Esteban

CC-BY-SA @Snob

Non lembro exactamente cando coñecín a Esteban. Haberá uns quince anos, como un rapaz "que saíra no Xabarín" e que era amigo de varios amigos. Porque iso é o que é Esteban. Amigo. De apertas sinceras de brazos longos. Dos de dicirlle ás amizades que as quere, porque é verdade.

Esteban era bo e hoxe era terriblemente cedo. Queriámolo e celebraremos a súa vida en canto poidamos, o creamos e sexamos quen

Esteban foi inmensamente creativo, tremendamente simpático. Retranqueiro, amigo do bo vivir, do bo comer e do bo rir. De xuntarnos ás amizades coas amizades das amizades para darnos a probar a súa última e picantísima creación gastronómica. Para darmos vivas a San Snob polo seu aniversario ou agradecerlle a enésima descuberta nos andeis dunha libraría ou nun ignoto sitio de internet. Para saber, que sei eu, que hai un descoñecido xardín entre edificios do seu prezado Ensanche de Santiago.

Hai anos que nos contaba das súas saídas e entradas no hospital. “Así vai a sanidade neste país!”, dicía para resumir a moita xente que tal pasaba polo seu cuarto no Clínico compostelán. Sabiamos da súa fraxilidade e nestas últimas semanas fomos moitas, abofé, as amizades que faciamos que sabiamos un chisco menos ao xeito de autodefensa nestes tempos estraños de non verse nin abrazarse mentres confiabamos, como el mesmo me dixo hai uns días, en que lle desen recargado a batería. Que a tiña algo baixa. E mandoume bicos eternos.

Unha das últimas cousas que me dixo falando no mundo real, sen teléfono polo medio, é que “hai que verse máis”. Esteban era bo e hoxe era terriblemente cedo. Queriámolo e celebraremos a súa vida en canto poidamos, o creamos e sexamos quen. Ese día hei poñer os calcetíns con frases de Pratos Combinados cos que me agasallou.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.