Unha análise que ten o seu interese é comprobar como lle foi a Galiza cando gobernaron as dereitas en España, como por exemplo durante os mandatos de Mariano Rajoy (2011-2018), e como ile vai agora co goberno de progreso (PSOE/Sumar) cando levamos case sete anos (2018-2025). Para este análise imos ver como se comportaron algunhas variables macroeconómicas durante cada un destes períodos. Análise na que é necesario ter en conta os contextos como, por caso, que o goberno de progreso atopouse cunha pandemia (COVID.19) que tivo un brutal impacto (2020) tanto na produción como no comercio que, paralelamente, disparou a inflación e que o goberno conservador atopou nos seus comenzos os últimos estertores da crise financeira (2009). Conxunturas que non invalidan a análise xa que os dous gobernos navegaron e navegan nun mesmo ciclo económico longo recesivo (*).
A marcha global da economía galega
Si por caso tomamos como referencia a evolución do PIB durante estes dos mandatos vemos que hai unha primeira fase de estancamento que coincide co goberno de Mariano Rajoy en Madrid (2011-2016), logo unha lixeira recuperación cortada de raíz pola pandemia (2020) en pleno goberno de Pedro Sánchez onde se paraliza a produción e o comercio para a continuación iniciar unha clara recuperación (2021-2023) favorecida polos estímulos que parecen turrar da demanda e cuxa real consistencia iremos vendo nestes anos. Unha recuperación que aproxima, en valores reais, a produción global aos valores previos a crise financeira (2023: 99,9% de 2008) e que parece seren quen de superalos nos anos seguintes
Ademais da produción global resulta tamén de interese ver como evolucionou a produtividade, unha variable decisiva para medir a concorrencia dunha economía. Unha evolución que nos sinala como a economía galega ten os problemas derivados dunha baixa produtividade que se explican tanto polo forte peso de servizos privados como, por caso, a hostalería e o turismo, sobre os que se apoia o crecemento económico, como pola escasa atención pública que o goberno galego lle presta a formación profesional e a innovación. A pesar diso no segundo período (2018-2024) hai un certo reponte da produtividade que seguramente afectará positivamente a competencia pero que tamén se verá limitado polo moi baixo gasto público en I+D+i
Gasto público
As evidencias empíricas non deixa marxe a dúbidas: hai un período de axustes fiscais (2011-2018), que coincide co mandato do PP en España, e outro período onde o gasto público se recupera, cando o goberno de progreso (PSOE/Sumar). Opcións políticas que terán o seu impacto, como veremos a continuación, no nivel de vida dos/as galegos/as, no emprego, na desigualdade e tamén nas demandas interna e externa.
Nivel de vida e reparto da riqueza
En relación ao PIB/per cápita (indicador tradicional do nivel de vida), en termos reais, subliñar que esta variable marca claras diferencias entre ámbolos dous períodos considerados. Así durante as lexislaturas conservadoras hai primeiro unha caída clara do nivel de vida dos galegos (2011-2016) e logo unha moi lixeira recuperación nos últimos anos (2017, 2018) que se debe basicamente a caída da poboación, mentres que durante o período transcorrido co goberno de quenda actual (2018-2022) o nivel de vida medio dos/as galegos/as, coa excepción lóxica do ano da pandemia (2020), experimenta unha indiscutible mellora: mais dun 10% de aumento do PIB/per capita que lle permite recuperar os niveis previos a crise (2008): 102,2%, aínda que tiveron que pasar 15 anos e producirse un cambio no goberno español. Mellora que, de novo, coincide cunha caída da poboación.
O peso das rendas do traballo na riqueza total galega mantén en ámbolos dous períodos un perfil baixo, o que pon en evidencia o tipo de emprego que se crea (maioritariamente precario), acorde co modelo produtivo, aínda que hai algunhas diferencias que convén destacar: durante as lexislaturas conservadoras (2011-2018) as rendas de traballo non deixan de perder peso anualmente na riqueza nacional mentres que co actual goberno de progreso hai un incremento incluso importante nos primeiros anos para logo baixar (2022, 2023). En ámbolos dous casos as rendas do traballo non recuperan o peso que tiñan antes da crise (48%).
O emprego, o desemprego e os salarios
A evolución do emprego é unha das variables macroeconómicas mais indicativas sobre a marcha da economía así como da natureza das políticas públicas. Tamén resulta a variable que marca importantes diferencias na súa evolución en cada un dos períodos obxecto de estudio. Mentres nas lexislaturas conservadoras (2011-2017) hai un perda de 11.700 empregos no tempo do goberno actual de progreso (2018-2024) hai unha recuperación de 66.400 empregos pero sen que se chegue aínda a recuperar o nivel de emprego previo a crise financeira. A pesar diso esa recuperación supuxo que a taxa de ocupación (4ºT 2024) acadara o 48,5%, a mais elevada nos derradeiros 15 anos
Dentro do desemprego compre facer unha referencia especial ao desemprego xuvenil, polo que implica a súa persistencia para o futuro. Estes/as mozos/as dificilmente acadarán o nivel de vida que terían si non estiveran desempregados. Resulta indiscutible que hai un desempeño mellor co goberno español de progreso (2018-2024) cando o desemprego xuvenil acada as cifras mais baixas (37,5% para os menores de 19 anos e 23,8% para os de 20-24) pero segue sendo un grave problema pois son moi elevadas. Claro que se pode dicir que durante o período conservador (2011-2017) o desempeño nesta materia foi lamentable (entre o 48,5% e o 47,6% no dos menores de 20 anos). En calquera dos casos tamén hai que pensar que a constante emigración de xente moza impide que os datos sexan aínda peores: o 50% dos que emigran son mozos/as (50.000 na última década?).
As cifras non enganan: en todo este tempo o salario real medio (axustado pola inflación) apenas sofre modificacións importantes pois en 2024 volve a valores do 2011. Parecera que coa entrada do novo goberno (2018-2019) se producía unha certa alza, a pesar do fenómeno inflacionista, pero nos dous últimos anos (2023-2024), si os datos non nos enganan, hai un retroceso. Esto último índica que o crecemento do emprego ten lugar maiormente en actividades con baixos salarios (turismo, construción...). Como conclusión sinalar que en todo estes anos (2011-2024) os salarios son os grandes sacrificados. En valores reais o salario medio en Galicia no ano 2024 equivale ao 98,2% do que había antes da grande crise (2008)
A desigualdade
O nivel de desigualdade mide como o está pasando os que están nas franxas media e inferior do espectro económico. Serve tamén para xustificar a necesidade duns servizos públicos que atendan a esta situación. Dado que durante o período conservador o gasto público social sufriu fortes recortes resulta lóxico que a desigualdade e a pobreza se mantiveran elevadas.
Nunha tendencia innegablemente decrecente a porcentaxe mais baixa de fogares galegos que teñen dificultades para chegar a final de mes acádase con goberno español de progreso (2023): 35,05% (42,02% no 2011, 37,81% no 2018,). Este dato positivo non impide subliñar que nos seguimos movendo en cifras moi altas, socialmente inaceptables. Especialmente sángrante é a situación na infancia pois segundo as organizacións mais fiables ao día de hoxe (2024) en Galiza o 25,8 % da infancia menor de 18 anos vive en risco de pobreza e/ou exclusión social (taxa AROPE).
Dependencia do exterior
En relación a demanda externa, e coa precaución que se debe adoptar a hora de analizar esta variable macroeconómica no caso dunha comunidade ou rexión, deuse un xiro radical nos últimos anos que coinciden co goberno de progreso pasando duns saldos negativos continuados (2011-2018) a uns saldos positivos (2019-2022) grazas maiormente ao auxe das exportacións: un 152,4% en términos nominais.
Conclusións
A análise dos datos anteriores permite avanzar varias conclusións interesantes como que nun marco xeral de baixo crecemento económico hai algunhas diferencias relevantes neste longo período (2011-2024) que podemos resumir en que a Galicia vaille relativamente mellor co actual goberno de progreso (PSOE/Sumar) no estado que co anterior goberno conservador (PP). Unha melloría que sen ser sobresaliente, tal que apenas serve para recuperar algúns valores previos a grande crise (2009), si está permitindo, especialmente a partires do 2023, obter mellores resultados en materias relevantes como riqueza, nivel de vida, emprego, desemprego xuvenil (co importante matiz subliñado), desigualdade (coa lacra da pobreza infantil) e comercio exterior. Rublos que, a pesar diso, aínda non recuperaron de xeito firme os valores previos á grande crise (2008),
Uns resultados que fan pensar que si neste longo período conservador (2009-2024) a Xunta de Galicia (PP) tivera aplicado outras políticas (expansivas) con seguridade que non estariamos falando de dúas décadas perdidas.
(*): os datos económicos están nos seus valores reais, descontando a inflación, e tomando como referencia os prezos no ano 2011 para así poder comparar mellor a evolución durante os dous gobernos (PP: 2011-2018, PSOE/Sumar: 2018-2024): os mesmos prezos.