Pode resultar sorprendente que un alto responsable político da Xunta de Galiza, neste caso o Conselleiro de Facenda e Administración Pública, o señor Miguel Corgos, se gabe da marcha económica do país
Pode resultar sorprendente que un alto responsable político da Xunta de Galiza, neste caso o Conselleiro de Facenda e Administración Pública, o señor Miguel Corgos, se gabe da marcha económica do pais (suponse que se apoia en datos oficiais moi positivos) cando na realidade sucede que, por caso, os/as mozos/as mais cualificados emigran, calcúlase que na última década o fixeron uns 50.000, o paro xuvenil está por riba do 23,5% (que sería maior sen emigración) e a riqueza particular (PIB/per cápita) permanece practicamente estancada en termos reais (20.333 euros no 2009, 20.350 no 2022) a pesares da caída da poboación (80.000 habitantes). Cando nos din que mais do 25% das familias galegas están en risco de pobreza ou exclusión social, a taxa de pobreza infantil é do 34% e a desigualdade é elevada (29,3 segundo o índice de GINI.
Pero para medir con maior detalle o comportamento económico de Galiza analicemos a evolución das grandes variables macroeconómicas, no período 2009-2022 (último do que se teñen datos fiables), utilizando como fonte o IGE. Deixemos que falen os datos.
A demanda interna
Dentro das magnitudes que compoñen a demanda interna o gasto privado (consumo +investimento) tivo una moi forte caída (-14,6%) derivada fundamentalmente do derrube do investimento (-30,3%) sen que o consumo tampouco lograra recuperarse (-8,5%). En relación a marcha do consumo privado subliñar dous factores que inflúen no mesmo. En primeiro lugar a renda familiar dispoñible que no ano 2022, sempre en valores reais, non recuperara o valor medio previo a crise (-13,9%). Pola súa parte o emprego tampouco acadaría o nivel anterior (34.400 empregos menos). Velaí as razóns fundamentais da debilidade do consumo das familias: os baixos salarios reais e a débil creación de emprego (48,8% de ocupación). Baixos salarios que se ven favorecidos pola emigración da man de obra mais cualificada (“baleirado do pais”) quen fai baixar aqueles especialmente no persoal menos cualificado.
Con respecto ao investimento privado -que debería marcar o comportamento futuro da economía galega- cabe destacar o forte descenso experimentado nas últimas décadas (entre un 22% e un 18% anual) sen que a pesares dun comportamento certamente volátil recuperara os niveis previos a crise (2009) pois, en termos reais, esta variable no ano 2022 supuxo o 69,7% do valor de 2009. A marcha do investimento privado pon en evidencia como a partires da crise inmobiliaria e financeira se acentuou a fuga de capitais coa conseguinte contracción do crédito (“austeridade privada”) que afectaría basicamente as pemes (pequenas e medianas empresas). Un crédito que si tiña chegado a superar os 70 mil millóns de euros por ano experimentaría posteriormente unha sacratísima caída reducíndose practicamente a metade (40/41 mil millóns) aínda que os depósitos seguiron medrando. Unha caída no crédito que reduce as oportunidades de negocio e da alento a emigración. Unha conduta do investimento que tira por terra varios dogmas neoliberais como que, os salarios, a presión fiscal e o gasto público condicionan o investimento privado: con salarios baixos, unha presión fiscal menor e unha política de austeridade o investimento privado non se recuperou. Son realmente outros factores os que deciden como a condición de periferia, os recortes no investimento público -quen turraría do investimento privado-, a situación do sistema bancario galego -que impide tanto un control autonómico do aforro como un acceso fácil ao financiamento- e a pouca confianza dos axentes privados tanto na recuperación da economía, en concreto da demanda, como nas políticas do goberno autonómico.
Con este comportamento do gasto privado cabería agardar que o gasto público ocupara o seu lugar e actuara de motor da demanda. Cousa que non sucede por mor da querenza tanto por parte da Xunta de Galicia como do Goberno español (maiormente durante os gobernos do Partido Popular) polos axustes fiscais. Así as alturas do ano 2022 o gasto público tampouco recuperara o nivel previo a crise bancaria (98%). Dentro do gasto público dous compoñentes foron os grandes sacrificados: un o investimento, outro o gasto social. En relación ao investimento público autonómico durante todo este período (2009/20022) sufriu un brutal recorte (-57%) con relación aos anos anteriores: cando un goberno aplica regras fiscais estritas (austeridade) non atende os investimentos competitivos (infraestruturas, tecnoloxía, formación...) o que fai medrar a diverxencia coas comunidades que non as aplica. Pola súa parte o gasto público social tivo, no mesmo período e en termos absolutos, un incremento (+25,24%) pero que foi o quinto mais baixo entre as Comunidades autónomas (+28,06% de media), variación que si o calculamos en termos reais da resultados negativos (-2,06%) dato que certifica os axustes fiscais nas funcións de benestar.
En relación as importacións subliñar que durante a metade de todo o período considerado mantivo (sempre en termos reais) taxas de variación negativas (-11%) para experimentar un lixeiro reponte a continuación (+6%) nos anos previos a pandemia, seren logo castigadas pola mesma (-17%) e coñecer un reponte nos últimos anos (+10%) pero mantendo sempre un perfil baixo. Non cabe dúbidas de que a realidade do mercado laboral (salarios/empregos), condiciona negativamente as importacións.
Os datos son incuestionables: a demanda interna, coas súas achegas negativas, segue a seren un freo ao crecemento económico e a creación de emprego.
A demanda externa
De todos os compoñentes da demanda o único que presenta un comportamento positivo, tamén dentro dunha grande volatilidade, son as exportacións o que supón que a demanda externa é quen turra da economía. Unhas vendas ao exterior que están marcadas por dúas partidas: automóbiles e téxtil confección que se moven moi condicionadas pola situación económica en Europa onde parecen estar os principais clientes. O saldo comercial anual en termos monetarios ten unha grande volatilidade pero nunha tendencia crecente (+32,2% no 2022).
Os datos empíricos confirman que a demanda externa é quen actúa como auténtica dinamizadora da actividade económica en Galiza grazas, como sinalaba, ao grande potencial comercial dos sectores automóbil e téxtil e das empresas que son referencia (STELLANTIS, INDITEX) aínda que a primeira está atravesando algunhas dificultades derivadas dos movementos no mercado mundial do automóbil.
Esta forte dependencia das exportacións ao seren estas pouco diversificadas, fan que estean moi condicionadas polas flutuacións nun mercado que é internacional, moi competitivo, e polo tipo de cambio que fixe o BCE. Paralelamente a elevada especialización dispara a nivel interno unha distribución moi desigual dos beneficios.
A oferta
A hora de facer balance da situación económica neste período (2009/2023) resulta totalmente axeitado afirmar que foron dúas décadas perdidas para Galiza. A economía non remata de recuperarse, segue nunha longa fase de baixo crecemento económico marcada pola saída da poboación moza mais preparada, a precariedade laboral, a fuga de capitais, a caída do investimento público e privado con efectos sectoriais e a perda de competitividade
O PIB, en termos reais (descontando a inflación), leva practicamente estancado case dúas décadas pois a altura do 2022 aínda non recuperara os valores de antes da crise (98%) confirmando unha longa fase de baixo crecemento económico cuxa auténtica gravidade vese disfrazada pola emigración pois fai que, por caso, o desemprego apareza mais baixo, moito mais baixo, do que sería sen emigración. Un período no que a produtividade tampouco lle foi especialmente ben pois so experimentou un moi lixeiro crecemento (+2%) nos derradeiros anos por mor da caída na poboación activa (-6%) xa que o gasto per capitá en I+D equivale ao 77,5% da media española, o 38,4% do Pais Vasco e o 53,2% de Catalunya.
A nivel produtivo nestas dúas décadas confirmouse o proceso de terciarización da economía con un sector servizos que aporta o 64,2% do produto total. Unha especialización que, dado o peso do susector turismo-hostalería, implica perda de competitividade e maior precariedade laboral. Un cambio produtivo que vai en prexuízo do peso económico dos outros sectores como o primario que aínda mantendo un lugar importante (4,2% PIB) en relación a outras comunidades europeas non esconde a debilidade estrutural do sistema alimentario. Unha debilidade que fai que no caso da agricultura, que tivo un crecemento moi significativo da produción, este non se traslade na mesma medida ás rendas, o valor engadido e o emprego entre outras razóns por que a súa evolución vese moi condicionada pola situación dos mercados mundiais e o comportamento desfavorable dos prezos. A pesca enfrontase a problemas relevantes como, ao igual que lle sucede a agricultura, o relevo xeracional ao que hai que sumar os efectos de crise ambiental, o baixa formación profesional e a incerteza sobre o futuro da cadea de produción e facturación. Un problema este último común a ámbolos dous susectores que ten o seu reflexo na balanza comercial alimentaria na que as importacións empezan a superar as exportacións mostrando unha crecente dependencia. A industria mostra nos últimos anos unha certa recuperación (17,3% do PIB) pero mantense lonxe do obxectivo europeo do 20% e de comunidades como o Pais Vasco (24,2%) ou Catalunya (22%), Unha recuperación que se debe exclusivamente o incremento da produción enerxética, especialmente das enerxías renovables (que supoñen o 75% da produción enerxética global) por que a evolución negativa do sector manufactureiro, moi contundente en materia de emprego, impide un maior peso do sector na economía galega ao tempo que supón un claro retroceso comparativo. Atraso que pon en evidencia que as simples forzas do mercado non favorecen un desenrolo industrial sólido e sostido, todo o contrario. A falta dunha política industrial acentúa este atraso, e as diferencias con outras comunidades, polo que son necesarias políticas industriais activas especialmente no apartado tecnolóxico (I+D+i). A construción non so non se recuperou da crise inmobiliaria (2008) senón que non parece ser quen de saír da fonda depresión (6,0% do PIB) derivada fundamentalmente da falla dunha política pública de vivenda quen, como sinalan os expertos, está en estado comatoso: entre o 2016 e o 2023 entregáronse 303 vivendas públicas entre novas e rehabilitadas.
Conclusións
A hora de facer balance da situación económica neste período (2009/2023) resulta totalmente axeitado afirmar que foron dúas décadas perdidas para Galiza. A economía non remata de recuperarse, segue nunha longa fase de baixo crecemento económico marcada pola saída da poboación moza mais preparada, a precariedade laboral, a fuga de capitais, a caída do investimento público e privado con efectos sectoriais e a perda de competitividade que acentúa a súa dependencia da situación internacional. Paralelamente os recortes e as privatizacións nos servizos públicos básicos empeoran as condicións de vida e benestar da maioría dos/as galegos/as especialmente dos/as de rendas mais baixas e/ou mais vulnerables.