A información sobre Venezuela en Europa, especialmente en España é un atentado contra a democracia. A mentira, as fake news, que se queren denunciar noutros ámbitos, como unha epidemia que abanea a democracia, convértese no caso venezuelano nunha práctica que socava sen matices o dereito a unha información fidedigna. Convértenos aos cidadáns en borregos, dispostos por outra banda ( e isto completa o desastre) a tragar lixo por toneladas. É un insulto ao principio de cidadanía, a un dereito principal, no que se fundamenta a democracia, o de recibir información veraz e non ser tratados como imbéciles.
Sobre Venezuela méntese constantemente, sen vergoña, afirmando sen pudor exactamente o contrario do que acontece. O problema non é ter ou deixar de ter simpatías co réxime de Maduro. O problema para un sistema democrático, aquí en Europa por suposto, é usar e tolerar a mendacidade constante. Iso converte os cidadáns en súbditos. É moi preocupante que os medios poidan transmitir a mentira sen que exista ningún contrapeso, ningún órgano que sancione a invención e a burla conseguinte, do lector ou do espectador, o gangsterismo xornalístico.
Cando informan sobre Venezuela é aconsellable que as persoas que se teñen estima propia abran o teléfono e consulten outros medios que ademais de non mentir interpreten con decencia o que acontece.
No caso de Venezuela non libra case ninguén, menten sen límite. Os exemplos son infinitos, méntese informando do contrario do que acontece, ou ocultando o que acontece, ou manipulando parte do que acontece para que pareza o contrario. Un desprezo da democracia. Son todos, El País, carente da mínima deontoloxía, con grosísimas invencións, constantes, empiricamente comprobábeis; as emisoras públicas, e por suposto a roña das dereitas. Non aguantan unha comparación cos medios que operaban na última época do franquismo, que ocultaban mais non se atrevían a inventar desta maneira. A prensa española é a peor de Europa, cualifícana así diversas institucións especializadas de prestixio.
Cando informan sobre Venezuela é aconsellable que as persoas que se teñen estima propia abran o teléfono e consulten outros medios que ademais de non mentir interpreten con decencia o que acontece. Non que sexan chavistas, trátase precisamente de que non o sexan, porque tampouco aí atoparán boa información. Pero é máis que positivo sentirse cidadán, non un pelandusco tratado como un ninguén e buscar. La Jornada de México é un xornal de grande calidade que informa coidadosamente, con bos xornalistas que seguen os acontecementos e ademais comprenden o conflito. O dixital Carta Maior é moi bo, igual que La República de Montevideo, que permanece atento ao conflito, de perto. En Página 12, un grande xornal, son equilibrados no tratamento das novas sobre Venezuela, destacando as extraordinarias crónicas de Marco Teruggi. Quen busque algo máis lixeiro e sen tendencia política marcada, pode recorrer ao dixital venezuelano Panorama.com.ve, sereno e distante a pesar de producirse no centro da tormenta; informa, non é chavista nin moito menos e hoxe por exemplo sitúa a información sobre Leopoldo López de cuarta, sen os nervios hispanos, detrás do falecemento do arpista Juan Vicente Torrealba. Por suposto, en calquera deses medios dise a verdade sobre a sabotaxe eléctrica, actos terroristas politicamente inducidos para deixar sen enerxía o país nas semanas pasadas e arruinalo, levalo á idade de pedra, tal como dicía tamén Bush que había que facer con Iraq, iso antes de invadilo.
A nova mentira, na que se insiste estes días, é a da sublevación de parte do exército, cando actuaron apenas once soldados. A iso El Mundo chámalle rebelión militar. Pero resulta simpática xa sen matices a interpretación que fai sobre a mudanza do violento e guillado Leopoldo López para a embaixada española. Imaxino que nos outros medios será parecida. Resulta que é por comodidade, cousa turística case, pois na de Chile xa había outras dúas persoas. É de traca este xornalismo.
Borrell advertiu da fortísima presión que exerceron os americanos, especialmente desde a embaixada para que España, o estado europeo con máis intereses en Venezuela, o recoñecese. E así o fixo
O problema é o seguinte: Cando os EEUU decidiron impoñer ao títere Guaidó, avisaron só cun día de antelación ás autoridades españolas. Josep Borrell advertiu posteriormente da fortísima presión que exerceron os americanos, especialmente desde a embaixada para que España, o estado europeo con máis intereses en Venezuela, o recoñecese. E así o fixo. Un embolado. A imposición da administración de extrema dereita foi evidente e o malestar que produciu tamén. É o estilo imperio, sempre, pero quizás non con tanto músculo cando se trata dun estado europeo forte. E quizás o orgulloso ex presidente do Parlamento Europeo sentise a molestia de ter que obedecer desa maneira, algo moi pouco patriótico en calquera sitio. Desas presións sábese moito en América Latina. Borrell deixou claro que a embaixada presionara moito para sacarse de enriba os moscóns patrióticos de Ciudadanos e PP, ás ordes sempre do que diga Washington, como o PSOE por certo, pero agora cambia algo, cunha administración liderada por Trump. Ese recoñecemento implica descoñecer a legalidade internacional, burlar a ONU, actuar no sucesivo como piratas ante un estado e asentir a todo o que diga nese campo a extrema dereita dos EEUU, ademais da venezuelana.
Sánchez e Borrell quixeron respirar estoutro día, despois de gañar as eleccións, sen desautorizar o títere desde o estado, é dicir, sen retirarlle o recoñecemento pirata, pero si dicindo que a violencia golpista non era aceptada. Entón é cando os EEUU deciden enviar para a embaixada española ao guillado Leopoldo. E alí está. Os cargos contra el están sentenzados pola xustiza e para coñecer a súa actuación nas guarimbas, con moitos mortos, abonda buscar as súas propias declaracións en youtube. Tampouco é ningún segredo que queren provocar unha invasión, deséxana e dino eles mesmos.