O falecemento de Xosé Manuel Beiras, hai xa agora algo máis dun mes, deixou un profundo baleiro no panorama político e social de Galicia, pero tamén no corazón dunha xeración que se achegou á política téndoo a el como referente
O falecemento de Xosé Manuel Beiras, hai xa agora algo máis dun mes, deixou un profundo baleiro no panorama político e social de Galicia, pero tamén no corazón dunha xeración que se achegou á política téndoo a el como referente. A presenza de Beiras foi unha constante tanto no meu espertar á política, como na miña relación con esta durante toda a miña vida. E estou certo que non fun eu ao único que acompañou neste camiño, senón a moitos e moitas outras.
Para un adolescente no que comezaba a agromar a conciencia política e de pertenza nacional a Galicia era imposible non fixarse en Beiras e sentirse atraído irremediablemente polo seu discurso e polo seu carisma. Cando quen escrebe estas liñas estaba comezando os seus estudios universitarios, Xosé Manuel xa levaba dous mandatos no Parlamento de Galicia, nas filas do BNG, actuando como verdadeiro referente moral e político fronte ao fraguismo. Para todas as persoas que acreditabamos nunha Galicia diferente á que a maquinaria do Partido Popular estaba deseñando – e executando – a referencia a finais do século pasado non podía ser outra que a do nacionalismo liderado por Beiras. Foi daquela cando decidimos unirnos a ese movemento, no meu caso, no asociacionismo estudantil.
Para un adolescente no que comezaba a agromar a conciencia política e de pertenza nacional a Galicia era imposible non fixarse en Beiras e sentirse atraído irremediablemente polo seu discurso e polo seu carisma
Beiras era unha presenza diaria, pero que se materializaba de xeito espectacular cada 25 de xullo na praza da Quintana. Esa peregrinación anual era para moitos o máis semellante que tiñamos a unha eucaristía, laica e nacionalista, pero coa sensación de estar compartindo xuntos. Son esas tal vez as miñas primeiras lembranzas persoais de Beiras. Baixo o sol – ou as nubes e a choiva, segundo tocase – do verán santiagués, eramos milleiros os que estabamos alí porque el tamén estaba, porque tiña algo importante que dicir sempre e porque o dicía ben. Esa capacidade para conectar con quen o escoitaba foi algo que sempre me marabillou del. Era imposible non escoitar cando falaba. E tanto daba que o fixese en público ou en privado, sempre había que atender ao que Beiras dicía.
Para min, que tiven a Beiras polo máis parecido a unha rock star que coñecía, poder compartir aqueles anos con el foi un agasallo. Unha das cousas polas que mereceu a pena estar en primeira liña política
Non sempre entendín o que facía Beiras no momento no que o facía. Cando a partir da crise de 2008 e o congreso de Amio de 2012 decidiu iniciar a colaboración coas forzas estatais a través de AGE, debo recoñecer que non acabei de entendelo. Pero finalmente seguiría tamén aí o seu exemplo, apostando por unha fronte popular e polas confluencias entre tradicións políticas diversas que culminarían na creación da Marea Atlántica e das restantes candidaturas municipalistas en Galicia. E iso tamén foi posible polo seu apoio. Beiras entendeuno antes que ninguén. E daquela puiden sentilo ben preto e ter a oportunidade de coñecelo persoalmente. Para min, que tiven a Beiras polo máis parecido a unha rock star que coñecía, poder compartir aqueles anos con el foi un agasallo. Unha das cousas polas que mereceu a pena estar en primeira liña política. Foi o momento no que puiden ver esa clarividencia e esa sabedoría en primeiro plano. E ao contrario do que adoita pasar coa xente á que se admira dende a distancia, non só non defraudou senón que me impresionou aínda máis.
Sei que non é moi axeitado falar dun mesmo cando se tenta escribir unha homenaxe a outra persoa, pero neste caso resultoume imposible. Porque parte do que eu son, parte do que moitos galegos e galegas somos como seres políticos debémosllo a el. Creo que non esaxero ao dicir que eu non sería a mesma persoa de non existir Xosé Manuel Beiras. E se cadra esa pode ser a mellor homenaxe que se lle faga a alguén. Recoñecer o impacto que tivo nas nosas vidas. E neste caso foi moito, moitísimo.
Grazas por todo, Xosé Manuel.