Emilia exiliada

Interior da Casa-Museo de Emilia Pardo Bazán © Concello da Coruña

Levamos tres anos exiliadas nunha nave dun polígono da cidade.

Non estou soa. O retrato da miña nai segue aquí, velando por todos nós, como fixo sempre. Acompáñano algúns mobles, os libros, os retratos da familia, o arcón que tallou o meu Pepiño... Pero, máis ca os obxectos, o importante é todo aquilo que daba alma á miña casa da rúa Tabernas.

Na miña memoria os xoves continúan chegando os convidados ás tertulias. Miña nai, Amalia, recibe as visitas; meu pai refúxiase entre os seus libros; a miña tía Vicenta, coma sempre, escoita en silencio.

E, como as pantasmas non respectamos espazos nin calendarios, ás veces sentan tamén Virginia Woolf, Christine de Pizan ou a mesma Begoña Caamaño. Falamos de nós, dos cuartos propios, das cidades para mulleres, en fin, da vida, irónicamente agora falamos da vida.

Levo tres anos agardando volver con todos eles á casa.

Hai uns días alguén leu preto de min: «Non vai ser tan casa como antes porque non nos interesaba esa versión máis kitsch. Será unha recreación.»

Nunca souben o que era o kitsch, mais sei perfectamente o que é unha casa, un fogar, e penso que ficarei eternamente nunha caixa nun recuncho abandonado dunha nave industrial.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.