Feminismo e incoherencia. Un tándem que non casa ou non debería casar

CC-BY-SA Praza Pública

Nestes días está a ser moi comentada a denuncia pública feita pola presentadora, actriz e cantante da Orquestra Panorama Fátima Pego, na que manifesta estar a sufrir acoso machista a través da súa conta de Instagram.

Obviamente, as devanditas mensaxes, que ela mesma fixo,como xa dixen, públicas, amosando as capturas das mesmas, ademais de ser groseiras e de moi mal gusto, non teñen xustificación algunha e son un evidente exemplo do machismo mais noxento.

Fátima insta, na súa denuncia, a todas as mulleres que pasen por unha situación similar a que fagan o mesmo que ela, denunciar, e afirma con toda rotundidade que ninguén ten dereito a falarlle a unha muller coma se fora un obxecto.

Ata ahí todo ben, e, evidentemente, eu concordo coas manifestacións de Fátima, como non podería ser menos.

Ninguén ten, como ela dí, dereito a falarlle a unha muller coma se fora un obxecto, e menos ainda a tratala como tal, pero, tendo esta muller, como semella, estes conceptos tan claros, chócame que dea a sensación de manexar unha dobre variña de medir.

Por qué digo isto?.

Moi sinxelo. 

Como xa dixen, subscribo totalmente o manifestado por Fátima, pero non deixa de resultarme curioso que, movéndose no eido profesional no que ela se move, non se decate, ou non lle importe, nin tampouco, porén, o manifeste, a evidente utilización que nel se fai do corpo da muller, máxime cando, según teño entendido adoita divulgar, vía redes sociais mensaxes a prol da igualdade de xénero e de condea a violencia machista.

Non coñezo a esta rapaza, pero non fai falta para saber, como todo o mundo, que na orquestra Panorama, por mencionar un dos sitios nos que traballa, as cantantes non adoitan sair nas súas actuacións, precisamente tapadas.

Pola contra, un dos ganchos fundamentais destas orquestras é o físico, sempre agraciado e frecuentemente exuberante das mulleres que integran o elenco, características potenciadas polas indumentarias que lucen, e que deixan, habitualmente, pouco lugar a imaxinación.

Nada que ver, por suposto, coa dos homes, que pode ser de mellor ou peor gusto, mesmo “horteira”, se se me permite a expresión, pero, en ningún caso, exhiben a anatomía dos homes que a lucen.

Dito doutro xeito, reitérome no que xa manifestei, non coñezo a esta rapaza persoalmente, pero a vista está nas fotos que é poseedora dun físico atractivo.

Non dubido, por outra banda, das súas facultades coma cantante, pero, eu faríalle unha pregunta. Tería as mesmas oportunidades unha rapaza que cantase tan ben coma ela, ou mesmo mellor, de formar parte da orquestra Panorama se o seu físico fora, xa non vou dicir pouco atractivo, pero sinxelamente, do montón?.

Ou, outra posibilidade, se ainda sendo atractiva se negase a lucir as indumentarias algo mais que insinuantes que imaxino forman parte das directrices da empresa, sería contratada por esta, por moi fermosa que fora a súa voz e evidentes as súas dotes como cantante?.

A resposta é obvia. Non!.

Certamente o ir vestida de certa maneira ou que os seus movementos enriba do escenario sexan mais ou menos insinuantes non lle dan dereito a ningún baboso a soltar tales burradas, pero, sinceiramente, a min, persoalmente, rechíame un feminismo tan selectivo e, con todo o respecto o digo, un pouco incoherente.

Francamente, que unha empresa, por moi orquestra que sexa, te exhiba coma un obxecto sexual, porque, se lle chame como se lle chame, o feito e ese, e non che importe en absoluto, na miña opinión, dase de bruzos co feminismo, e, nos guste admitilo ou non, o que ela denuncia é, en gran medida, resultado do que tolera cada día, ignoro se de mellor ou peor grado.

O dixen xa en moitas ocasións, e non fago mais que reafirmarme, hai certos comportamentos aos que se lles denomina, non sei eu se moi axeitadamente, feministas que non acabo de entender, sinto.

Igual o fallo está en min. Seguramente.

Sexa como sexa, lamento moito ter que dicir que non comprendo certo feminismo non sei se selectivo, ou, como mínimo, un tanto contradictorio.

Evidentemente, e que ninguén pense o contrario, o traballo desta muller meréceme todo o respecto do mundo, faltaría mais, pero cando se teñen unhas conviccións tan firmes como ela da entender que son as súas en canto ao feminismo e a utilización da muller, resulta paradóxico que non lle molesten certas conductas ou certas “normas” coas que convive de cotío, que, dou por sentado, asume, e que, nos guste ou non admitilo, contribúen a fomentar conductas tan noxentas como as do seu acosador.

Cosificar a muller, tratala ou falarlle como a un obxecto, segue a ser, lamentablemente, ainda moi frecuente a día de hoxe, pero, non nos enganemos, non ten mais delito o que insulta ou agrede a través das mensaxes, que o que te exhibe enriba dun escenario.

Que unha conducta se condene e a outra se tolere ou mesmo se aprobe, forma parte da escala de valores de cada un….e de cada unha.

Do que non cabe ningunha dúbida é de que, coma todo na vida, é moi difícil, por non dicir imposible, que o feminismo, sin coherencia, avance.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.