Excelentísima Junta de Andalucita

Mentres aquí surfeabamos na seca, no sur a auga apagaba as lapas da excitación cristiá. E se acolá cubriron os pasos procesionais con plásticos e tan só teñen que agardar un ano para repoboar a súa fé, aquí precisaremos séculos para atopar as sementes de fieitos milenarios que enmoquetaban o Eume. A chuvia caeu tarde, pasou de nós e preferiu incomodarlle os plans a ese turismo tan reportaxeado no Telexornal en vacacións. O mesmo que vén a fotografarse co verde que nos arrebatan; o que tanto nos enriquece (o turismo, digo). Máis de trece horas sen valoracións oficiais da catástrofe que estamos a sufrir indican que seguramente precisemos dunha nova cor primaria que nos defina. Se nos deixan sen o verde na paisaxe, se lle rouban o azul á marea e o vermello está deslucido, igual chegou o momento de apostar por Coalición Canaria. Algo así.

O caso é que mentres a Xunta calaba e tan só escoitabamos o renxido da natureza morrendo, as redes sociais convertéronse dende o minuto un no almacén de descarga da carraxe

O caso é que mentres a Xunta calaba e tan só escoitabamos o renxido da natureza morrendo, as redes sociais convertéronse dende o minuto un no almacén de descarga da carraxe. Os timelines tamén ardían. En pouco tempo, os trending topics permitíannos albiscar que as Fragas derretíanse. Nunca houbo intención política no hastag #SOSFragasdoeume, simplemente estabamos a pedir axuda. Quizais de xeito quimérico, pero ao noso xeito. Así e todo, tamén era evidente que nacionalistas e banqueiros, camareiros, mestres, socialistas e bombeiros, notarios, populares, charcuteiros e avogadas, comezaban a precisar que os responsables da administración que nos goberna nos explicara que estaba a acontecer. Entrabamos na páxina da Xunta e mirabamos a axenda oficial, algunha festa gastronómica había no calendario. Nada grave. Era sábado.

Entrabamos na páxina da Xunta e mirabamos a axenda oficial, algunha festa gastronómica había no calendario. Nada grave. Era sábado.

Ao día seguinte, a primeira reacción da Xunta chegaba pola mañá, antes de misa de once, cando xa arderán 750 hectáreas de vida. “90 veces a alameda de Compostela”, apuntaba alguén de letras no Twitter. E cando @raulsalgado e @xurxomar repartían os caracteres e as imaxes do rigor sobre o terreo, e @prazapublica facía o seu traballo sen acougo, alguén premeu o botón de cámara lenta. Pause.

Feijóo estaba na Capela. Está claro que un presidente da Xunta non é tal ata que cheira a fume, dá igual se é dun incendio forestal ou da Festa do Cabrito ao espeto

Feijóo estaba na Capela. Está claro que un presidente da Xunta non é tal ata que cheira a fume, dá igual se é dun incendio forestal ou da Festa do Cabrito ao espeto. É coma querer ser xornalista de dereitas e non lembrar á plataforma “Nunca Máis” cada vez que alguén protesta por algo neste país. “Los de siempre”, en fin, unha biosfera degradada e vantaxista, unha especie de comuna hippie que só pensa en gañar as autonómicas. “Los gallegos de Madrid debéis saber que el NeoPrestige está en marcha. Huele a quemado”, tuiteáballe Xosé Carlos Caneiro ao director de ABC Bieito Rubido. 

Mentres @sihomesi lanzaba consellos irremediables para levar a cabo en situacións catastróficas como esta e @Rafiklalin dába coa “lóxica destrutiva de país”, a Xunta comezaba a dar datos que non se correspondían coa realidade e cubríase as costas da dignidade afirmando que “o único inimigo é o lume”. Concordo con isto último, aínda que sexa unha lectura simplista. E entre a información que ía chegando, unha nova palabra percorría os perfís dos agregados á traxedia: andalucita. Unha mina deste mineral saltaba á lista negra dos posibles culpables do lume. Os desinformados non entendíamos nada.

Unha mina deste mineral saltaba á lista negra dos posibles culpables do lume. Os desinformados non entendíamos nada.

E chega o luns, e alguén rescata da memoria da rede unha nova de El País do 30 de marzo de 2009 na que, baixo o título “Problemas ambientales en As Fragas”, advertíasenos de que unha empresa con sede na Coruña, de capital británico e surafricano, quería explotar andalucita en As Pontes e que o bipartito –aquel bipartito- lle negou o permiso. Tamén di que a responsable da empresa estaba tranquila porque o novo goberno prometéralle que ían aprobar o seu proxecto. E todo queda inundado de fume; outra causa sospeitosa que irá parar ao río, como a cinza.

E todo queda inundado de fume; outra causa sospeitosa que irá parar ao río, como a cinza.

Se Rajoy dicía en 2006 “en situacións coma esta é onde se mide a eficacia dos Gobernos” gostaríame saber entón se chamou a Feijóo para abroncalo.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.