Evitar pendentes esvaradías, definir o campo de xogo

Denomínase pendente esvaradía (slippery slope) a un proceso no que unha acción inicia una cadea de eventos que levarán a un evento posterior, non relacionado nun comezo. A imaxe non é moi distinta á do efecto dominó, pero se cadra esta reflicte mellor as situacións nas que un movemento ou un suceso aparentemente pequeno levan inevitablemente (como caendo por unha pendente) a un escenario moi distinto ou a movementos de moita maior importancia. No tantas veces citado Non penses nun elefante George Lakoff explica ben o funcionamento deste fenómeno a partir da súa utilización polos lobbys conservadores nos Estados Unidos: cesións en aparencia menores acaban desembocando en modificacións lexislativas profundas; pequenas derrotas discursivas derivan en estados de opinión que acaban por mudar por completo aquilo que se considera de senso común, o horizonte do posible. Ao final, ao igual que na coñecida técnica do elefante, o esencial é a creación do marco no que se analiza un asunto, a definición dos elementos do debate e a defensa política desa construción discursiva.

No fenómeno das pendentes esvaradías, pequenas derrotas discursivas derivan en estados de opinión que acaban por mudar por completo aquilo que se considera de senso común, o horizonte do posible

Escribo todo isto ao fío da campaña mediática e política creada ao redor da representación de Títeres desde Abajo. Pero non só. O xuízo a Rita Maestre, a polémica sobre os traxes dos Reis Magos, os ataques contra Guillermo Zapata, o Madre Nuestra de Barcelona, o financiamento iraniano de Podemos, o tema de Miguel Ángel Blanco (hoxe mesmo), e tantos e tantos pseudoconflitos elevados ás portadas dos medios de comunicación tradicionais. Non só pasa en Madrid, senón que estas campañas se reproducen en todas aquelas cidades nas que gobernan as candidaturas do cambio -tamén na Coruña, Compostela e Ferrol-, ou úsanse para atacar a Podemos, con modus operandi moi semellantes.

Seguindo o esquema das cultural wars, localizan un obxectivo menor, unha anécdota, e buscan convertelo nunha demostración do “verdadeiro rostro moral do goberno”

Seguindo o esquema das cultural wars, localizan un obxectivo menor, unha anécdota, e buscan convertelo nunha demostración do “verdadeiro rostro moral do goberno”, como escribe Emmanuel Rodríguez en CTXT, ou na proba do "caos" e da "xestión deficiente" dos novos executivos. O concepto das cultural wars chéganos dende os Estados Unidos, do exitoso proceso grazas ao que a dereita se ten asegurado nas últimas décadas o apoio dun amplo sector da sociedade, sobre todo nos estados do centro do país e do medio oeste, en base a criterios máis morais que económicos. En 2004 Thomas Frank publicou What's the Matter with Kansas? How Conservatives Won the Heart of America, publicado en castelán por Acuarela. Salvando as distancias entre os Estados Unidos e España e a retórica antiestatalista (aínda) non tan presente aquí, a clave é a utilización dunha serie de conflitos morais para conseguir que certos sectores sociais apoien unhas determinadas políticas económicas que os prexudican.

Ahora Madrid semella ser o destino predilecto das campañas. Pode deberse á debilidade amosada en anteriores ataques, como sinala Rodríguez ("un actor débil e disposto a ceder ante calquera escándalo cultural"). Pero dende logo semella que aos actores da dereita social e económica proeulle especialmente a perda da capital do Estado. E, ademais, hai que ter en conta o complicado escenario mediático contra o que ten que remar o Goberno municipal madrileño e, igualmente, observar a progresiva dereitización dos xornais de papel -con sede maioritariamente na capital-, acorde coa ideoloxía cada vez máis conservadora das súas audiencias, cada vez de maior idade. Os ataques á alcaldía de Carmena vense tamén amplificados polo feito de que calquera cousa que suceda en Madrid, dende a chuvia ata un pequeno conflito municipal, sexa automaticamente sobredimensionado polos medios de comunicación de ámbito estatal e, consecuentemente, teña un eco desmedido na opinión pública de toda España.

De igual xeito, Guillem Martínez, unha das cabezas imprescindibles para saber o que se está movendo neste momento de crise de réxime, escribe este martes en CTXT respecto do intento da dereita de crear -ao fío do madrenuestra de Barcelona- un novo episodio destas guerras culturais que, en esencia, buscarían sinalar que "as institucións gobernadas por partidos novos, ao cabo, non saben estar. Fan o ridículo, crean polémicas evitables. Son o caos". Martínez explica que "unha guerra cultural, de feito, aspira soamente a chegar a ese lugar. A demostrar que as esquerdas non están preparadas, posúen mitos reaccionarios, dificultan a convivencia". "Funciona. Unha guerra cultural só fabrica marcos nos que non colle ninguén agás os que elaboran os marcos. É a continuación da política por outros medios", conclúe

Volvemos aos marcos. Os marcos axudan a dotar de significado a acontecementos, e polo tanto serven para organizar a experiencia pasada e guiar a acción futura. O éxito na creación dun marco non asegura que as conclusións ás que chegará a xente terán a forma desexada ou deseñada por un determinado actor, pero si que posibilita que o debate se estableza sobre os temas propostos, cos protagonistas e antagonistas suxeridos e co calendario definido. Trátase, en esencia, de definir o campo de xogo, de marcar os ritmos do debate. Podemos adoita ser especialmente eficaz neste labor, como de novo o demostrou hai unhas semanas coa oferta pública de coalición ao PSOE ou coa presenza no hemiciclo do fillo de Carolina Bescansa. Con todo, dende que Pedro Sánchez iniciou o seu intento de formación de Goberno, semella que Podemos só pode correr detrás do balón.

O éxito na creación dun marco posibilita que o debate se estableza sobre os temas propostos, cos protagonistas e antagonistas suxeridos e co calendario definido. Trátase, en esencia, de definir o campo de xogo, de marcar os ritmos do debate

Todo indica que finalmente non se vai configurar unha coalición de esquerdas presidido por Pedro Sánchez e coa participación de Podemos. Os gobernos municipais do cambio poden sufrir moito nos vindeiros meses, nos que a presión dos partidos tradicionais e dos seus medios de comunicación afíns se vai incrementar aínda máis. Neste senso, Emmanuel Rodríguez reclama o papel dunha "rede de contrapoderes autónomos e aliados", entidades sociais, colectivos agredidos, activistas en rede, medios comunicación, a acción da intelixencia colectiva. Para activar esta rede, é necesario ademais que se tome a iniciativa dende a acción de goberno. Escribe Rodríguez en Público que a hexemonía consiste en "crear condicións materiais capaces de soster e apoiar transformacións reais. Consiste en crear adhesións a través da remunicipalización de servizos, a democratización efectiva da institución e a apertura da discusión pública de todo aquilo que teña relevancia na vida do concello". Un remedio semellante ao que propoñía Frank para contrarrestar o poder do conservadurismo estadounidense nas guerras culturais: "politizar a economía, falar de intereses materiais, reconstruír a esquerda".

É certo que a política se move hoxe cada vez máis por impulsos, debates simplificadores e, sobre todo, de curta duración. Pero iso non debe facernos fíar toda acción a este curtopracismo. Corremos o risco de gañar batalla tras batalla para perder a guerra final. Os trending topic e o éxito na colocación dun tema na axenda dependen dunha exitosa creación de marcos. Cómpre máis acción política, máis estratexia e xeración de debates sociais e menos xestos e manobras comunicativas de consumo rápido. Imprescindibles, por suposto, pero que dependerán do outro traballo previo, de base. Máis firmeza e menos cálculo e prudencia (coma no caso dos titiriteiros). Doutro xeito, calquera acción de cambio real acabará sendo desprazada nesa inevitable pendente esvaradía.

Cómpre máis acción política, máis estratexia e menos xestos e manobras comunicativas

Ninguén dixo que isto fose ser doado. A Raíña Vermella dicíalle a Alicia que "aquí un debe correr a toda marcha simplemente para seguir no mesmo sitio. E se queres chegar a outra parte debes correr cando menos o dobre de rápido". Así pois, a galopar.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.