Ao meu paso por Viveiro e A Coruña asistín perplexa nos dous días pasados ao balbordo das terrazas, a ledicia cidadá que ao berro de “semella primavera” asaltou as rúas para deleite do comercio local, a hostalaría e a restauración
Desde hai un par de meses os compromisos profesionais téñenme de “correcamiños”. Tocoume nesta etapa percorrer desde os recunchos máis agochados dos Ancares lugueses ata urbes industriais como As Pontes e mesmo facer varias pasadas pola Mariña, Vigo e incluso A Coruña. Visitei, logo, diversas orografías, paisaxes e, tamén, climas e micro climas. E, nestes poucos días, habitei temperaturas e fenómenos meteorolóxicos excesivamente dispares e intensos, pasando de chuvias case monzónicas en aire cálido a vendavais que derrubaron árbores compridas e días solleiros e xélidos en cuestión de, nalgunhas ocasións, horas.
A comezos da presente semana cheguei á miña casa, na comarca do Deza, aterecida. Eran arredor das dez da noite do luns e o termómetro marcaba dous graos baixo cero. O martes o campo amenceu branco e crocante. O normal nestas datas, que tradicionalmente son as das xeadas. Mais hoxe, xoves, que escribo este artigo, tan só tres días despois, o mesmo termómetro, no mesmo lugar, alcanzou os vinte e dous graos centígrados no mediodía.
Ao meu paso por Viveiro e A Coruña asistín perplexa nos dous días pasados ao balbordo das terrazas, a ledicia cidadá que ao berro de “semella primavera” asaltou as rúas para deleite do comercio local, a hostalaría e a restauración. Tamén puiden comprobar ese fenómeno que fai que non me sexa posible evitar a asimilación do turismo coa micoloxía: é parar de chover, e semellan saír da nada, proliferando a toda velocidade.
Escoitamos decote dicir que algo menos de frío vai ser de agradecer en Galicia, que fomentará o turismo e mellorará a nosa economía. Que agora isto é Galifornia e que dá gusto poder “terracear” en inverno cal andaluzas
Estou segura de que haberá quen afirme que estes cambios bruscos de temperatura xa acontecían décadas atrás. O mesmo que as chuvias tropicais e as cicloxéneses. Escoitamos de cote dicir que algo menos de frío vai ser de agradecer en Galicia, que fomentará o turismo e mellorará a nosa economía. Que agora isto é Galifornia e que dá gusto poder “terracear” en inverno cal andaluzas.
Quen afirman estas e outras ocorrencias son as mesmas persoas que se laian cando non hai campaña da ameixa e braman cando os montes arden. As mesmas que defenden as masas forestais de eucaliptus, que non queren que ENCE marche da Ría de Pontevedra e se indignan porque a parada alongada de ALCOA manca a industrialización e o emprego do país.
Quen afirman estas e outras ocorrencias son as mesmas persoas que se laian cando non hai campaña da ameixa. As mesmas que defenden as masas forestais de eucaliptus, que non queren que ENCE marche da Ría de Pontevedra e se indignan porque a parada alongada de ALCOA manca a industrialización e o emprego do país
Estas afirmacións, vaia por diante, non soen proceder de xentes sen coñecemento ou cultura. Adoitan ser enunciadas por docentes da universidade, xornalistas, profesionais liberais.
Outra cousa moi diferente é cando falo coa veciñanza da miña vila. A que vive e traballa na natureza. Aí si, poden ter a certeza, non se confunde o tempo co clima. E vese ben claro que o tempo empeza a mudar, por mor do cambio climático. Que o que nas terrazas se recibe festivamente é tan só o primeiro indicador dun panorama próximo e nada alentador.
Pero non importa, porque o rural, a natureza, non teñen voz. O que importa, claro está, son as caixas rexistradoras das terrazas.