Estado de Alarma pola guerra na Ucraína?

Reunión do 'Comité de situación' do CSN o 2 de febreiro © CSN

1. O pasado 2 de febreiro, reuníase o Comité de Situación, órgano de apoio do Consello de Seguridade Nacional, para analisar a situación entre a Rusia e a Ucraína. 

Ambos os órganos mencionados están previstos na Lei 36/2015, de Seguridade Nacional, cuxo artigo 2 define esta como “a acción do Estado dirixida a protexer a liberdade, os dereitos e o benestar dos cidadáns, a garantir a defensa de España e os seus principios e valores constitucionais, así como a contribuír, xunto cos nosos socios e aliados, á seguridade internacional no cumprimento dos compromisos asumidos”. 

Os principios básicos que orientan a política española de Seguridade Nacional son “a unidade de acción, anticipación, prevención, eficiencia, sustentabilidade no uso dos recursos, capacidade de resistencia e recuperación, coordinación e colaboración”. A propia Lei contempla a participación de todas as Administracións públicas no sistema de seguridade nacional, cunha conferencia interautonómica específica de cooperación, a “Conferencia sectorial para asuntos de Seguridade Nacional” (artigo 6).

O artigo 10 considera ámbitos de especial interese para a seguridade nacional aqueles que requiren unha atención específica por resultaren básicos para preservar os dereitos e liberdades, así como o benestar dos cidadáns, e para garantir a subministración dos servizos e recursos esenciais. Entre eles, a ciberseguridade, a seguridade económica e financieira, a seguridade enerxética e sanitaria.

O derradeiro BOE do ano 2021 publicaba a Estratexia de Seguridade Nacional 2021, que é o marco político estratéxico de referencia da Política de Seguridade Nacional. 

Na análise do contexto xeopolítico, pode lerse neste documento que “este panorama de tensión, Rusia se ha esforzado en los últimos años por lograr una posición de mayor liderazgo en la escena internacional, apostando por la multipolaridad, el reconocimiento a su «singularidad» y el reparto de áreas de influencia. La política expansionista de Rusia se ha visto reflejada en sus intervenciones en Siria y Libia y en su acercamiento a potencias con aspiraciones regionales como Turquía, India o Irán”. No capítulo 3 (riscos e ameazas), pode lerse que “La superficie de confrontación geopolítica encuentra áreas de intersección con la tecnología y la economía, dibujando así un mapa de riesgos más complejos y muy interrelacionados (...) la interrelación entre ellos puede producir efectos en cascada, como ha ocurrido con la crisis generada por la pandemia”. 

Á vista do que leva acontecido co ataque de Rusia á Ucraína, a diagnose estratéxica é esencialmente correcta. Mesmo premonitoria.

2. Porén, da reunión do Comité de Situación do 2 de febreiro nada trascendeu á opinión pública. 

Atacada a Ucraína por Rusia a partir da madrugada do 24 de febreiro, e xa convertidos en retaguarda dunha guerra ás portas da Unión Europea, o Comité de Situación reuniuse tres veces máis (o 28 de febreiro, o 3 de marzo e o 10 de marzo) para coordenar a actuación da Administración xeral do Estado...consigo mesma e coa Unión Europea. 

Vinte días depois do comezo dos ataques, a reacción institucional pareceu obedecer máis á nosa tradicional improvisación que á planificación de respostas prevista na Lei de Seguridade Nacional. Tal e como xa pasou en marzo do 2020, esa reacción perante un acontecemento disruptivo consistiu en “escapar” dos procedementos previstos para a xestión de crises, e actuar unilateralmente desde a “normalidade”, sen anticiparse ás situacións mediante o uso dos mecanismos de coordinación previstos en situacións de crise e a mobilización ordenada do potencial dos tres nivéis de administración territorial.

Nun escenario de shock na economía das familias, a pasividade pode derivar doadamente en desafección política. Especialmente cando a oposición política das dereitas está disposta a utilizar todos os relatos ao seu alcance para derrubar o goberno

3. Pode pensarse que manter a normalidade é unha atitude politicamente prudente para non estimular comportamentos de pánico da cidadanía. 

No entanto, esa mesma atitude pode considerarse pasividade cando o efecto na vida cotiá da cidadanía é xa tan evidente como negativo. Nun escenario de shock na economía das familias, a pasividade pode derivar doadamente en desafección política. Especialmente cando a oposición política das dereitas está disposta a utilizar todos os relatos ao seu alcance para derrubar o goberno. Por certo, a esta misión de comunicación política abertamente partidista adica o seu tempo o noso Presidente, no canto de abordar solucións para esta crise desde as súas responsabilidades de goberno.

Cando escrebo estas liñas na tarde do día 16 de marzo, a tensión xerada na Galiza pola escalada dos prezos dos combustibles está xa a provocar folgas nun sector loxístico clave como o do transporte por estrada, coa consecuencia dun desabastecemento de produtos de primeira necesidade, tanto para persoas como para animais. 

É apenas un exemplo, mais tamén unha confirmación, de até que punto a presión alcista dos prezos inducida por unha guerra pode acabar provocando a emerxencia dun problema de seguridade nacional.

4. Ainda que non sabemos canto pode durar a guerra na Ucraína, a obriga do bo gobernante é situarse no pior dos escenarios: o dunha situacion dunha crise bélica, económica e humanitaria prolongada no tempo durante meses, que imposibilite a solución dos problemas mediante o uso dos poderes administrativos ordinarios. Lémbrense, a este respecto, dous datos: 

O primeiro estado de alarma declarado na España no período constitucional foi para evitar unha folga dos controladores aéreos no ano 2010. Esta declaración foi validada polo Tribunal Constitucional.

Unha das causas de declaración do Estado de Alarma son as “situacións de desabastecemento de produtos de primeira necesidade” (artigo 4.d) da Lei Orgánica 4/1981), para evitar as cales o artigo 11 habilita praticar requisas de todo tipo de bens, limitar ou racionar o uso de servizos ou o consumo de artigos de primeira necesidade, ou impartir as ordes necesarias para asegurar o abastecemento dos mercados e o funcionamento dos servizos dos centros de produción.

Porén, considero que o escenario dun novo estado de alarma, mesmo sendo teoricamente posible, é improbable e indesexable. Sequer sexa porque a propia doutrina do Tribunal Constitucional sobre os estados de alarma durante a pandemia fixo moi difícil que o Goberno se arrisque politicamente tanto.

5. Así as cousas, e vista a deriva da situación, considero que o Goberno debería ter valorado xa a posibilidade de declarar unha “situación de interese para a seguridade nacional”, tal e como é definida polo artigo 23 da Lei de Seguridade Nacional: 

Vista a deriva da situación, o Goberno debería ter valorado xa a posibilidade de declarar unha “situación de interese para a seguridade nacional”. Estas situación, convén remarcalo, afróntanse cos poderes e medios ordinarios das distintas administracións públicas e en ningún caso poden implicar a suspensión dos dereitos fundamentais e liberdades pública

aquela que, pola gravidade dos seus efectos e a dimensión, urxencia e transversalidade das medidas para a súa resolución, require da coordinación reforzada das autoridades competentes no desempeño das súas atribucións ordinarias, baixo a dirección do Goberno, no marco do Sistema de seguridade nacional, coa garantía do funcionamento óptimo, integrado e flexible de todos os recursos dispoñibles, nos termos previstos nesta lei”.

Estas situacións, convén remarcalo, afróntanse cos poderes e medios ordinarios das distintas administracións públicas e en ningún caso poden implicar a suspensión dos dereitos fundamentais e liberdades públicas dos cidadáns: a “situación de interese para a seguridade nacional” é unha fase de crise previa aos estados excepcionais previstos na Constitución (alarma, excepción e cerco). 

Esta podería ter sido a resposta idónea para afrontar a situación a partir do 24 de febreiro, anticipándonos así aos problemas de eventuais ataques cibernéticos, ou desabastecementos no ámbito enerxético e alimentar provocados pola guerra, mentras agardamos que a Comisión Europea abandone de vez a fantasía da “normalidade” dun mercado enerxético que estoupou apartir desa data. 

Dependemos dun acordo de paz para desescalar a guerra económica desatada polo imperialismo ruso na Ucraína. Mais en todo caso, tras sofrermos en apenas dous anos unha terrible pandemia, unha erupción volcánica, fenómenos meteorolóxicos extremos, e agora unha guerra...non fica máis remedio que aprendermos a viver na emerxencia racionalizada como a nova nova-normalidade dun mundo crecentemente hostil. 

Esa emerxencia racionalizada que só gobernantes irresponsábeis poden fachendear de xerir por WhatsApp mentres adican o seu tempo a cuspir culpas de maneira compulsiva.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.