Francisco Xavier Redondo Abal, Fran, deixounos o pasado 20 de febreiro. Foise coa mesma dignidade e humildade coa que viviu
Francisco Xavier Redondo Abal, Fran, deixounos o pasado 20 de febreiro. Foise coa mesma dignidade e humildade coa que viviu.
Deixounos 13 libros e un no prelo, 2 participacións en obras colectivas, infinidade de artigos e conferencias nas que divulgaba as súas investigacións. Case con regularidade, cada ano agasallábanos un libro para gozarmos da súa fermosa prosa e ilustrar a nosa memoria histórica, tan ocultada e falseada. Sempre desde a absoluta liberdade, sen outro interese que non fose recoñecer, reparar e dignificar ás vítimas do golpe de estado, na Guerra Civil e na ditadura franquista.
Cada ano agasallábanos un libro para gozarmos da súa fermosa prosa e ilustrar a nosa memoria histórica, tan ocultada e falseada
Sempre descubrindo a seres humanos represaliados, torturados e asasinados polo delito de poñer os seus coñecementos e traballo ao servizo da colectividade, ou simplemente por pensar distinto: os guerrilleiros antifranquistas, Alfonso Ortega Prada, Marcelino Fernández Prada, a incautación e espolio da biblioteca de Casares Quiroga, As bibliotecas na Galiza da II República e a súa destrución polos franquistas, a persecución e incautación da Biblioteca de Castelao, a represión e persecución de Juan Armesto Salgado, a depuración das bibliotecarias e bibliotecarios republicanos, os galegos no Tribunal de Orde Público, os galegos na grande evasión do Forte de San Cristóbal, o Movemento Libertario Español ca policía franquista, Ramón Peinador Lines...
A todas e a todos rescatou Fran do esquecemento para incorporalos a memoria colectiva e darlles a dignidade e o recoñecemento que nos merecemos.
Fran era entrañable e tiña ese humor que os espertos en clasificar chaman colectivo, con intencionalidade social, co que nos identificabamos, adobado coa súa característica retranca
Fomos compañeiros na Universidade compostelá. Non tiven a sorte de coincidir con Fran en ningún destino, só en algunhas circunstancias persoais case sempre relacionadas coas nosas loitas e inquedanzas: o compromiso con Galiza e co que Chomsky chamaba “un instinto cara a liberdade” como única posibilidade de cambiar as cousas. Abondaría para terlle unha fonda admiración e afecto. Mais non era todo, Fran era entrañable e tiña ese humor que os espertos en clasificar chaman colectivo, con intencionalidade social, co que nos identificabamos, adobado coa súa característica retranca. Transmitía alegría e confianza e era moi doado ser amigo del, empataba de contado con quen acababa de coñecer. Ás veces era insospeitadamente espontáneo e desinhibido e até podía ser cómico, mais sen deixar nunca de ser respectuoso.
Admiraba, respectaba e quería a Fran Redondo. Tiña esa humildade natural das persoas intelixentes que entenden o esencial da vida
Admiraba, respectaba e quería a Fran Redondo. Tiña esa humildade natural das persoas intelixentes que entenden o esencial da vida. Non estaba en loitas por estatus social, nin na procura de recoñecemento ou posición superior. Son cousas que implican case sempre perda de liberdade con limitacións autoimpostas. A autocensura que el detestaba e criticaba na historiografía.
Queda comigo o seu entrañable recordo e, no colectivo a súa valiosísima contribución á memoria.