Como un carece de orixinalidade e imaxinación, pois ¿que lle queren?, tamén vai opinar sobre as famosas fotos de Alberto Núñez Feijoo e Marcial Dorado que revolucionaron a vida pública galega esta semana (si, aínda non pasaron sete días). E vouno facer botando man da tamén famosa, outrora e agora por derivada, foto de Anxo Quintana con Jacinto Rey no iate deste último.
Coméntase, con razón, a dobre vara de medir de Feijoo ao solicitar a dimisión do daquela vicepresidente da Xunta e por non aplicarse o conto agora cando se dan a coñecer unhas fotos que só se asemellan ás anteriores no atrezzo mariñeiro, pois evidencian algo cualitativamente moi distinto. A impresión que semella ter transcendido é que o pecado no que cae o presidente da Xunta é estritamente ese, o da hipocrisía, cando non é esta a cuestión principal. O verdadeiramente grave das fotos de Feijoo é que evidencian o que el mesmo, o PP e os medios afíns, trataron de minimizar desde un principio porque era imposible de negar. O actual presidente da Xunta mantivo unha relación de amizade, até o punto de compartir viaxes e vacacións durante varios anos, cun señor que naquel entón era sobradamente coñecido en toda Galicia pola súa vinculación co contrabando e/ou co narcotráfico, e que xa fora detido e encausado, por moito que só máis tarde fora condenado. As explicacións do presidente indicando que descoñecía esa faceta de Marcial Dorado non son cribles para calquera que teña dous dedos de fronte, como ben indican as risadas do xuiz Taín fai uns días nunha entrevista radiofónica. Non é nin un amigo da infancia, nin un parente máis ou menos próximo, que podería exculpar os contactos continuados.
Coméntase, con razón, a dobre vara de medir de Feijoo ao solicitar a dimisión do daquela vicepresidente da Xunta e por non aplicarse o conto agora cando se dan a coñecer unhas fotos que só se asemellan ás anteriores no atrezzo mariñeiro, pois evidencian algo cualitativamente moi distinto
E non se trata tampouco de demostrar que desa relación se desprenden irregularidades na contratación pública, cuestión que debe ser convenientemente investigada, ou calquera outro tipo de irregularidade. O propio feito en si é unha tacha que, ao ter sido interesadamente agochada polo presidente Feijoo ao longo da súa carreira política, convértese nun impedimento definitivo para ocupar un posto de máxima representación política como é ser presidente da Xunta. Aquí e en calquera país democrático. Hoxe mesmo soubemos da dimisión dun ministro portugués por presunto fraude á hora de obter un título universitario. Presunto porque non fixo falla que ningún xuíz o imputara, o acusara ou o condenara. Como tampouco foi necesario no caso da ministra alemá, man dereita de Merkel, cando presentou a súa dimisión por presunto plaxio da tese doutoral. Países de latitudes xeográficas e culturais ben diferentes, por moito que a moral cristián e protestante avalíen de forma diferente os comportamentos deste tipo e que cada caso amose as súas particularidades.
Feijoo poderá defender a súa honra como considere oportuno, pero cando toma a decisión de non dimitir o que está a facer é empobrecer a calidade da democracia neste país, rebaixar o listón da tolerancia en relación aos comportamentos eticamente reprobables e amosarnos, de paso, a súa catadura moral.