"Non quero para Galicia nin líos nin partidos liados". "A maioría de galegos non sabemos cal é a alternativa ao PPdeG". "Somos os únicos que podemos garantir que ás poucas horas de que pechen os colexios teremos un goberno que traballará dende o primeiro día por Galicia". O PP escolleu a dicotomía estabilidade-inestabilidade como eixo argumental da súa campaña. Esta estratexia, máis que previsible, obriga a En Marea e PSdeG-PSOE a esmerarse en facer visible a existencia dunha alternativa confiable que ofreza propostas, respostas e solucións ás principais preocupacións da cidadanía. En reducir a incerteza sobre a viabilidade e competencia dese goberno alternativo a Feijoo.
Nas súas declaracións públicas os dirixentes populares recuperaron as vellas críticas contra o bipartito PSdeG-BNG ("Non fai falla lembrar o que era aquel goberno bipartito; nin imaxinar o que podería chegar a ser un multipartito, coas leas de cada partido que conforman a lea do multipartito"). E, ao tempo, explotaron as recentes dificultades para a conformación de Goberno no Estado ("Non fai falla remontarse ata entón para explicar a importancia da estabilidade e da responsabilidade para Galicia. Abonda con remontarse ao pasado 20 de decembro e ver o que sucedeu en España desde entón, abonda lembrar como dende esa data Galicia foi máis aínda unha excepción de responsabilidade").
A argumentación foi xenerosamente complementada por algunhas cabeceiras de prensa ("Empate técnico entre el PP y un cuatripartito de izquierdas", La Voz de Galicia, 7-8-2016; "Sigue el empate entre el PP y una hipotética coalición multipartita", La Voz de Galicia, 28-8-2016) e pola televisión e radio públicas, en estratexias coordinadas que contribuíron a que esa idea-forza cobrase protagonismo nas semanas previas ás eleccións. O medo ao descoñecido (fronte ao malo coñecido), á inestabilidade e ao caos que veñen dominando a axenda mediática en España nos últimos meses.
Un marco que non só beneficia os populares como partido de goberno e como opción de orde, senón que axuda a que na campaña electoral galega se estea a falar máis do sucedido nos últimos seis meses en toda España que do que pasou en Galicia dende outubro de 2012, tanto a nivel de xestión coma de comportamento ético. De igual maneira, un dos grandes erros de Unidos Podemos (e do PSOE) nas semanas previas ao 26X foi permitir que nesa campaña se falase máis dos seis meses que pasaran dende o 20D que dos catro anos de recortes e corrupción que transcorreran dende o 2011.
O PP vai explotar este medo ao descoñecido e, na medida en que poida impoñer esta idea como marco dominante da campaña, terá moi preto a maioría absoluta, que vestirá dunha caste de Pax Romana. Un marco no que contará con poderosos altofalantes mediáticos (haberá que lembrar, como dicían Public Enemy: Don't believe the hype).
A obriga das forzas chamadas a constituír un goberno alternativo (PSdeG-PSOE, En Marea e, se finalmente acada representación, o BNG) será levar a campaña por outro camiño, un relato diferente que pasa, entre outras cousas, por asumir e enxalzar dende xa ese executivo de cambio en Galicia, dirixido pola forza que obteña máis votos (unha idea ben defendida, aínda en xuño, por Rafa Sisto). Unha tarefa á que axuda máis -de momento- a actitude amosada por Villares (que deixou claro que En Marea apoiaría un presidente socialista) que as dúbidas sementadas por Leiceaga nalgunha intervención, que seguramente deben ser lidas en clave de competencia interna no seo do PSdeG-PSOE.
A tarefa pasa tamén polo programa que se lles presente aos galegos e galegas nestas semanas e pola forma en que se presente: medidas concretas e decididas que dean solución aos problemas e preocupacións inmediatas e que, ao tempo, constitúan un proxecto de mirada longa para o país. O urxente e o importante, comunicado de maneira comprensible á poboación, de xeito que se supere a barreira de indiferenza, fastío e ruído que foi crecendo nos últimos meses. Facer visible o cambio con mensaxes e propostas tanxibles e cunha linguaxe nova que supere o uso (excesivo) de determinados construtos discursivos que nos últimos meses xa deron de si todo o que podían dar.
Pasa tamén por combater a xestión con xestión, desmontando o argumentario popular. Cómpre poñer en valor a xestión que se está a realizar en moitos concellos gobernados pola esquerda, especialmente na Coruña, Compostela e Ferrol. E, ademais, facer unha relectura dos catro anos de goberno de PSdeG-PSOE e BNG, un Bipartito con máis acertos que erros (que tampouco deben ser esquecidos) sobre o que o PP soubo impoñer o seu relato negativo.
O espazo electoral que hoxe representa En Marea foi crecendo sen parar dende as autonómicas de 2012, ás europeas de 2014, ás municipais de 2015 e ás xerais do 20D a pesar dos moitos erros organizativos e da gran fenda existente entre o enunciado e o practicado, sobre todo a nivel interno. O paso atrás experimentado pola candidatura o 26X acabou de confirmar que esa onda social sobre a que esta forza foi medrando estaba amosando sinais de esgotamento. E que, desta vez si, o éxito comeza a depender de que se fagan ben ou mal as cousas. O propio proceso da marea constituínte, completado in extremis, e o proceso de primarias eran campos de minas que poderían ter rematado nun fracaso. E saíron razoablemente ben para a candidatura. Agora, iso si, comeza o máis difícil.
A campaña decidirase pola capacidade das forzas opostas ao PP, sobre todo no caso de En Marea, de saír fóra de si mesmas, de desbordar os seus ámbitos de influencia (de realizar unha "campaña aberta", como ben expresou Mercedes Martínez Modroño). En Marea debe comezar por recuperar os 64 mil votos que perdeu entre decembro e xuño, sobre todo nas áreas urbanas. E iso pasa por funcionar como unha candidatura permeable, amable, diferente, que vaia máis alá das súas fronteiras (non só as das organizacións que abrangue senón as dos sectores sociais e grupos de interese que se senten interpelados pola súa proposta). Por facer valer (como apuntou Emilio Martínez Rivas) as fortalezas dunha diversidade na que algúns ven unha debilidade. A mesma diversidade que constitúe hoxe a sociedade galega.