Confeso que o título deste artigo é un plaxio. Roberto Blanco Valdés titulou de igual xeito un artigo seu o día despois da folga xeral do 29 de marzo.
Copiei con todo descaro ao columnista estrela de La Voz de Galicia, basicamente, porque expresa, nun medio con gran influencia social e institucional neste país —que ademais se mantén en pé coas subvencións pagadas cos cartos de todos os galegos e galegas (tamén os meus)— algunhas opinións aborrecidamente recorrentes na prensa da dereita (o que equivale a dicir a case totalidade da prensa) sobre conceptos demasiado valiosos —democracia, liberdade— como para permitirmos que os baleiren de contido e os terxiversen ao seu antollo.
Parte da inxenuidade (interesada, naturalmente) de que na nosa sociedade a única lei que impera é a equivalente á que no antigo réxime se coñecía como loi civil e que as decisións dos cidadáns nunca se ven condicionadas por outro tipo de leis non escritas
Sen pretender entrar agora na influencia doutras "microfísicas do poder" como as analizadas por Michel Foucault no comportamento das persoas, o principal problema deste tipo de interpretacións das cousas (os piquetes son antidemocráticos, a única participación social lexítima consiste en votar cada catro anos e en calar a boca o resto, a liberdade ao traballo está a ser vulnerada coa folga, etc.) é que parte da inxenuidade (interesada, naturalmente) de que na nosa sociedade a única lei que impera é a equivalente á que no antigo réxime se coñecía como loi civil e que as decisións dos cidadáns nunca se ven condicionadas por outro tipo de leis non escritas. Estes demócratas formalistas non só parten de que os códigos prescriben qué se pode e non se pode facer senón tamén de que os códigos teñen, se cadra por poderes sobrenaturais, a milagrosa capacidade de se faceren respectar sempre e por todas as partes.
Compórtanse, este tipo de analistas, como se a verdadeira razón de ser da política, a resolución da confrontación de intereses contrapostos no seo da sociedade, fose un limpo e florentino duelo de esgrima retransmitido por televisión desde a Carrera de San Jerónimo ou desde a rúa do Hórreo na que os dous contendentes en liza (en verdade os intereses dun dos contendentes raramente aparecen nesas institucións) partisen da mesma posición de poder e contasen coas mesmas capacidades e posibilidades. É por iso que os comentarios destes analistas consisten, a maior parte das veces, máis nunha nota ao pé de páxina desa novela de ficción chamada democracia de mercado, e doutras subficcións como é a do espírito emprendedor necesarias para soster o edificio ideolóxico, que nunha descrición veraz de como funcionan as cousas na realidade.
Cando se enfatiza o papel "violento", "mafioso" dos piquetes o día da folga e se esquecen as coaccións e ameazas da maior parte do empresariado os días previos á folga, o día da folga e todos os días do resto do ano estase a dar por xusto un combate no que un dos dous contendentes ten, en realidade, un dos brazos atados no lombo.
Cando se enfatiza o papel "violento", "mafioso" (ou calquera outro calificativo dos lidos na prensa estes días) dos piquetes o día da folga e se esquecen as coaccións e ameazas da maior parte do empresariado os días previos á folga, o día da folga e todos os días do resto do ano —co engadido de que este ten a potestade de decidir sobre o pan da xente— estase a dar por xusto un combate no que un dos dous contendentes ten, en realidade, un dos brazos atados no lombo. Noutra orde de cousas, cómpre sinalar tamén o pouco honesto que é falar só da participación na folga e non mencionar as masivas manifestacións de cidadáns. Se cadra sucede que tamén se pensa que eses cidadáns foron forzados a acudir, a berrar e a indignarse coa reforma laboral.
Como ben explicaba Antoni Domènech no seu estupendo O eclipse da fraternidade, no antigo réxime ademais da loi civil imperaba a loi de famille. Esta, herdeira do feudalismo medieval, rexía na casa do señor na que a loi civil non tiña ningún dereito a lexislar. Lembraba tamén Domènech que a etimoloxía das palabras relacionadas coa familia agochan no seu seo significados que falan por si sós. Así, se entre domus (casa) e dominación existe un vencello ben transparente, tamén non é casual que a palabra que dará lugar ao propio termo familia, famulus, significase escravo. Cando os demócratas formalistas analizan a sociedade coma algo perfectamente representado nas institucións e nos seus códigos esquecen que nestas "sociedades libres" hai moitísimos espazos nos que a loi de famille ten máis peso — aínda que non se atope codificada— que a loi civil. Un deses lugares refractarios á democracia é a empresa. Nela a dominación e o servilismo son o pan de cada día.
Como ben explicaba Antoni Domènech no seu estupendo O eclipse da fraternidade, no antigo réxime ademais da loi civil imperaba a loi de famille
É paradoxal, e moi elocuente, que a pedra angular das autoproclamadas sociedades democráticas liberais sexa unha institución na que a democracia aínda non penetrou. O lugar no que a xente do común pasa un terzo do día, o lugar que marca todas as decisións políticas dos estados, o lugar que determina o ton dos discursos emitidos polos media até o punto de que a súa lóxica xa lixou outros campos semánticos (a expresión capital humano é paradigmática), en suma, a entidade que exerce de modelo de todo o existente nas "sociedades libres" é un lugar antidemocrático no que a loi de famille dos vellos señores medievais e dos termidorianos que desandaron os logros da revolución francesa, prevalece sobre a loi civil naqueles aspectos nos que esta aínda torce o fiel da balanza a favor dos de abaixo.
E se verdadeiramente queremos falar de democracia e liberdade, por que non preguntármonos pola saúde destes dous valores, supostamente centrais na nosa sociedade, no interior das empresas?
E se verdadeiramente queremos falar de democracia e liberdade, por que non preguntármonos pola saúde destes dous valores, supostamente centrais na nosa sociedade, no interior das empresas? Por que non preguntar cantas persoas con experiencia no que é o traballo por conta allea pode expresarse con liberdade na súa empresa? Por que non preguntar cantos se ven forzados a aplicar un estado de excepción á súa condición de cidadáns durante oito (case sempre máis) horas de cada un dos seus días? Non será que moitos dos que saíron ás rúas o 29 de marzo, coñecedores de como actuaba a moa da loi de famille nas empresas en que traballan, non están dispostos permitir que este tipo de perversa lei consuetudinaria se sancione, ademais, na loi civil emanada das institucións políticas que, segundo os opinadores da dereita, son as únicas lexítimas, democráticas e libres?
E que é a folga xeral e a acción dos piquetes senón unha ferramenta democrática a disposición dos de abaixo para preservar a súa liberdade —pois só é libre quen ten as condicións materiais necesarias para selo e só é democrática unha sociedade composta por individuos libres— cando esta se ve conculcada por unha contrarreforma laboral que dá poderes omnímodos ao empresariado para despedir sen render contas a ninguén, ou para mudar de posto ao traballador ao seu antollo, ou para modificarlle o seu salario, ou para descolgar a empresa dos convenios
colectivos?
E que é a folga xeral e a acción dos piquetes senón unha ferramenta democrática a disposición dos de abaixo para preservar a súa liberdade?
E que hai, por último, máis democrático que ver como o grupo de irmáns nos que se acaban por converter todos aqueles que viven baixo o xugo do pater familias (o patrón), se unen fraternalmente para loitar contra esta tiranía, tan hipócrita, que lonxe de amosarse como o que é, prefire disfrazarse de roupaxes democráticos?