Folga indefinida entre os letrados da Administración de Xustiza polo incumprimento do Ministerio do acordo acadado en abril no que se reparaba o feito de que levan desde 2009 asumindo máis responsabilidades sen maiores retribucións
As letradas e letrados da Administración de Xustiza están en folga en todo o Estado porque consideran que o Ministerio está a incumprir os acordos aos que chegaron o pasado abril e que xa non teñen máis tempo que perder. É unha folga á que non querían chegar, inciden desde o colectivo, pois levan dosificando as súas reivindicacións desde hai máis de cinco anos, respectaron o tempo da pandemia, e sentaron a negociar, entre outras cousas, para acadar unha retribución salarial conforme ás súas competencias e o recoñecemento dunha negociación colectiva propia dentro do corpo de funcionarios estatais. Agardaron e chegaron a un acordo que, oito meses despois, semella papel mollado para o departamento que dirixe Pilar Llop. Por iso, o 24 de xaneiro comezaron unha folga indefinida que xa está a paralizar a acción dos xulgados.
Nesta última semana o 75% do cadro de persoal dos letrados da Administración de Xustiza do país declarouse en folga
A folga comezou cunha participación por enriba do 60% en Galicia, pero na última semana, segundo trasladan a Praza fontes do colectivo, chegou ao 75% do cadro de persoal dos letrados da Administración de Xustiza do país. Aínda que moitos estean de servizos mínimos, colgaron as súas togas en sinal de protesta a media mañá e o pasado venres concentráronse na compostelá praza do Obradoiro. O Ministerio de Xustiza segue sen convocar o comité de folga, no que están representados o Ilustre colexio nacional de letrados da Administración de Xustiza (CNLAJ), a Unión progresista de letrados Administración de Xustiza (UPSJ) e a Asociación independente de letrados da Administración de Xustiza (AINLAJ).
"Levamos desde 2018 facendo reivindicacións puntuais, que en abril de 2022 paralizáronse ao ter un acordo asinado co Ministerio, acordo que despois se incumpriu punto por punto. En novembro e decembro houbo novas xornadas de folga e xa se deu aviso de que chegaríamos a unha folga indefinida, pero nin sequera se convocou ao comité de folga", explica a Praza Ánxeles López Carballo, letrada da Administración de Xustiza en folga no xulgado do social de Lugo, que sente o apoio de compañeiras e compañeiros "porque todos ven de primeira man a situación na que estamos e moitos tamén estiveron en folga en 2018".
"Asumimos un montón de competencias procesuais descargando aos maxistrados", sinala a letrada Ánxeles López, pero sen "ningún tipo de remuneración que compensase a carga de traballo"
López Carballo explica que para entender os motivos da folga hai que volver ata 2009, cando unha reforma rematou coa figura dos secretarios xudiciais para crear a actual de letrados da Administración de Xustiza. "A partir de aí quedaron delimitadas todas as nosas funcións. Asumimos un montón de competencias procesuais descargando aos maxistrados porque se pretendía que se centrasen no ditado de sentenzas, que era a súa función máis importante, á fin de desatascar os xulgados", sinala desde Lugo, para puntualizar que todas estas novas competencias non estiveron acompañadas de "ningún tipo de remuneración que compensase a carga de traballo".
Houbo "moitas promesas" sobre que esa compensación salarial pola carga de traballo chegaría, pero Ánxeles López Carballo asegura que ese momento aínda non chegou. De feito, aclara que os cadros de persoal son os mesmos que antes de asumir estas novas funcións. "Nos pobos o soldo co que entra o letrado da Administración de Xustiza é ridículo, moitas veces cobran menos que funcionarios que están no mesmo órgano traballando con eles (porque teñen máis antigüidade)", conta.
"Todo pasa polas nosas mans no xulgado, por iso somos quen de paralizalo todo", asegura Ánxeles López Carballo
Asinan todo o que sae do xulgado
Entre as funcións básicas dos letrados da Administración de Xustiza está a fe pública xudicial, o que os concerte en fedatarios de todo o que sae dos xulgados. "Todo o que sae do órgano xudicial vai asinado por nós, nós somos os encargados de asinar absolutamente todo. Co cal, nunha folga deste tipo non se notifica nada. No meu caso, a maxistrada está poñendo sentenzas, pero ata que eu deixe de facer folga iso non sae porque ninguén o pode notificar. Non se pode outorgar ningún poder, non pode saír nin un só euro da conta de consignacións porque somos os únicos encargados de manexar o diñeiro... É absolutamente todo, todo pasa polas nosas mans, por iso somos quen de paralizalo todo", asegura Ánxeles López Carballo.
No quinto día da folga desde o colectivo informaban de que o saldo das contas dos xulgados galegos era de arredor de 5.000 millóns de euros, "cando a media era de 4.500". "Só nos cinco primeiros días de folga aumentou en 500 millóns", destacaban, pois non se está a realizar ningún pago relativo a indemnizacións, pensións, multas, fianzas, depósitos...
Nos últimos días as e os representantes do colectivo mantiveron xuntanzas co presidente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), José María Gómez y Díaz-Castroverde, e co Fiscal Superior de Galicia, Fernando Suanzes. Ademais, na Coruña puideron reunirse co xuíz decano, Luis Pérez Merino, e mais co decano do Colexio de avogados e coa presidenta do Colexio de Graduados Sociais, así como co presidente da Audiencia Provincial, Ignacio Picatoste.
Galicia ten transferidas as competencias en Xustiza sobre medios materiais e persoais, pero coa excepción de xuíces, maxistrados, fiscais e letrados da Administración de Xustiza. Porén, o pasado venres representantes do colectivo en folga foron recibidos polo director xeral de Xustiza da Xunta, José Tronchoni, quen considerou que "o poder xudicial non pode estar paralizado de facto" e se comprometeu a trasladar os motivos da folga ao conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, e a levalos ao Ministerio.
Reclaman un marco de negociación propio co Ministerio porque non se senten representados polos sindicatos
Nun limbo dentro da Administración de Xustiza
Os letrados da Administración de Xustiza están nun limbo dentro do sistema, pois non teñen un marco de negociación propio co Ministerio aínda que representan un 10% do censo global de funcionarios e as súas competencias son directivas, pois a xerarquía indica que son os superiores do resto de funcionarios e os que organizan o traballo. Están representados polos sindicatos que representan tamén ao resto do corpo de funcionarios da Administración de Xustiza.
"Uns sindicatos que non nos apoian nesta folga porque non nos poden defender a nós igual que ao resto de funcionarios, hai momentos nos que hai intereses contrapostos. Defendemos ese ámbito de negociación propio porque non nos sentimos representados, é un problema grande e se ve na folga, convocada polas nosas asociacións profesionais, pero quen nos representa na negociación colectiva son eses sindicatos", describe a letrada de Lugo.
"Pídese que os grupos de poboación se reduzan e se equiparen aos que teñen os médicos forenses, só isto xa suporía un incremento salarial"
"Pídese que os grupos de poboación se reduzan e se equiparen aos que teñen os médicos forenses, só isto xa suporía un incremento salarial", segundo detalla Ánxeles López Carballo, quen aclara que se refiren aos forenses porque son un grupo A1 igual ca eles. Outro punto no que reclaman modificacións é na maneira na que se cobren as substitucións, pois na actualidade o sistema obriga a cubrir prazas de compañeiros durante dez días sen percibir ningún extra, con quendas rotatorias, cando non se nomea ningún substituto, tendo despois un cupo máximo de seis meses cobrando: "É dicir, que se tes que estar sete ou oito meses cubrindo unha praza, a partir dos seis meses falo gratis".
Os efectos da folga vanse notar a longo prazo, haberá un prexuízo tanto para a cidadanía como para o persoal dos xulgados, pero sobre todo para os propios letrados, que terán o traballo aí agardando por eles e elas cando volvan. Por poñer un exemplo, no xulgado do social de Lugo estaban a sinalar os xuízos non urxentes para a abril de 2024. "Con todas estas suspensións que estamos facendo estes días a min cáeseme a alma aos pés porque salvo os despidos e cousas urxentes, que meteremos nos ocos para urxencias, isto vai para o ano que vén", debulla Ánxeles López Carballo, para incidir en que a folga se está a producir porque "a situación é xa insostible".