Guerra interposta

Pomba da paz CC-BY-SA Don Suderland

As consecuencias desta guerra de invasión por parte de Putin son as mesmas de sempre: morte, destrución e gravísimos danos sobre a poboación civil

Algún cualifican a guerra da Ucraína como híbrida, aínda que ten moito de tradicional, como as de antes, quizais con algo máis de bombo, drons suicidas e mísiles de medio e longo alcance. As consecuencias desta guerra de invasión por parte de Putin son as mesmas de sempre: morte, destrución e gravísimos danos colaterais sobre o territorio, as infraestruturas e sobre a poboación civil, o principal obxectivo militar nas guerras modernas, particularmente, as mulleres, anciáns, nenas e nenos, con millóns de refuxiados. Nada novo.

Paraugas pola Paz, unha actividade do SGEP CC-BY-NC-ND SGEP

Os mortos os poñen agora os ucraínos e os rusos, son mozos que perden a vida e todo o que poderían ser, mentres que outros alimentan o conflito para debilitar fundamentalmente a Rusia e rematala

Pero esta é tamén unha guerra interposta. Como tantas outras no pasado. Os mortos os poñen agora os ucraínos e os rusos, son mozos que perden a vida e todo o que poderían ser, mentres que outros alimentan o conflito para debilitar fundamentalmente a Rusia e rematala, aínda que eu son dos que pensa que unha potencia nuclear non perde nunca unha guerra. O eco do conflito bélico ven de lonxe, dos EE.UU e da OTAN, unha alianza da que formamos parte, e que sorte de asesoramento, intelixencia?, armamento, expertos sobre o terreo, e todo o poder militar posible, "tecnoloxía para a morte", que dicía Saramago, forrando ás grandes empresas de armas, sempre as máis beneficiadas dos conflitos bélicos. Money, money, money. Tampouco nada novo.

Até que prohibamos as guerras, como fixemos coa escravitude, debera ser un imperativo ético deste século. Seremos quen?

E cando rematará está tolemia? Pois cando os poderes interpostos o decidan, cando as caldeiras de produción estean satisfeitas e cheas, fartas, si é que algunha vez o están. Ou cando vexan que o inimigo está xa o suficientemente debilitado como para aceptar un armisticio máis ou menos favorable. E cando será? Desde logo non agora, polo Nadal, lembrades que tódalas guerras rematan para o Nadal? Neste caso, como en tantos, non será así, por desgraza, nen sequera unha tregua para enterrar ós mortos, tantos mortos! 

E pasará o Nadal, paz, noite de paz, e seguirán matándose, con maior repugnancia, con asco de si mesmos, até que persoas que non pelexan, que non pisan o barro, moi lonxe, a miles de quilómetros, decidan que chegou o remate, the end, e todos cantarán con Frank Sinatra "Silent night". E até a próxima. Até que prohibamos as guerras, como fixemos coa escravitude, debera ser un imperativo ético deste século. Seremos quen?

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.