Galiza: unha cuestión de alternativas…

Teño que recoñecer que me rebenta erguerme hoxe e escoitar a leria do “partido gañador”, da forza máis votada, do que quere a maioría… Entre outras cousas porque non é certo: en Galiza os votos do Partido Popular son menos que os de En Marea e o PSdG-PSOE xuntos, por exemplo.

Tampouco creo que a maioría da xente avale a corrupción (aínda que o pareza), ou a un ministro sen vergoña que monta acusacións falsas e que manipula a xustiza contra os que non pensan coma el, ou aos que ven na política unha ferramenta para montarse un pelotazo na empresa privada.

As municipais primeiro, e incluso as  repetidas xerais, demóstrannos que non. Simplemente é unha cuestión de alternativas. Cando a xente non é capaz de ver cara a onde se vai, cando ten dúbidas do que se pretende, cando non ve como se vai construír o goberno alternativo, busca quen llas dea (aínda que non lle convenzan).

Se algo quedou claro no proceso é que o Partido Popular si foi quen de transmitir a súa alternativa (pésima, por certo, pero consecuente). E xa pensando nas galegas, ou somos quen de artellar unha alternativa convincente, posible e capaz de enfrontar o monstro, ou asinaremos outro fracaso. Porque fracaso sería que o PP seguira no goberno de Galiza.

E o que pense que a batalla é ver quen é a segunda forza, se o presidente será da marea ou do PSOE, equivócase. Así, o presidente será Feijoo ou Rueda, no caso máis que probable que Feijoo acabe de ministro non se sabe de que….

E o momento require decisión e valentía. Fronte a un escenario previsible de loita pola segunda praza (sempre cruenta), co PP resucitando as pantasmas do desgoberno, do bipartito, de só se xuntan para evitar que goberne o máis votado, de que non hai proxecto alternativo…, e con Ciudadanos como vasoira para recoller os votos da dereita que non tragan polo PP, temos que ser quen de ofrecer unha alternativa construtiva.

E para min só hai unha. A gran coalición non é a da dereita co PSOE, a gran coalición debe ser a das forzas políticas, a dos movementos sociais, a dos que defenden os sectores produtivos do país, a de todos e todas os que nos negamos a soportar catro anos máis de miseria intelectual e política. E iso pasa, inevitablemente, porque En Marea e o PSdG-PSOE sexan conscientes do que se nos vén enriba e sexan capaces de ofrecerlle ao país unha esperanza. Somos solventes, hai proxecto, temos os vimbios necesarios. Só hai que tecelos ben. Quizais nisto, a Galiza non lle quede máis remedio que ser pioneira, pero do que pasa cando apostas todo ao día despois, xa tivemos boa mostra.

Que ninguén recúe. Eu, que goberno en coalición co PSOE, que valoro ademais os pasos que a militancia do psoe galego deu cara a buscar unha persoa (que creo) con capacidade de diálogo, que reivindico o que En Marea supón de xermolo de confluencia e de busca do que une e non do que separa, aposto por facer, xa, o que, no mellor dos casos, teriamos que facer ao día seguinte. Seguro que xeramos máis ilusión e confianza en que outro goberno é posible, que somos quen de levantar a pesada brétema que onte cubriu o país.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.