Encerrados nesta terra

© El Diario

Non estamos pechados, a Terra non ten chave que a peche, mais si estamos illados neste planeta, pasaxeiros temporais no universo. Despois dunha tempada na que sentíamos aumentar a esperanza de poder saír cara outros mundos, detrás dos nosos enxeños robotizados, ou mesmo detrás das novas diferenzas entre persoas baseadas na posibilidade de poderse pagar unha viaxe ó 'espazo exterior', cada vez estamos máis illados no noso planeta, a humanidade máis atada no seu conxunto a esta terra que é a nosa Terra.

Os últimos episodios que nos van facendo máis e máis patente a cura de humildade para convivir en e co noso planeta tiveron lugar a semana pasada. O novo fracaso da 26 Conferencia das partes, o cumio climático auspiciado pola ONU en Glasgow, significa tamén unha nova renuncia a establecer a paz da humanidade co planeta. Pero non veu só. Acompañouse dunha nova moito menos mediática, un novo desvío da órbita da Estación Espacial Internacional para evitar un lixo 'controlado', os restos dun satélite meteorolóxico chinés.

Canto máis nos pelexemos coa Terra, menos conviviremos con ela, e iso significa que peor o faremos

Por unha beira, canto máis nos pelexemos coa Terra, menos conviviremos con ela, e iso significa que peor o faremos. Toda relación ten as súas tensións, e se se exacerban, o estrés causado prexudica ás partes, chegando a destruír a relación. Iso nos pasa coa Terra, mais, pola súa natureza, se destruímos a relación, destruímos tamén a posibilidade de vivir aquí. E polo momento, non hai outro sitio. Tecnicamente, poderíase xa vivir na lúa ou Marte, mais a vista de tal posibilidade para toda a humanidade é unha inxenuidade. E a fuxida do noso planeta, posible para unha exigua minoría, non levaría a ningures máis ca un novo e máis reducido illamento. E no futuro? Negándonos a nós mesmos a convivencia co planeta e esgotando os recursos á nosa man, estamos empuxando cara abaixo día a día on máis forza a liña de posibilidades de escape que a tecnoloxía, esa creación nosa, tenta empurrar cara arriba.

A dificultade da nosa saída física ó exterior vese agravada tamén día a día polos nosos propios refugallos. Non só estamos a inundar o planeta de refugallos, afogándonos neles, senón que tamén o estamos facendo no espazo que rodea á Terra. Milleiros e milleiros de restos descontrolados orbitan o noso planeta, sendo un perigo para as actividades que se manteñen en órbita. Iso que lle pasou a semana pasada á Estación Espacial Internacional, o ter que desviarse da órbita, é unha manobra cada vez máis común, realizada para evitar choques contra obxectos de órbitas coñecidas pero sobre as que non se ten control. Cada vez máis. O mesmo que cada vez hai máis obxectos con órbitas que non se controlan e que poden causar un accidente.

Os dous feitos inflúen no mesmo: poñer barrotes arredor noso. E, ó tempo, significan algo oposto. Por unha beira, un sobreconsumo (entrada) cada vez maior e de cada vez maior parte da humanidade, e por outra, un emporcamento (saída) causado pola mesma humanidade.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.