As miradas pacifistas hoxe están ocultas, cando non desprestixiadas e as iniciativas do Papa Francisco, de Lula ou de China, para acadar un alto o fogo e falar sen condicións, son sospeitosas de connivencia con Putin
Non é fácil des-aprender a guerra e a violencia. Todo vai en contra. Máis aínda nunha época na que o belicismo e o armamentismo están en prime time, a todas horas, promovido e promocionado. Sen voces en contra. Defender o diálogo e a negociación, buenismo anxelical, quintacolumnismo putinista, inxenuidade, din.Toca falar de victoria, de patriotismo, de paz armada, de combates, ofensivas, máis madeira, é a guerra! berraba Rufus T. Firefly (Groucho Marx) en Sopa de Ganso.
As miradas pacifistas hoxe están ocultas, cando non desprestixiadas, mesmo as voces militares sensatas vense con desconfianza, agás raras excepcións, van a contracorrente e co ventiño de cara, como foi sempre en tempos violentos, e as iniciativas do Papa Francisco, de Lula ou de China, para acadar un alto o fogo e falar sen condicións, son sospeitosas de connivencia con Putin.
Claro que defendemos a integridade territorial de Ucrania, a retirada das tropas invasoras da Federación Rusa, a procura dun entendemento desde a discrepancia e os intereses contrapostos, así acontece e aconteceu sempre nos procesos de diálogo e negociación, en todas partes, pero antes ten que chegarse a unha tregua respetada, con mediadores recoñecidos e aceptados, en espazos neutrais, para facilitar as aproximacións e construír confianza.
E cada quén ten o seu papel para atopar un punto de partida asumido como propio polas partes en conflicto. Así foi e así será.
O máis difícil é educar para unha cultura da paz, coa man tendida e nunca coa man alzada, como tantas veces proclamou o profesor Mayor Zaragoza, coa palabra, sempre a palabra e o exemplo, en pé de paz
Os que buscan posicións de ventaxa, quen fomenta a confrontación armada, alimentan ofensivas e contraofensivas..., militan nos partidos da guerra, da violencia armada, do horror, aínda que enchan a boca de palabras de paz, de pombas e de globos.
A paz, as paces, son moi laboriosas. Esixen moita fortaleza e esforzo, constancia e rigor, principios e valores firmes. Custa moito desaprender a guerra e a violencia. O máis difícil é educar para unha cultura da paz, coa man tendida e nunca coa man alzada, como tantas veces proclamou o profesor Mayor Zaragoza, coa palabra, sempre a palabra e o exemplo, en pé de paz.