Despois dun mes de folga comezan a pintar bastos para a reivindicación estrela dos Letrados da Administración de Xustiza. Reclamar unha cláusula de enganche do seu salario co 85% do que cobren os xuíces foi desde o principio unha aposta con elevado risco de fracaso
Parece que despois dun mes e pico de folga comezan a pintar bastos para a reivindicación estrela dos Letrados da Administración de Xustiza (LAX). Reclamar unha cláusula de enganche do seu salario co 85% do que cobren os xuíces foi desde o principio unha aposta con elevado risco de fracaso. O que de ningún xeito puideron prever foi a onda de antipatía que acabaría nacendo entre os restantes colectivos do sector. Pese a que a forte movilización dos LAX logrou suspender centos de miles de xuízos e paralizar a actividade nos xulgados, o único que recibiron por resposta, ademáis do arrogante desprezo do Ministerio, foi un elevado número de críticas que parecen poñer en entredito o propio estatus profesional dos folguistas..
O que de ningún xeito puideron prever foi a onda de antipatía que acabaría nacendo entre os restantes colectivos do sector
Lamentablemente, xa é tarde para que os convocantes reconsideren de xeito crítico o seu papel no organigrama xudicial, aínda que facelo antes teríalles evitado un bo número de argumentos errados. Así, podemos entender que revaloricen o seu nivel de titulados superiores responsables da xefatura da oficina, pero defender que iso os coloca ao cargo do “90% do traballo ordinario nos órganos xudiciais” é tan absurdo que nin require resposta. Ninguén discute tampouco que actualmente ditan resolucións que antes lles correspondían aos xuíces, e que iso supón unha carga adicional, pero non poden eludir que falamos de decisións formais, de complexidade limitada e que nunca resolven controversias profundas. Cheguei a ler, incluso, que a súa función é equivalente á dos xuíces “porque os LAX ditan moitos máis decretos que os xuíces sentenzas”, unha completa ridiculez para quen coñeza a enorme diferenza entre ambos tipos de resolucións en canto á esixencia intelectual e alcance xurídico
Podemos entender que revaloricen o seu nivel de titulados superiores responsables da xefatura da oficina, pero defender que iso os coloca ao cargo do “90% do traballo ordinario nos órganos xudiciais” é tan absurdo que nin require resposta
Quero crer que tantas saídas de ton responden máis ben a unha estratexia negociadora que a unha convicción moral. Claro que moi convencidos non parecen estar cando esperaron 14 anos para reclamar a compensación económica por todas esas penurias que din que lles carrexa o seu cargo. Algo debeu influír que o mando do organismo nunca deixase de estar nas mans doutro xurista de rango superior, o xuíz, que se ocupa de todas das decisións e actuacións de peso. En canto ás tarefas ordinarias, tamén eran conscientes de que os funcionarios de base, xestores, tramitadores e auxilios, son os que realmente conciben, redactan, ordean e plasman en documentos e actuacions os pasos que require cada procedemento. Por suposto, dependen en gran medida da resposta ás frecuentes dúbidas xurídicas e dos pronunciamentos específicos dun letrado ou dun xuíz, pero é o colectivo de funcionarios o que analiza e impulsa a maior parte dos trámites con total autonomía.
O dito non implica o menosprezo dos LAX como coordinadores da oficina ou como xuristas con capacidades técnicas para conducir procesos. Trátase de poñer as cousas no seu sitio e sortear ambigüidades. Algo nada fácil cando, defenden argumentos como que desenvolven “máis de 600 funcións”. Evidentemente, ou lideran, distribúen e coordinan, como calquera xefe, ou realizan máis de medio millar de tarefas. Unha das dúas opcións non pode ser certa.
E agora estarán vostedes preguntándose o porqué desta curiosa esquizofrenia organizativa. Eu apunto unha idea. Nos vellos órganos, o xuíz asinaba todas as resolucións, o secretario (precursor dos LAX) gobernaba a oficina e daba fe de cada documento e de cada acto, e os funcionarios plasmaban no papel o que lles dicían. Esa fórmula desequilibrada e ficticia non podía superar o corte da modernidade, pero a actualización concibida para a Xustiza tampouco atallou o problema. É certo que plasmou nos reglamentos un maior nivel de cualificación dos funcionarios, pero estes seguiron sepultados na irrelevancia. Polo contrario, os LAX non só herdaron dos xuices a armadura de condutores formais dos procesos, senón que gardaron dos vellos secretarios algúns residuos de autoridade gubernativa e diversas solemnidades funcionais. Sobra dicir que esta parte da herdanza recibírona encantados; respecto á iniciativa procesual que lles encomendaban, moitos optaron por deixala onde estaba: nas mans dos funcionarios.
Os LAX non só herdaron dos xuices a armadura de condutores formais dos procesos, senón que gardaron dos vellos secretarios algúns residuos de autoridade gubernativa e diversas solemnidades funcionais
De tan pintoresca mestura procede o actual xefe de oficina, que da fe de xuízos que están sendo gravados, asina permisos de persoal que realmente autoriza unha Consellería, asume notificacións e comunicacións que son simples envíos telemáticos do funcionario ou impulsa trámites que veñen preconfigurados nun programa a cargo de xestores e tramitadores... Todas estas son, certamente, anomalías que as reformas non corrixiron, pero tamén debe quedar claro que algunhas modificacións foron asumidas ou descartadas polos LAX ao seu gusto. Así, a intención de dotar de moita máis relevancia aos xestores procesuais, en sintonía coas modernas administracións, nunca foi aceptada ou potenciada polos Letrados. En canto á pretensión de liberar ao sobrecargado xuíz das decisións máis sinxelas, algúns LAX quixeron entendela coma o recoñecemento explícito do seu novo carácter de minixuíces con facultades semi-xurisdiccionais.
En fin, espero ter sido obxectivo cos meus argumentos en favor dos funcionarios. Cando menos, lonxe do bochornoso exemplo do Colexio de Avogados da Coruña ao emitir un comunicado ao seus afiliados con argumentos sediciosos para que eludan formalidades procesuais a cargo dos LAX. A oposición dos xuíces, en cambio, paréceme cabal. Rexeitan que uns xefes de oficina do grupo A acaben instalados como xuristas con potestade xurisdiccional dado que esa facultade consta nitidamente atribuída pola lei a xuíces e maxistrados.
Discrepar é lexítimo, respectar é obrigatorio. Baixemos o ton cuns profesionais que está a pagar cun elevado custo económico e persoal a defensa dos seus intereses. Veña, un poquiño de reLAX
Finalmente, haberá quen sosteña que os LAX só miran o seu embigo e nin sequera reclaman melloras nunhas oficinas xudiciais perennemente pobres. Pero se cada colectivo tivese que someterse a os intereses e criterios alleos, o dereito á folga deixaría de existir. Por iso considero que non merecen escarnio público nin mesquindes como colarse a rebufo da súa mobilización con outras reivindicacións salariais (xuíces e funcionarios xa esperan cola).
Discrepar é lexítimo, respectar é obrigatorio. Baixemos o ton cuns profesionais que está a pagar cun elevado custo económico e persoal a defensa dos seus intereses. Veña, un poquiño de reLAX.