Agora si, agora o vello líder do nacionalismo galego xa está no olimpo galego de aquelas persoas que o tempo contemplará cun aura mística que describirán políticos do futuro e escribentes máis ou menos avezados
Finou O Beiras, e con el seguramente unha páxina moi relevante da Historia do país dos mil ríos. El dicía que era tímido, e nalgunha entrevista coa magnífica xornalista Fernanda Tabarés, recoñecía non sentirse cómodo coa súa “mitificación”. Negar que a súa efervescencia na posta en escena era unha característica identificativa do persoeiro, sería negar unha realidade incontestable da súa personalidade, e non recoñecer que foi o político nacionalista máis relevante dende Castelao, tamén.
Agora si, agora o vello líder do nacionalismo galego xa está no olimpo galego de aquelas persoas que o tempo contemplará cun aura mística que describirán políticos do futuro e escribentes máis ou menos avezados. Míticas son xa aquelas reunións no Vilas vello de Compostela con Fraga, non sempre entendidas por grande parte dos seus... e por moitos dos outros. Podería contar seguramente mellor ca ninguén Paco Vilas o respecto intelectual que se profesaban, despois de anos de iracundos debates nos que as dagas verbais voaban de esquerda a dereita no Hórreo, como se de dúas realidades antagónicas do país estiveran a falar. Debates para non iniciados nos que citaban dende os románticos franceses, pasando por Popper, ata chegar a sisudas análises sobre as ideas daquel alemán que compartía apelido con Groucho Marx.
Míticas son xa aquelas reunións no Vilas vello de Compostela con Fraga, non sempre entendidas. Podería contar seguramente mellor ca ninguén Paco Vilas o respecto intelectual que se profesaban
Beiras era poliédrico, e ben entendido bipolar. As súas reaccións na tribuna parlamentaria en ocasións eran teatralizadas, mais para moitos e moitas que o observábamos, hipnóticas. Verbo fluído, ideas preñadas de compromiso coa súa coherencia persoal e política, e un camiño espiñento cara o soño de presidir en Raxoi, para o que seguramente lle faltou coñecer unha parte da realidade deste pais... ou porque negouse a adaptar á circunstancia cambiante da nosa sociedade.
Fraga e Beiras, ou Beiras e Fraga, eran fillos do seu tempo, e ao mellor chegaron demasiado cedo a poñer as súas privilexiadas mentes ao dispor dun país que, dun bando e do outro, seguramente nunca remataron de entendelos
Onte contaba a un amigo como nunha ocasión presenciei unha conversa entre Xosé Cuiña e máis el diante dun queixo do país, no que o Beiras dicíalle ao daquela poderoso Conselleiro de Fraga “non te van deixar ser o sucesor de Fraga, porque ti coma min es un negro da política, e nós sempre perdemos contra os brancos”, nunha sentenza que calquera avezado darase conta que dista moito de ter un compoñente racista.
Agora os nostálxicos daquela esquerda de Galicia, pensarán que calquera tempo pasado foi mellor, mais deben saber que Fraga e Beiras, ou Beiras e Fraga, eran fillos do seu tempo, e que ao mellor chegaron demasiado cedo a poñer as súas privilexiadas mentes ao dispor dun país que, dun bando e do outro, seguramente nunca remataron de entendelos.