Falece un bailador de 'Cantigas e Agarimos' mentres actuaba en Agolada

Unha ambulancia do 061, nunha imaxe de arquivo © Consellería de Sanidade

O membro da agrupación compostelá atopouse indisposto durante a intervención no encontro Corazón de Artesanía nunha xornada marcada polas altas temperaturas

Un bailador da agrupación compostelá Cantigas e Agarimos faleceu este pasado domingo en Agolada. Sucedeu durante a intervención do grupo no certame Corazón de Artesanía, encontro da Fundación Artesanía de Galicia que celebraba a súa xornada final na localidade.

Segundo transcendeu e sinalan fontes presenciais, o membro de Cantigas atopouse indisposto no inicio dunha actuación celebrada nun día marcado polas altas temperaturas neste concello, un nos que estaba activa a alerta vermella de Sanidade por risco para saúde a causa das altas temperaturas. Estacións de MeteoGalicia na contorna roldaron este domingo os 36 graos.

Servizos de emerxencia desprazados ata o lugar -entre eles, un helicóptero medicalizado- tentaron sen éxito durante un longo período reanimar o home. O Concello de Agolada trasladou o seu agradecemento a "todas as persoas que interviñeron no lugar" na súa nota de "fondo pesar" e "sincera condolencia e todo o noso afecto á familia, amizades e persoas achegadas, así como aos compañeiros e compañeiras" do falecido.

"Non nos saen as palabras", "só unha inmensa tristeza para despedir ó noso compañeiro Pablo". "Gardaremos para sempre os case 20 anos de momentos compartidos, dentro e fóra do escenario", salientan dende Cantigas

Nunha breve nota, Cantigas e Agarimos resaltaba este luns que "non nos saen as palabras", "só unha inmensa tristeza para despedir ó noso compañeiro Pablo". "Gardaremos para sempre os case 20 anos de momentos compartidos, dentro e fóra do escenario. A túa amizade, o teu compromiso e o teu bailar forman parte da historia de Cantigas e da de toda a xente que te coñecemos", resaltan, nun contexto no que "sentimos moi preto á túa familia e a todas as que nos apoiades co voso agarimo".

A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, transmitiu tamén a través das redes unha "forte aperta a familias e amizades" e, "moi especialmente, a toda a xente de Cantigas, que hoxe vive un día moi triste" por esta "nova tan terríbel". "Que mágoa máis inmensa", lamenta a rexedora compostelá.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.