Failaka, a pegada da guerra do Golfo

Failaka © Moncho Iglesias Míguez

A illa de Failaka é un dos principais destinos turísticos de Kuwait, fóra do circuíto de cemento que reivindica o país como centro comercial de ostentosas dimensións. Nos 24 km² insulares concéntranse varias praias de area branca e ocre, e augas mornas e cristalinas que parapetan ruínas arqueolóxicas e entullos dunha guerra que hai trinta anos desertizou a illa. Porén, os seus encantos renacen coa promesa de volver ser o paraíso que máis dunha vez foi.

A illa de Failaka é un dos principais destinos turísticos de Kuwait, fóra do circuíto de cemento que reivindica o país como centro comercial de ostentosas dimensións

A só 20 km da capital do país, Kuwait, Failaka preséntase como un museo de historia e natureza que amosa entre os seus areais o que foi e o que é este estado. O país, do tamaño das provincias de Lugo e A Coruña xuntas, conta cunha poboación de case 5 millóns, aínda que só un 30% deles teñen os dereitos plenos que outorga seren autóctonos. Encravada na beira nordeste da Península Arábiga e bañada polas augas do Golfo Pérsico, é nesas costas precisamente onde se encontra a poboación, necesitada de brisa e auga, que apenas logra refrescar esas temperaturas que no verán chegan aos 50ºC.

Failaka © Moncho Iglesias Míguez

O actual estado de Kuwait é un oasis de tradición e modernidade no que a guerra de 1990 provocou unha paréntese de estabilidade que deveu en recoñecemento exterior

O actual estado de Kuwait é un oasis de tradición e modernidade no que a guerra de 1990 provocou unha paréntese de estabilidade que deveu en recoñecemento exterior. A sona do petróleo fixo que se esquecese a riqueza da industria das perlas e que os atractivos turísticos nacidos no século pasado pasasen a ser os símbolos de identidade cos que render tributo a toda a súa historia. Así, as mesquitas acubíllanse entre rañaceos e estes entre edificios de emigrantes e cidades erixidas sobre a area, como a de Hawalli, lar de milleiros de palestinos ata a guerra do Golfo: «Kuwait, nos setenta, era un paraíso para os intelectuais árabes e para a xente que quería vivir en apartamentos que non semellaban refuxios,» apunta Randa Jarrar en Un mapa do lar, unha novela na que tamén recolle o sentimento de perda desas 300.000 persoas que abandonaran Palestina cara a unha Kuwait esperanzadora, mais que logo foron expulsadas desa Kuwait desbastada por un Saddam Hussein que prometera a liberación de Xerusalén e Palestina e que alimentou un odio á Palestina que, con Arafat, apoiou as ideas do líder iraquí.

O paraíso abafante de Kuwait comezou a agromar o século pasado. Daquela, as brisas do futuro calmaron o afogamento dunha terra que semella un forno a ceo aberto, refrescado sempre polo mar e nos últimos anos polas brisas dos sempre presentes aires acondicionados. Desas últimas décadas son as torres de Kuwait, unhas construcións que simbolizan a liberación do país grazas a uns minaretes perfumados que gardan auga para abastecer un país que importa case todo o que precisa. Como mastro desa embarcación que é Kuwait, as torres permiten divisar todo o que é habitable no país e alén da area, e dese xeito serven de faro insignia dun vello lugar adornado de futuro. 

Failaka © Moncho Iglesias Míguez

Segundo apuntan as investigacións arqueolóxicas, Kuwait está habitada dende o ano 7000 a.C. Por outra banda, os primeiros asentamentos de Failaka datan do ano 1500 a.C., cando cobrou importancia como centro comercial e punto de conexión entre diferentes civilizacións, como a mesopotámica, a iraniana e a dilmún

Segundo apuntan as investigacións arqueolóxicas, Kuwait está habitada dende o ano 7000 a.C. Por outra banda, os primeiros asentamentos de Failaka datan do ano 1500 a.C., cando cobrou importancia como centro comercial e punto de conexión entre diferentes civilizacións, como a mesopotámica, a iraniana e a dilmún. Esta última, a dilmún, é unha das civilizacións máis antigas que se coñecen: a mítica Edén ou Atlantis oriental. Expándese polo Golfo Pérsico e a súa fama foi tal que xa hai mencións dela nas crónicas babilónicas. Segundo estas, era un xardín idílico destinado ao desfrute dos deuses e foi ata onde se cre que viaxou o rei sumerio Gilgamesh, quen se achegou ao lugar na procura de inmortalidade. Versos milenarios en alfabeto cuneiforme loan a pureza e santidade de Dilmún, onde «non berra o corvo nin anuncia calamidades o paxaro do mal augurio.» A sombría é un paraíso de bondade onde non existe o mal nin o pesadume, «pois entre os muros de Dilmún non hai motivos para se lamentar.»

Os portugueses bautizaron a illa como Dagoada polas augas subterráneas que ocupaban os poros secos do lugar; de feito, Aguada é o nome co que aparece nos mapas holandeses do século xvii

Failaka, ou Ícaro, parte da lendaria Dilmún, é a única das nove illas que posúe Kuwait que está habitada. Nela instaláronse comerciantes, pescadores, mergulladores de perlas e soldados. Xa no século iv a.C. os gregos estableceron a cidade de Ícaro, semellante á illa grega de Icaria, e desa etapa aínda se conservan as habitacións dunha casa e mais unha fortaleza onde se toparon varias estatuas de deidades. Tamén hai escritos de historiadores gregos que testemuñan a súa importancia e mencionan diversas variedades de árbores, cabras e cervos, así como o templo da deusa Artemisa. Con todo, a mudanza no control das augas e dos pasos cara ás rutas comerciais provocaron que, co tempo, a grega Ícaro pasase a ser coñecida como a illa Dagoada.

Os portugueses bautizaron a illa como Dagoada polas augas subterráneas que ocupaban os poros secos do lugar; de feito, Aguada é o nome co que aparece nos mapas holandeses do século xvii. Así e todo, o nome que sobreviviu foi o de Failaka, talvez unha evolución do termo portugués ou un derivado da palabra grega filakion, fortificación, pois a illa é como un oasis fortificado, un pequeno verxel que aínda a día de hoxe serve de ventilador natural para o resto do país.

Failaka © Moncho Iglesias Míguez

A hexemonía portuguesa nos portos árabes axiña se frustrou e cedeu o seu poder a outros imperios que enseguida os ocuparon. Foi deste xeito que persas e otománs se repartiron o control de Kuwait, que xa desde o século xix pasaron a ansiar os iraquís. Por iso, en 1899, o xeque de Kuwait, Mubarak o Grande, chegou a un acordo cos británicos para pasar a formar parte do protectorado británico. Foi durante ese momento que se descubriu o petróleo e no que Kuwait pasou a converterse nun dos países máis ricos do mundo.

A expansión económica de Kuwait e a súa independencia, en 1961, fixo renacer a arela de anexión de Iraq, que non recoñeceu as fronteiras co país veciño ata dous anos despois da declaración de independencia. Nese momento, a pequena aldea mariñeira de Failaka comezaba a urbanizarse e amais de escolas construíronse centros públicos e casas de vacacións. Porén, a edénica Failaka resucitada sucumbiu aos poucos anos e de ser unha idílica cidade para o descanso pasou a ser un búnker a ceo aberto. 

A situación xeográfica de Kuwait, fronteiriza por terra con Iraq e por mar con Irán, provocou que na guerra entre estes dous países, de 1980 a 1988, ocupase un lugar de vital importancia. Temerosa da posible influencia da revolución islámica de 1979, Kuwait decidiu apoiar Iraq no conflito. Como consecuencia diso, Irán atacou as refinerías kuwaitís e, unha vez finalizada a contenda, Iraq reclamou Kuwait como provincia e invadiuna logo en 1990. Entón comezou a segunda guerra do Golfo.

A situación xeográfica de Kuwait, fronteiriza por terra con Iraq e por mar con Irán, provocou que na guerra entre estes dous países, de 1980 a 1988, ocupase un lugar de vital importancia

En xullo de 1990 Iraq acusou Kuwait de exceder a cota de exportacións de petróleo e de roubar parte do ouro negro iraquí dunha refinería que ambos os países compartían na fronteira. Un mes despois, Saddam Hussein tomou e anexionou Kuwait, feito que provocou a segunda guerra do Golfo, «nai de todas as batallas», en palabras do dirixente iraquí. Ano e medio despois, en febreiro de 1991, a coalición internacional encabezada por Estados Unidos expulsou as tropas iraquís na denominada «Operación Tormenta do Deserto», que ao seu paso esnaquizaron parte da industria petrolífera kuwaití, así como casas e negocios dun xa desolado país. 

Failaka © Moncho Iglesias Míguez

O país reconstruíuse con rapidez, mais non así Failaka, convertida nunha ampla plantación de minas abandonadas e ciscada de casas desocupadas

En 1994 Iraq aceptou a soberanía de Kuwait e os límites fronteirizos establecidos pola ONU. O país reconstruíuse con rapidez, mais non así Failaka, convertida nunha ampla plantación de minas abandonadas e ciscada de casas desocupadas. A día de hoxe, os entullos e os buratos nas construcións aínda en pé lembran a fuxida da illa o 2 de agosto de 1990. A carón delas, os tanques enferruxados recordan unha destrución que devagar se recompón, como prometen as primeiras instalacións turísticas que invitan a pensar nun novo rexurdir da illa.

As cicatrices da invasión de Iraq seguen presentes en Failaka, un museo ao aire libre sobre o que aínda non se aplicou a cirurxía que recobre o resto do país que non está cuberto de area. A vila mariñeira de augas mornas e area branca e ocre devece por erixir o seu pasado entre acaroados metrallados en rúas desérticas e silenciosas e un paraíso arqueolóxico que constrúe a historia do lugar. 

Failaka segue viva, mais apenas hai quen a habite, agás as múltiples lembranzas do que foi antes dunha guerra

Poucos dos insulares que abandonaron a illa en 1990 volveron aos seus apeiros de pesca. Os novos poboadores son inmigrantes que traballan no restaurante, nas tendas ou na granxa de dromedarios. Poucos son tamén os turistas que pasean polo museo que é a illa, que dan un paseo a cabalo ou que pedalean nalgunha das barquiñas do parque. Porén, arqueólogos e historiadores continúan a fascinarse cos descubrimentos que agocha a illa. Failaka segue viva, mais apenas hai quen a habite, agás as múltiples lembranzas do que foi antes dunha guerra. 

Salmiya, dende Failaka © Moncho Iglesias Míguez

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.