Comecei a lectura deste libro hai meses, na altura en que a súa autora mo dedicou xenerosamente, pero é agora cando a retomo e podo escribir sobre el.
Carme Adán, amiga feminista e persoal desde hai anos, ten traballado no eido literario, xornalístico, educativo e político deste país, de forma que non necesita ser presentada. Tampouco a palabra Feminicidio, tan latina, necesita explicación, sabendo como sabemos perfectamente o que significa Homicidio. Aínda así, falta en el Dicionario de la RAG. Algo incomprensíbel cando o Dicionario da RAE, corrixira a definición a finais de 2018, como “asasinato dunha muller a mans dun home por machismo e misoxinia”.
Comeza a autora denunciando o silencio que rodea ao feminismo e á violencia contra as mulleres, chámese machista, sexista, de xénero. Defende esta última acepción porque sitúa a acción no eido cultural. Sexista tamén. E o resto. Segue falando a autora do desprestixio que leva implícita a condición feminina, e do patriarcado que serve para desmontar e subverter a orde establecida, a través do coñecemento. Continúa comentando que este libro quere indagar cunha ollada crítica sobre os conceptos que nos permiten coñecela como feminista.
Compráceme a proposta, así como a denuncia do sistemático esforzo por manter á muller afastada do saber, un comportamento histórico que aínda se quere seguir utilizando. Introdúcese na epistemoloxía feminista e afirma que o feminismo necesita formar un corpus teórico. Non podo estar máis de acordo. En realidade consiste niso. Pero acto seguido me confunde cando di como podedes comprobar o das palabras raras vai en serio, coma se quixese solidarizarse coa ignorancia feminina. Hai momentos nos que a dorna que escolleu para navegar por este doloroso tema, virase perigosamente e pregúntase : por que falo de coñecemento, se o libro propón unha reflexión sobre a violencia das mulleres??
Non é a través do coñecemento como pretende analizala? Sigo lendo e quedo confundida. Non é unha pandemia ou unha lacra é un tema de longo percorrido filosófico e político. Velaí!! Mais a continuación introduce na reflexión “os valores”, que, segundo a autora “son obviados”. É urxente analizar os valores desde os que coñecemos o mundo. Cómpre decidir que valores son máis acaídos e por que.
Pregúntome, que son os valores? Hai valores positivos e negativos. Deben ir adxectivados. E pode variar a consideración dos mesmos segundo o momento histórico. Pero non teñen unha definición filosófica ou científica. Valor, nesta acepción, non é un termo ontolóxico. Menos mal que a autora déixao aí esbozado para pensar nel ??, e continúa a pensar a violencia contra as mulleres en termos políticos, dicindo: Agardo que non esteades tan mareadas como para non seguir adiante. Este é xustamente un dos temas que me chocan na lectura do libro
Aínda que a autora, profesora de filosofía e coñecedora da filosofía feminista, cousa que reflicte neste libro, non sexa unha filósofa, no sentido de creadora dun pensamento propio, concreto e diferente, non me parece adecuada a vacilación que amosa con esas frases coloquiais que demostran inseguridade nos criterios. Expresións como:
Seguro que vos asaltan as dúbidas…; Aínda máis, que é ser unha muller? Defínenos a carne ou o concepto?? Como compaxinar esta pregunta coa cita de Simón de Beauvoir, de quen se di lectora e debedora, incluída a continuación, “non se nace muller senón que se chega a selo” ? Ou, cando remata outro capítulo : Polo menos para min, e para vós? Ou, Non sei se é correcto darlle forma lingüística ás sensacións. A risco de confundirme, vouno facer. Ou: Queremos unha lexislación feminista ou queremos lexislar como feministas. Que opinades?
Ela é a escritora do libro e opina. Ela dirixe a dorna, que é moi mariñeira. Ningunha das múltiples autoras que cita, ou non cita, fan algo semellante nos seus escritos. As indecisións non favorecen o traballo deste libro. As lectoras terán que escribir para comentar a súa opinión. Carme Adán é quen escribe, neste caso, e ten dereito a defender os propios criterios.
Falando de criterios, ignoro por que non cita os meus, incorporados en moitos dos meus ensaios feministas e artigos publicados en galego. Sobre todo porque veñen a conto en varios dos temas do libro que foron pensados e reflexionados por min. Hai unha desconsideración cara o ensaio en lingua galega? Ou pouca valoración e de min mesma? Non se sostén esa actitude coa consideración que me amosa noutras ocasións cando me nomea, algo do que non pretendo ser merecedora. Pero si creo que o son de figurar alí onde os comentarios do libro tratan aspectos do feminismo que traballei e nos que fun deixando uns xuízos e unha ideoloxía propia desde hai anos. E sabe ben, Carme, que non é a vaidade o que me leva a esta digresión. É simple curiosidade. Reforzada polo feito de que non é Carme a única, nin moito menos, que actúa dese xeito, no país.
Remata Carme o exhaustivo percorrido polo Feminicidio facendo unha síntese. Primeiro que o patriarcado segue forte, e que a violencia segue sendo o principio fundamental. Segundo, os estados seguen reproducíndoo…mantendo as esferas do público e do privado.
Aquí falo eu, Carme, porque son a dona deste texto. Esa división sistémica dos estados, é o leit motiv do meu ensaio Anti- natura, e de moitos artigos sobre este tema. Afirmar que as propias mulleres se meten voluntariamente no pozo privado, que é onde asasinan á maioría das vítimas, no noso e no resto dos países, se tratamos o Feminicidio, ou a Violencia contra as mulleres polo feito de selo.
Nesa liña indica Carme Adán como restabelecer a xustiza. Porque a violencia contra as mulleres é un problema político. Esas palabras son as definitivas, creo, coas que a autora pon punto final ao libro. Parabéns, Carme.