Familiarismo, violencia e maltrato

Familiarismo CC-BY-SA Iria Rodríguez Leirós

Non podemos falar de dereitos sociais hoxe en España. Calquera persoa que dependa economicamente doutra é susceptible de ser maltratada por esta. Máis indefensa está se depende doutros debido ó seu estado de saúde, diversidade. As axudas sociais que teñen en conta os ingresos do núcleo familiar (ou unidade de convivencia) non teñen en conta o reparto desigual na familia deses ingresos. Esixencias absurdas como 3 anos de vida independente impiden as persoas saír do núcleo familiar. As axudas, as pensións, son imposibles de tramitar en núcleos rurais onde non hai liñas de autobús, se a persoa ten problemas de mobilidade (que o sistema determina dunha forma moi restritiva, pouco realista, pensando nun núcleo urbano con servizos—a dor, a astenia, a absoluta falta de diñeiro, non entran na ecuación); non se entende por que é tan importante a nosa presencia física (vídeo-chamadas? historias médicas?). 

Mulleres con orde de afastamento vense obrigadas a permanecer co seu agresor. Se o agresor non é parella ou ex-parella (por exemplo, irmán, pai, fillo) conta como feminicidio pero non conta á hora de recibir axuda (fonte: o 016, redes sociais do Ministerio de Igualdade). 

Protestar publicamente implica desvela-lo que lle está a acontecer a unha (un, unhe) e supón poñerse en perigo: os agresores danse por aludidos. Ou reciben unha chamada. Hai xente morbosa e mala. 

Téñense en conta os ingresos da unidade de convivencia, familiares ata en 2º grao, pero en principio non parece que exista a obriga para eles de ceder una parte deses ingresos ó compoñente desa familia ou unidade de convivencia que non os ten (considerado-a-e unha carga, e polo tanto obxecto de odio e resentimento). Todo isto inclúe non ter dereito a un quilo de azucre, diñeiro para transporte para ir a urxencias ou regresar á casa tras unha operación, medicación (ex. 24 euros de gasto por un herpes-zóster). E se nunca somos capaces de cotizar? ou chegamos a vellez, se non morremos antes, cun mísero número de anos cotizados?:  “A pobreza da vellez fráguase na xuventude” Anna Freixas

Saír do núcleo familiar no caso de maltrato é difícil ou imposible se a persoa que se encontra en dificultade padece una enfermidade. Doenzas que non poñen en perigo en principio a vida dunha persoa poden ser dolorosas e dificultar moito a vida económica, laboral e social. Ou que si a poñen pero a longo prazo. Ou por suicidio, porque a persoa non pode con tanto sufrimento e abandono e todo o que lle pode pasar (violencias). O sistema discapacidade-incapacidade é obsoleto e é machista. Favorece as persoas que menos mal están, que aínda teñen capacidade para loitar, moverse, protestar. Acceso a un avogado. 

Todo o mundo ten dereito a unha vida propia, a saír do núcleo familiar. Unha doenza non pode significa-la perda da posibilidade de ter unha vida propia. O dereito á intimidade. A non vivir arrodeada de odio e baixo control. Illada pola propia familia dos demais. 

Nun momento no que as xornadas laborais son duras, as esixencias altas, o despido fácil, aqueles que estean enfermos non poden competir con outros que non o estean. Aqueles que non conten con apoio familiar non poden competir con quen si. Excluídes, facilmente. Cando só pensar ir ata o INEM doe literalmente. 

A propietaria-propietario da vivenda ten todo o poder. O control. A capacidade de abuso. 

A tiranía apodérase de certas persoas que se senten impunes pois quen sufre violencia está desprotexida. Non se pode defender. Non pode fuxir. A xente precisa un teito, calor, comida, axuda para vivir nunha vivenda limpa, salubre. A atención psicolóxica é un comodín barato, non hai garantías de que non se exerza violencia institucional neses espazos, como culpabilizar á agredida en caso de violencia e/ou pobreza (a agredida non está facendo o suficiente para saír da situación na que se encontra, a súa doenza non é tan grave ou intolerable).

Psicólogos e psicólogas teñen prexuízos de clase. Pártese da base de que o agredido ou agredida é un ser fráxil psicoloxicamente? e sen formación. Non sempre é así. Moitas veces non é así. E tampouco hai que trata-las persoas con paternalismo, nunca. Ó contrario: con xenerosidade (como Evita Perón soubo defender). Existe a discapacidade adquirida por doenza. Ou por trauma (violencia, accidentes). 

A min persoalmente raíanme e paréceme a súa existencia un castigo divino, xs psicólogues. 

Adóitase acusar ás mulleres enfermas da súa doenza. Non levamos unha vida saudable. Non nos esforzamos. Rexeitamos tratamentos inexistentes ou que nos envelenan. 

Pouco importa a formación dunha persoa se esa persoa está enferma. Ninguén contrata a persoas enfermas. Os salarios insuficientes dificultan a mobilidade xeográfica. E para que ter as persoas enfermas traballando, sufrindo? Non teñen, temos?, acaso xa bastante in our plate? O traballo para persoas con discapacidade ten sido denunciado como escravitude, ou imposible de realizar para a persoa, non adaptado, un sufrimento, con salarios aínda máis baixos do habitual (convenios, chiringuitos): unha cadea de montaxe en empresas auxiliares da industria do coche, lavanderías para hospitais. As discas non queremos ser man de obra barata! 

A fisioterapia ocupa un lugar residual na atención médica. Custa cara para quen a necesita e os profesionais teñen moitos gastos (hipoteca ou aluguer, gastos do local onde exercen, autónomo). 

Non se pode deixa-las vidas das persoas nas mans da solidariedade humana. Incluso as redes de axuda mutua que tratamos de construír nós mesmas confrontan a realidade de estar formadas por persoas con escasos recursos, con escasa capacidade de axuda mutua material real, e mesmo anímica (queimadas). 
Un Estado democrático ten a obriga de asegurar, garantir, os dereitos das persoas. O egoísmo é unha planta resistente, invasora. A violencia nútrese da impunidade. 

 

Aclaro: tódalas imprecisións neste artigo son resultado dos propios problemas estruturais do sistema que estou a denunciar (non entendemos os nosos dereitos se existen, non se nos informa correctamente e atopámonos tan mal como para non entender ben o que se nos está a dicir—problemas de concentración pola dor crónica—as traballadoras sociais non fan seguimento, din que nos chamarán... non nos escoitan nin moito menos camiñarán that extra mile, non contamos con Olivia Benson SVU ou Mariah en Precious). 

Lectura aconsellada: Pies de Elefante (Ariel, 2022) da xornalista e guionista Anita Botwin, con prólogo de Olga Rodríguez

Solución posible: o sistema debe ser reformado, simplificado, considera-las persoas de forma independente nas súas necesidades, sen excepcións incomprensibles—pero mentres non se poida debemos loitar contra a opacidade e compartir información as unhas cos outros, non facer comparacións odiosas nin competir...

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.