condicións das persoas sometidas a intervencións cirúrxicas.
Retos da Cirurxía a mediados do século XIX
Ata a metade do século XIX os cirurxiáns debían realizar as operacións dun xeito ben rápido, pois carecían de medios para sedar ao doente; asemade, tiñan problemas coas hemorraxias e a propia intervención xeraba case sempre perigosas infeccións, polo que a taxa de mortalidade entre os pacientes que pasaban por un quirófano resultaba moi elevada. Esas intervencións constituían un terrible espectáculo, co enfermo amarrado na mesa de operacións, berrando, soportando un sufrimento brutal. Por iso un dos elementos que distinguían aos mellores cirurxiáns era a rapidez na súa intervención. James Syme, a quen lle chamaban o “Napoleón da cirurxía”, fixérase célebre en 1823 ao completar en Edimburgo a amputación dunha perna –incluíndo a cadeira– en menos dun minuto. A aplicación da anestesia permitiría aos especialistas dispoñer de tempo para traballar con vagar nas súas intervencións e, ademais, reducir o sufrimento do operado.

Xunto coa operación realizada o mesmo día en Barcelona polo médico Antonio Mendoza, era o comezo da utilización desa substancia en España, empregada por vez primeira por James Young Simpson a inicios de novembro en Edimburgo. Un notable avance na Medicina e nas condicións das persoas sometidas a intervencións cirúrxicas
A escola médica de Edimburgo
Na capital de Escocia, esa activa e fermosa cidade chea historia, na que a chuvia adoita formar parte da paisaxe cotián, funcionou unha das escolas médicas máis importantes dos séculos XVIII e XIX, xerando avances decisivos que transformaron a Medicina e a Cirurxía. Edimburgo exerceu o liderado no conxunto do Reino Unido e a súa sona e influencia chegaron a moitos lugares, entre outros a Galicia. Xunto á formación médica avanzada, a escola escocesa mudou o papel subalterno da Cirurxía. A esta actividade, considerada unha práctica artesanal –valoración que persistiría durante bastante tempo noutros países– incorporoulle a experimentación e o coñecemento científico actualizado que a converteron nunha prestixiosa categoría profesional e asociada a notables avances médicos.
Nese proceso participaron destacados médicos e cirurxiáns, como John Hunter (1728-1793), que xogou un papel decisivo no período inicial, defendendo a investigación e experimentación e botando man das técnicas da Patoloxía e da Fisioloxía para comprender mellor a curación. Tamén Benjamin Bell (1749-1806), considerado o pai da escola de cirurxía de Edimburgo. Outro Bell, Charles (1774-1842), foi unha figura da Cirurxía e Medicina británicas, un dos anatomistas máis importantes da súa época. A conexión deste Bell con Galicia procede da súa intervención como médico voluntario a principios de 1809 en Portsmouth, onde chegaran uns 5.000 soldados enfermos e feridos do exército expedicionario británico que foron repatriados no porto coruñés despois da batalla de Elviña. Bell aproveitou para realizar un rexistro gráfico dalgúns dos feridos que lle serviron de base para elaborar pouco despois unhas pinturas ao óleo sobre lenzo. Hoxe as “Corunna Paintings” están expostas no Museo de Cirurxía de Edimburgo (Surgeon´s Hall Museum), templo da historia desta disciplina.
Alexander Munro (1697-1767), formado en centros tan prestixiosos como a Universidade de Leiden, converteuse no primeiro profesor de Anatomía na Universidade de Edimburgo. O seu fillo e neto, con similar nome, sucederíano na cátedra. Os dous primeiros da saga foron salientables profesores, pero –finalmente– a endogamia acabaría demostrando as súas nefastas consecuencias. O terceiro Munro resultou ser un mal docente e un científico desfasado, nas súas clases lía as notas do avó, recibindo as protestas dos alumnos no momento no que reproducía a frase: “cando eu estudaba en Leiden”.
Xa aludimos a James Syme (1799-1870), catedrático de Cirurxía clínica de 1833 a 1869. El foi quen aceptou como asistente seu en 1853 a un inglés recen licenciado, Joseph Lister. Este médico –figura central no combate fronte as infeccións xeradas nos procesos operatorios (asepsia, antisepsia) que salvaron moitas vidas– sería designado profesor en 1855 na Universidade de Edimburgo.
A Edimburgo acudiron moitas persoas, ben para estudar Medicina e/ou Cirurxía ou para completar a súa formación. Vou referirme só a dúas delas, significativas por razóns distintas. O caso de Charles Darwin subliña a atracción de Edimburgo para os estudantes británicos. O segundo caso é o do lucense Francisco de Neira
Charles Darwin e Francisco de Neira en Edimburgo
A Edimburgo acudiron moitas persoas, ben para estudar Medicina e/ou Cirurxía ou para completar a súa formación. Vou referirme só a dúas delas, significativas por razóns distintas. O caso de Charles Darwin subliña o que levo comentado sobre a atracción de Edimburgo para os estudantes británicos. O mozo inglés acudiu á cidade escocesa en outubro de 1825 a estudar Medicina, como fixeran o avó Erasmus e o pai Robert. Alí permaneceu dous cursos e tivo que soportar as clases do terceiro dos Munro, de quen comentou que “as súas conferencias sobre anatomía humana eran tan aburridas como el mesmo, non podo falar con decencia sobre elas”. Si que gozaba coas de química de Thomas Charles Hope, difusor de da obra de Antoine Lavoisier. Darwin asistiu a leccións clínicas e a algunhas operacións –en tempos previos á anestesia– que lle impresionaron, “saín fuxindo antes de que concluíran”. Aproveitou a estadía para tratar co edimburgués Robert Edmond Grant (grande admirador do evolucionista francés Lamarck), participou en diversas actividades naturalistas pero se convenceu que a medicina non era o seu e deixou a capital escocesa, supoño que con notable decepción familiar, para facerse crego en Cambridge, algo que tampouco pasaría, pero esa é outra historia.
O segundo caso é o do lucense Francisco de Neira. Este catedrático de Institucións médicas da universidade compostelá, pasaría a ser en 1784 o primeiro profesor universitario de Galicia da área de Ciencias que completaba a súa formación en institucións europeas. Máis de quince anos antes de que Xosé Rodríguez, o matemático de Bermés, e o químico Gabriel Fernández Taboada chegaran a París para completar a súa formación científica, Neira pasou catro anos realizando unha ampla viaxe de estudos polos principais centros científicos europeos. Actualizou os seus coñecementos de Física experimental, Anatomía, Clínica e Botánica nas institucións de París, Londres e Edimburgo. De volta en Santiago, en 1789 asumiu a cátedra de Física e incorporou –por vez primeira na universidade galega– a obra de Isaac Newton, morto en 1727 e cuxa principal publicación aparecera en 1687.

Entre os profesores da escola médica de Edimburgo tamén salientou un especialista que xoga un papel protagonista no tema que hoxe tratamos, James Young Simpson (1811-1870), profesor de Obstetricia na universidade da cidade escocesa, primeiro en utilizar o cloroformo como anestésico en 1847
As razóns do éxito da escola médica de Edimburgo
Pode resultar interesante comentar, resumidamente, sobre as causas do éxito do modelo médico-cirúrxico de Edimburgo, que, desde logo, non foi produto da casualidade. Nese sentido, comecemos indicando que o Concello da cidade implicouse na tarefa, desde principios do século XVIII puxo recursos ao servizo da universidade, creando unha cátedra de Anatomía en 1720 e, nos anos seguintes, as de Botánica, Química, Materia médica (estudo dos medicamentos) e Obstetricia, polo que en 1726 xa estaba establecida completa a Escola de Medicina na Universidade de Edimburgo. Esta soubo transformarse, atenta aos novos coñecementos, e o corporativismo estivo controlado.
Os avances científicos foron trasladados ao terreo da aprendizaxe e apostouse polo ensino práctico para resolver problemas reais. Reduciuse o afastamento médico-cirurxián e dignificouse o labor deses profesionais, o ensino aplicado e unificado das especialidades animou a que os estudantes ingleses interesados polo tema acudiran a Escocia. Nas escolas de medicina inglesas estaba, nese momento, bastante abandonada a ciencia experimental e a Cirurxía era pouco valorada. De xeito parello, foron construídos hospitais que permitían atención aos doentes e a formación rigorosa e práctica dos estudantes, a súa educación clínica. Cando Joseph Lister chegou a Edimburgo en 1853 deixou constancia do seu asombro, pois fronte as 60 camas que existían no University College Hospital de Londres, a enfermería da universidade escocesa "é máis grande do que agardaba, hai 2000 camas cirúrxicas”. Ademais, outro elemento que facía atractiva a formación en Edimburgo é que para os estudantes resultaba máis económica que noutras universidades británicas.
Non foi menor a importancia de gozar na cidade dunha mentalidade favorable ás novidades e escasa presenza dos dogmatismos relixiosos. Lembremos que na liberal Inglaterra do século XIX os católicos, protestantes non oficiais (dissenters), membros doutras relixións e ateos sufrían grandes restricións para acceder ao ensino e/ou docencia. Non foi ata a Universities Tests Act 1871 (Lei de Exames Universitarios de 1871) que o Parlamento decretou a abolición dos exames relixiosos discriminatorios vixentes en Oxford e Cambridge. Volvemos ao caso de Joseph Lister, cuáquero, que por tal condición non puidera acceder en 1843 a esas universidades e tivo que estudar na nova creada en Londres, a University College. Pois ben, en Edimburgo non se aplicaban esas restricións, o que facilitaba que a ela chegaran mozos de mentalidade progresista.
Ao ambiente intelectual máis aberto que reinaba na escola médica de Edimburgo contribuíron figuras de notable impacto na cidade, como foi o caso do filósofo e historiador David Hume (1711-1776), defensor de que o coñecemento humano deriva só da experiencia. No terreo relixioso rexeitou a existencia das milagres e o argumento do deseño para probar a existencia de Deus, o que xerou controversia e acusacións de ateísmo. Acadou éxito literario como ensaísta e fixo carreira como bibliotecario na universidade de Edimburgo. O escepticismo de Hume encaixaba ben na perspectiva crítica que sustenta a práctica da ciencia moderna.
As novas sobre o uso de cloroformo por Simpson espalláronse rapidamente por Gran Bretaña, o 20 de novembro xa foi utilizado polo cirurxián William Fergusson no hospital St. Bartholomew de Londres e en decembro era algo coñecido no resto dos países europeos. A España chegaron polos xornais médicos e os de información xeral ingleses e, sobre todo, franceses
James Young Simpson e a chegada da anestesia
Entre os profesores da escola médica de Edimburgo tamén salientou un especialista que xoga un papel protagonista no tema que hoxe tratamos, James Young Simpson (1811-1870), profesor de Obstetricia na universidade da cidade escocesa, primeiro en utilizar o cloroformo como anestésico en 1847. Un ano antes comezara a usarse o éter sulfúrico con esa finalidade. Despois dalgunha experiencia en EEUU, o médico Robert Liston, formado en Edimburgo e catedrático de Cirurxía do Colexio universitario de Londres, o utilizou en decembro de 1846 nunha amputación. Por certo, cando o operado –Frederik Churchill, 36 anos– espertou da anestesia pediu que non o interviran: “doutor, penseino mellor, cambiei de opinión”; xa non tiña perna.
A aplicación do éter resultaba incómoda e os especialistas buscaban un posible substituto, proceso no que interveu Simpson. A proba inicial co cloroformo, o xoves 4 de novembro de 1847, ten sido recollida en numerosas publicacións. O médico adoitaba xuntarse polas noites na súa casa con dous dos seus asistentes, cos que ás veces probaba os efectos anestésicos de diversos produtos químicos. Simpson obtivera cloroformo dun farmacéutico e os tres decidiron probar os seus resultados. Inhalaron a substancia, que inicialmente lles provocou certa excitación e alegría para, finalmente, deixalos durmidos, non espertando ata a mañá seguinte. O experimento foi arriscado, a dose utilizada puido ter consecuencias nefastas pero non foi así e Simpson concluíu que o cloroformo podería ser utilizado como anestésico. Á semana seguinte usouno con éxito cunha paciente nun parto.
O momento da difusión da anestesia coincidiu en Galicia coa presenza na Facultade de Medicina compostelá dunha serie de activos profesores interesados polas novidades, como era o caso de José González Olivares (1802-?), Vicente Guarnerio Gómez (1818-1880) e Andrés Laorden López (1813-1902)
O cloroformo en Galicia
As novas sobre o uso de cloroformo por Simpson espalláronse rapidamente por Gran Bretaña, o 20 de novembro xa foi utilizado polo cirurxián William Fergusson no hospital St. Bartholomew de Londres e en decembro era algo coñecido no resto dos países europeos. A España chegaron polos xornais médicos e os de información xeral ingleses e, sobre todo, franceses.
O momento da difusión da anestesia coincidiu en Galicia coa presenza na Facultade de Medicina compostelá dunha serie de activos profesores interesados polas novidades, como era o caso de José González Olivares (1802-?), Vicente Guarnerio Gómez (1818-1880) e Andrés Laorden López (1813-1902). Xa en febreiro de 1847 González Olivares, catedrático de “Enfermidades da Muller e os Nenos”, utilizara o éter sulfúrico nunha operación.
Canto o cloroformo, Vicente Guarnerio, catedrático de Clínica cirúrxica, explicaría que se informou da experiencia de Simpson en Edimburgo polo xornal parisiense El Journal des débats do día 24 de novembro, que recibira o 3 de decembro e leu o 4. Consultamos o periódico e confirmamos que na páxina dous do 24 de novembro apareceu información sobre a iniciativa do médico escocés. Mais, se Guarnerio adoitaba ler ese xornal, podería acceder á nova xa pola lectura do exemplar do 20 de novembro, que sinalaba o achádeo de Simpson. O texto do 24 é máis amplo e está asinado por G. Richelot, que identificamos como Gustave-Antoine Richelot (1807-1893), tradutor de obras de John Hunter, un dos dous fundadores dun xornal especializado, L´Union médicale, quen explicaba que o texto publicado no Journal des débats era unha versión reducida do aparecido anteriormente nese medio. Efectivamente, L´Union Médicale do 23 de novembro, destaca en portada e na páxina seguinte un amplo artigo (“Le chloroforme. Noveau moyen de faire disparaitr”), que engadía, ademais, como se preparaba ese anestésico, o método de Eugène Soubeiran.
A nova mobilizou a varios profesores compostelás. O día 19 dese mes de decembro Antonio Casares, catedrático de Química, que dispuña dunha pequena cantidade de cloroformo elaborado por el segundo un método semellante ao de Soubeiran, reuniu no seu laboratorio da universidade aos profesores de Medicina Vicente Guarnerio, José González Olivares e Andrés de Laorden e ao catedrático de Matemáticas Domingo Fontán. Alí aplicou –cun pano no nariz e boca– media dracma (uns 1700 mgrs) de cloroformo a un can, quen ficou durmido nuns dous minutos. Ao animal fixéronlle –previa incisión nunha nádega– unha beliscadura no nervio ciático que tería que provocar unha aguda resposta, mais non reaccionou. A escena seguinte lembra algo á acontecida na casa de Simpson en Edimburgo, se ben aquí os médicos non participaron no auto-ensaio. Casares aplicouse algo menos de media dracma de cloroformo, axiña estaba abatido e se recuperou nuns minutos. A cousa funcionaba.
Lamentablemente, ese impulso modernizador perdeu forza en pouco tempo. Varios profesores salientables abandonaron Compostela: Guarnerio en 1850, Laorden en 1854 e Olivares en 1858
Operacións iniciais con cloroformo en Galicia, o publicado e o acontecido
Ao día seguinte da proba realizada, o 20 de decembro, Guarnerio realizou a primeira intervención con anestesia clorofórmica na súa clínica cirúrxica do Hospital Real de Santiago, intervención que xerou unha notable expectación, de feito asistiron varios profesores da facultade e numerosos alumnos. O enfermo, Domingo Barreiro duns 60 anos, sufría un cancro no pene e o cirurxián amputoullo parcialmente; en medio da desgraza Domingo non sufriu dor na operación. Esa mesma mañá, González Olivares operou usando cloroformo a Georgina Caamaño, de 38 anos, á que realizou unha amputación de mama e baleirado ganglionar dunha axila. Cómpre salientar que nesas intervencións usouse cloroformo empapado nun pano, mentres que Simpson empregaba goteo do anestésico sobre compresa. O éxito das operacións fixo que a continuación se estendese a súa aplicación nos quirófanos do Hospital Real e os médicos que participaran no proceso publicaron sobre o tema. Así, por exemplo, Andrés Laorden, describiría as súas experiencias e colaboración con Casares no nº 1 da Revista Médica (1 de marzo de 1848).
O relato dos médicos protagonistas é a base da que se parte para a descrición que acabamos de realizar. Porén, a Avelino Franco Grande lle sorprendeu o período que pasou entre a recepción da nova sobre o cloroformo, 4 de decembro, e a experimentación con Casares, o 19. Pescudou nos arquivos do hospital e atopou que un tal Manuel Alejos, de 21 anos, puido ser operado usando esa substancia entre o 8 e o 12 dese mes. O paciente sufriu a amputación dunha perna “por el método y procedimiento de Bell” e houbo problemas, a cantidade de cloroformo utilizada non abondou e o pobre Manuel soportou unha gran dor. Por iso –probablemente– tivo lugar a experiencia do 19 no laboratorio de Casares, buscarían axustar a dose.
O fracaso con Alejos podería explicar que esa operación non fose recollida na narración realizada polos médicos. A pescuda de Franco Grande puxo de manifesto, de cara a coñecer o acontecido, a necesidade de contrastar e verificar versións e ver o encaixe delas cos feitos coñecidos. Os humanos de todo tipo e condición –incluídos, desde logo, os científicos– adoitamos esaxerar os nosos méritos e agachar o que non nos permite relucir.
Por outra banda, Antonio Casares pasou a ocupar diversos cargos de representación, o que repercutiu no seu labor científico, que foi reducíndose á análise das augas e á docencia, sen ser quen de formar escola. Ademais, a Facultade de Ciencias desapareceu en 1867
Década dourada e decadencia da Facultade de Medicina compostelá
A participación de varios profesores na anestesia visualiza á Facultade de Medicina da universidade galega traballando sobre un tema de vangarda, un feito salientable que nos leva a preguntar polas posibles razóns desa destacada posición, pois non era algo que acontecera previamente. Nese sentido, cómpre sinalar un elemento ao que xa fixemos alusión, a feliz circunstancia de coincidir na Facultade de Medicina compostelá unha serie de activos profesores interesados polas novidades, como era o caso de José González Olivares, Vicente Guarnerio Gómez e Andrés Laorden López, quen, como vimos, contaron coa colaboración dalgún colega doutra facultade. Nun período – e esta é unha razón relevante– no que os estudos das áreas científicas na universidade de Santiago se atopaban nun momento doce.
Efectivamente, os plans de estudos impulsados polo liberalismo conservador no ámbito estatal permitiron que os estudos de Ciencias fosen creados en Compostela no contexto do plan Pidal de 1845 como unha sección dentro da Facultade de Filosofía. Despois, en 1857 (plan Moyano), se afastarían dos de Filosofía e podemos realmente falar dunha Facultade de Ciencias; por outra banda, nese mesmo 1857 creouse a Facultade de Farmacia. O resultado deses cambios foi un incremento do profesorado e a dotación de gabinetes e laboratorios. Asemade, arredor da actividade de profesores da Facultade de Medicina creouse a Academia de Emulación (1847-1850) e o seu voceiro, a Revista Médica (1848-1850), continuada pola Revista de Ciencias Médicas (1856-7). Todo iso axudou a universidade despregara unha actividade acorde coas esixencias dos tempos e a que xurdiran iniciativas ao seu redor. Esa actividade pioneira serviría, moitos anos despois, de inspiración para a creación en 1981 dunha colección de obxectos relacionados coa anestesia e a reanimación na Facultade de Medicina compostelá (Museo Nacional de Anestesia desde 2001), na que xogou un papel importante o médico Vicente Ginesta Galán.
O abandono dos esperanzadores traballos levados a cabo a mediados de século na Facultade de Medicina deron paso nas décadas seguintes ao predominio de intervencións sobre filosofía médica da man de José Varela de Montes, delator da Inquisición en tempos de estudante, e José Andrey. Estes profesores defenderon –desde prexuízos ideolóxicos conservadores– anacrónicas doutrinas médicas e opuxéronse ás propostas innovadoras
Lamentablemente, ese impulso modernizador perdeu forza en pouco tempo. Varios profesores salientables abandonaron Compostela: Guarnerio en 1850, Laorden en 1854 e Olivares en 1858. Por outra banda, Antonio Casares pasou a ocupar diversos cargos de representación, o que repercutiu no seu labor científico, que foi reducíndose á análise das augas e á docencia, sen ser quen de formar escola. Ademais, a Facultade de Ciencias desapareceu en 1867.
Fronte ao modelo que levou ao éxito ao ensino e práctica da Medicina e Cirurxía en Edimburgo, en Compostela non existiu un esforzo sostido na modernización. Os recursos foron escasos e os cambios lexislativos tiveron limitado alcance práctico. Un exemplo claro das limitacións existentes foi a que afectou a un elemento clave na formación médica-cirúrxica: a disposición de modernas instalacións hospitalarias. En contraste co acontecido na capital escocesa e noutros centros de educación sanitaria, a Facultade de Medicina de Santiago carecía de hospital clínico, lugar onde ensinar ao alumnado de xeito práctico. Tivo que solicitar instalacións no vello Hospital Real, obtendo – en permanente conflito– insuficientes locais.
Nese contexto, o abandono dos esperanzadores traballos levados a cabo a mediados de século na Facultade de Medicina deron paso nas décadas seguintes ao predominio de intervencións sobre filosofía médica da man de José Varela de Montes, delator da Inquisición en tempos de estudante, e José Andrey. Estes profesores defenderon –desde prexuízos ideolóxicos conservadores– anacrónicas doutrinas médicas e opuxéronse ás propostas innovadoras. Sen hospital e con atrancos ideolóxicos non se podían atender axeitadamente as demandas sanitarias da sociedade.
