Galicia non ten apelido: a galega invisible de 'Ocho apellidos catalanes'

(Aviso: este artigo contén “espoilers”).

Chámase Maruxiña e é de Cangas do Morrazo, aínda que iso non o sabemos até que Rafa, o sevillano interpretado por Dani Rovira, aterra na súa habitación na metade da película, medio espido e envolto na bandeira catalá. Até ese momento, coñecémola como a catalá Judit, unha resolta e eficiente wedding planner (como a presenta Pau, o noivo hipster interpretado por Berto Romero). Na súa primeira aparición no filme vemos unha muller elegante (a propia banda sonora así o indica cun tema cargado de “glamour”), moderna no seu vestir e cosmopolita nas súas maneiras e linguaxe. Tanto, que o propio Pau, pese a estar comprometido coa vasca Amaia (Clara Lago) parece caer rendido ao seu feitizo. Emporiso, toda esta aparente confianza resulta ser soamente unha tapadeira. Momentos antes de que Rafa irrompa na súa habitación, vémola chorando en pixama, devorando un bote de xeado. Non é aquí a mesma muller. Vese desvalida, tristeira, apoucada. Cando o sevillano senta na súa cama para tratar de explicar a súa caída na terraza, Judit xa non se pode conter. Comeza a expresarse nunha especie de castrapo que desorienta á espectadora (como se parecen o catalán e o galego..., ou non? Ah, pero si está a falar en... galego?).

Do galimatías lingüístico que sae da boca de Judit entendemos de repente que ela non é catalá, senón que se chama Maruxiña, procede dunha pequena vila galega, pouco cosmopolita, e que por iso adoptou esta personalidade para poder triunfar na gran cidade. Atopamos polo tanto varios trazos esenciais desta personaxe que reflicten unha maneira de ver Galicia desde fóra. O acento galego (forzado por certo, pola actriz que interpreta o papel, a andaluza Belén Cuesta) é sinónimo de atraso e ruralismo. Non ten cabida no mundo cosmopolita do hipsterismo e da modernidade (ao contrario do catalán, segundo insinúa o filme). É máis, o acento galego é o mesmo en toda Galicia, desde a Estaca de Bares á Serra do Xurés. Usando a fraseoloxía contemporánea, “todas somos Maruxiña”.

A interpretación de Cuesta lembra o acento esaxerado até o cómico de Beatriz Carvajal naquela serie de Antena 3, Lleno por favor (1993), onde a actriz madrileña interpretaba a unha galega casada cun pro-franquista ao que daba vida Alfredo Landa. Pouco cambiou esta percepción en máis de dúas décadas: desde fóra, en Galicia non hai variedade lingüística. E ao contrario das outras dúas linguas “co-oficiais” que aparecen na película, o galego merece pouca atención. Nada máis chegar a Cataluña, Koldo (Karra Elejalde) e Rafa danse conta de que, vaia, o catalán é unha lingua distinta ao castelán. Ao longo do filme, fanse varias alusións deste tipo, por medio do subtitulado, ou a través de personaxes que cambian do catalán ao castelán “para que entenda a xente de fóra”. O vasco goza tamén dun status importante. De feito, o sevillano Rafa remata a historia un tanto “vasquizado”, declarando o seu amor en éuscaro. Do galego só sabemos que ten un acento gracioso, cuns estraños pronomes colocados fóra de lugar.

Porén, Maruxiña-Judit é un personaxe creado non só para o efecto cómico, senón tamén para inspirar tenrura. Na súa conversa con Rafa, cóntanos que leva seis anos namorada de Pau, en silencio! Seis anos de sufrimento amoroso. Maruxiña, e non podía ser doutro xeito, é unha sentimental, estereotipo que como ten demostrado Helena Miguélez-Carballeira (Galiza, um povo sentimental?, 2014) aparece de xeito recorrente na maneira de definir a identidade galega. De feito, a forma de vivir e expresar a sentimentalidade ten unha presenza crucial no filme. Diría incluso que toda a película se constrúe a través deste tropo, xa que serve como risco esencialista para construír as personaxes dependendo da súa orixe: unha sentimentalidade feble, morriñenta, “feminina” (galega, Maruxiña); impronunciábel, “viril”, que “quere para dentro” (vasca, Koldo e Amaia); esaxeradamente romántica, dunha masculinidade anticuada (andaluza, Rafa); edulcorada e un tanto falsa, “afeminada” (catalá, Pau); aberta e natural, “normal” (estremeña, a Merche interpretada por Carmen Machi).

Como muller galega, sensible, sentimental e namorada, Maruxiña decátase de contado de por que Rafa apareceu na voda da súa ex-moza: segue namorado dela. Acepta, polo tanto, ser parte dun plan para desfacer a parella de noivos e poder por fin conquistar a Pau. A propia “yaya” do  noivo, Roser (Rosa María Sardà), mostra, xa na súa primeira intervención, unha preferencia por Judit (á que confunde inicialmente coa noiva), mentres que rexeita continuamente a Amaia: cámbialle o nome a propósito cada vez que se refire a ela, e denomínaa nun discurso público a toda a veciñanza como “a forasteira”. Mais o final da película, unha vez que o enredo estea desfeito e Amaia marche con Rafa, depáranos unha sorpresa.

Roser (aguda avoa catalá que vive no engano de que Cataluña é independente) xa se decatara de que a Judit era unha Maruxiña. “Tantas empanadas de zamburiña...”, vén a dicir. De novo aparece outro risco esencial dese estereotipo banal da galeguidade: a comida. A Judit traizoouna o bandullo. Non obstante, a yaya suxire que Maruxiña siga a ser Judit, desexosa de que haxa voda catalá (e entre cataláns). A fin da personaxe é polo tanto a desexada para ela: desaparece da escena baixo o brazo de Pau, cosmopolita cidadán do mundo (como el mesmo se define), mais a que prezo: abandonar a súa identidade “defectuosa” (a galega rural Maruxiña) para converterse plenamente nunha muller “mellorada” (a cosmopolita catalá Judit). A identidade galega, pese a ser recoñecida por algúns dos personaxes, comeza e remata o filme invisibilizada. Máis alá do estereotipo, non deixa de ser este un xeito moi preciso de caracterizar o tratamento da identidade galega no Estado español (e mesmo fóra del). De feito, nunha historia que se constrúe en torno á necesidade de mostrar a “pureza” identitaria a través dos apelidos (de aí que Roser lle negue tantas veces o nome, a identidade, a Amaia), nin Maruxiña nin Judit teñen un. A galega é, incluso, minimizada a través do diminutivo (que denota tamén a sensibilidade estereotípica). Chegados a este punto, poderíamos mesmo cuestionarnos que Galicia (a Galicia real e non a “hiperrealidade” homoxénea construída como o refuxio turístico da meseta) exista de verdade no filme.

Unha cuestión central que lle corresponderá responder aos estudos académicos é, ao meu ver, se a película (no que se refire tanto a Galicia como a outras nacionalidades) é unha mofa das identidades nacionais, ou una burla do estereotipo en si mesmo, da maneira de ver os “outros” do Estado español. Ao fin e ao cabo, poderíase dicir que a historia se conta desde o punto de vista do sevillano, que evoluciona do rexeitamento do que non é español a vivir no País Vasco e ter un fillo chamado Aitor (e penso que moito habería que engadir tamén sobre o estereotipo andaluz, que quizais pase máis desapercibido que o vasco e o catalán). O humor xoga coa ambigüidade, e se cadra, pese a que a película non ten o mesmo gancho cómico da súa predecesora, haxa algo máis que roer en Ocho apellidos catalanes do que semella a simple vista.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.