“Fódeme antes de que cambie o goberno”

'Os amantes' de René Magritte Dominio Público

A liberdade estrañamente apréciase se está queda e tranquila. Os que xa nacemos con ela, temos claro que non deben meterlle man. Sabemos que existe coa mesma naturalidade coa que pousamos as chaves na consola da entrada

A liberdade estrañamente apréciase se está queda e tranquila. Sabemos que, dende hai uns anos, existen políticos que falan dela continuamente coa mesma ollada coa que un taxidermista contempla un cervo. Queren cazala a traizón e esfolala con coidado, baleirala por dentro e estenderlle a pel sobre un molde que dite a postura que debe adoptar. Despois, cósenlle as feridas e colócanlle uns ollos de cristal. Peitéana para disimular o desastre e remata convertida nun elemento decorativo. Ten a aparencia de sempre pero, igual que o cervo, ou un Lorca censurado, xa non pode correr polo monte, nin saltar os valados, nin perderse na espesura. 

Os que xa nacemos con ela, temos claro que non deben meterlle man. Sabemos que existe coa mesma naturalidade coa que pousamos as chaves na consola da entrada. Somos libres incluso antes de comezar a andar: a miña nai sempre conta que, cando me levaba no colo pola rúa e alguén nos paraba para propinarme un belisco na meixela ou roubarme un bico, eu erguía ao ceo o puño esquerdo e balbucía a Internacional. Con forza e o ceño fruncido. Rebelábame así. Arriba los pobres del mundo, en pie los esclavos sin pan. A día de hoxe, non recibimos ningún requirimento de Asuntos Sociais pero tampouco houbo arrepentimento. Eu só espero conservar a liberdade de poder incomodar a unha señora pesadísima sen ter que pedirlle permiso a mamá. 

Federico García Lorca Dominio Público

Quedan poucas horas e hai que votar por dentro e coñecendo a realidade. Un posible goberno de PP e VOX nin sequera precisa manchar as mans para recortar liberdades

Quedan poucas horas e hai que votar por dentro e coñecendo a realidade. Un posible goberno de PP e VOX nin sequera precisa manchar as mans para recortar liberdades. Xa está demostrado: abóndalle cun formulario para vixiar o que di un profesor en Madrid e en Valencia -”deber de neutralidade”, din- cunha orde para retirar libros de educación sexual dunha biblioteca de Burriana, cunha obra sobre Lorca que desaparece da programación dun teatro de Valladolid, cunha adaptación de Orlando, de Virginia Woolf, cancelada en Valdemorillo, case 80 anos despois de que o franquismo prohibise a importación de mil exemplares desa mesma novela, ou deixar sen escenario en Pinto outra representación de Lorca (pero que lles faría o poeta?), unha adaptación de Berlanga e un monólogo de José Sacristán. 

Todo faise con palabras perfectamente aseadas: neutralidade, protección, reorganización, criterios de programación. A liberdade non morre necesariamente dun disparo. Ás veces vai perdendo os órganos entre expedientes administrativos

Todo faise con palabras perfectamente aseadas: neutralidade, protección, reorganización, criterios de programación. A liberdade non morre necesariamente dun disparo. Ás veces vai perdendo os órganos entre expedientes administrativos, ata que só queda a pel ben estirada, aqueles ollos de cristal e un funcionario encargado de comprobar que mostra un sorriso forzado e que mira de reollo a eutanasia, o aborto, os dereitos civís, os alcances sociais ou, por que non, os orgasmos.

O outro día vin dende a terraza da casa a unha parella facendo o amor con furia contra un portal. Mentres contemplaba a escena, coma un voyeur sobresaturado de titulares políticos, pensaba: “Que votarán? Apostarán por correrse aí mesmo ou pola involución? E se algún día alguén decide que o escándalo non é mirar, senón deixarse ver?” Os dous, recompostos e acalorados de felicidade, marcharon abrazados. Descoñezo a súa ideoloxía, pero xa non a súa paixón. Entrei na casa co medo de que algún día ata o amor, que sempre foi unha actividade bastante imprudente, teña que pedir permiso para perder as formas. A desconfianza, que é un poderoso afrodisíaco, levoume a abrir a porta do cuarto e solicitarlle á miña parella: “Cariño, fódeme antes de que cambie o goberno”. 

Ao rematar, os dous nos quedamos durmidos coa sensación de ter alcanzado unha maioría suficiente.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.