Este torreiro chamado Terra

Unha actuación de Cantigas e Agarimos © Concello de Santiago

O mundo da cultura tradicional tivo que lamentar recentemente o pasamento dun compañeiro de Cantigas e Agarimos durante unha actuación en Agolada, o cal, tras unha indisposición, sufriu un desmaio no escenario, con síntomas dun golpe de calor

O mundo da cultura tradicional tivo que lamentar recentemente o pasamento dun compañeiro de Cantigas e Agarimos durante unha actuación en Agolada, o cal, tras unha indisposición, sufriu un desmaio no escenario, con síntomas dun golpe de calor. Compre tomar precaucións e comezar a idear o futuro cultural, tamén dende unha perspectiva medioambiental, para evitarmos que sucesos tan tráxicos coma este volvan ocorrer.

E é que a crise climática non é un feito illado, é, ante todo, unha catástrofe humana. A calor extrema provocou milleiros de mortes por toda Europa nas últimas semanas, poñendo enriba da mesa que cando non somos quen de afrontar esta problemática, as consecuencias non son só materiais -ogallá- senón que chegan a supoñer unha ameaza á vida daqueles que poñen os pés na rúa. Na comunidade do folclore aínda ficamos en estado de "shock" ante este feito. Para comezar porque somos, en certo modo, unha gran familia. As asociacións e os seus integrantes coñecémonos entre nós, forxamos grandes amizades e estamos ao día do que fan dunha punta á outra do país. Existe unha sensación de pertenza ao grupo, a algo que nos une e nos fai iguais, por iso a morte dun compañeiro é sempre difícil de asumir, máis aínda cando se trata dun caso repentino coma o acontecido. Por outra banda, porque abriu un novo debate no mundo tradicional. Todos os que levamos o traxe nunha actuacón en verán sabemos o que é tocar e bailar cunha sensación de afogo que percorre a gorxa ata os beizos. Agora vemos o risco real diante de nós, e miramos con preocupación, por exemplo, aos máis maiores dos grupos. Se a calor xa é, para a xente maior, un perigo na súa saúde, imaxinade bailando co traxe posto en alerta laranxa.

Cómpre tomar precaucións e comezar a idear o futuro cultural, tamén dende unha perspectiva medioambiental, para evitarmos que sucesos tan tráxicos coma este volvan ocorrer

É necesario entender que o medioambiente e a cultura deben ir da man, e que, por tanto, para preservarmos a música e baile a pé de rúa precisamos actuar con respecto á situación que estamos a vivir. As prazas non poden seguir sendo chairas cimentadas, adoecemos a falta de espazos verdes, sombras e refuxios climáticos que permitan á xente saír da casa nas vagas de calor. De non ser así, que liberdade de movemento real existe nunha cidade a 40ª? Debemos exixir que o urbanismo adopte unha ollada crítica e reformule ata o máis mínimo lugar conforme ás necesidades da poboación, nun exercicio de democratización arquitectónica. Os centros culturais precisan dos medios para afrontar as altas temperaturas sen risco para os seus integrantes, pois moitos aínda non posúen aire acondicionado.

Restruturar as celebracións que se levan a cabo no verán tamén é un eixe fundamental desta renovación cultural, que non é máis que un exercicio de supervivencia. Cabe considerar retrasar os horarios cara á noite e horas de menos calor, así coma variar o vestiario segundo a época

Restruturar as celebracións que se levan a cabo no verán tamén é un eixe fundamental desta renovación cultural, que non é máis que un exercicio de supervivencia. Cabe considerar retrasar os horarios cara á noite e horas de menos calor, así coma variar o vestiario segundo a época. Hai cen anos non empregaban a mesma roupa en inverno e verán, mais moitos de nós hoxe en día, sí -en parte porque non temos un armario "tradi" e só dispoñemos dun traxe. Este é, quizais, outro punto a ter en conta.

Non obstante, nós que acudimos á orixe da nosa cultura, debemos tamén afondar na raíz deste problema. Ante a crise climática só a actuación de fronte é posible, todo o demáis son parches que tratarán de enmudecer os efectos que ten, ata que sexan xa imposíbeis de calar e resoen nos ouvidos de todos nós, probablemente xa demasiado tarde. Entendamos o folclore coma outro xeito de vida, ese no que aínda vivíamos en simbiose co entorno, de seguro atoparemos un xeito máis sostible de habitar este torreiro chamado Terra.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.