Igual non dá igual

Ensaiarmos un xeito novo de enfrontarnos colectivamente á realidade social, económica, cultural e política como un todo non é doado. Carrexamos procesos históricos con décadas de loitas, de derrotas e, como non, tamén de conquistas. Pero a posmodernidade clausurounos as cartografías, pechou os libros de relatos, fragmentou a realidade e fixo de nós e o que nos ata á vida apenas unha sucesión de acontecementos illados, inconexos, aleatorios. A posmodernidade chámase capitalismo. Se Marx someteu a realidade á análise e ás lentes da ciencia social e o movemento obreiro acometeu ese vieiro, cumpríalle ao poder ameazado mudar o escenario da representación. Ao real déuselle autonomía, e todo perdeu conexión. O capitalismo comprendeu que a contrarrevolución, mesmo a preventiva, é desconexión. Vivirmos en permanente desconexión global é garantía de que as nosas cadeas non son só unha lembranza terrorífica do pasado. Cómprenos, daquela, restablecer conexións.

A posmodernidade clausurounos as cartografías, pechou os libros de relatos, fragmentou a realidade e fixo de nós e o que nos ata á vida apenas unha sucesión de acontecementos illados, inconexos, aleatorios. A posmodernidade chámase capitalismo

Mudaron os tempos, pero non como soñamos xeración tras xeración. Mudou, simplemente, a nosa forma de producir. O traballo socialmente necesario foise reducindo cada vez máis grazas ao desenvolvemento das forzas produtivas, e iso condenounos a dedicarlle a maior parte da nosa vida a producir plusvalía. Camiñamos cara ao sinxelo ideal do capitalismo: as 24 horas do día a producir plusvalía. Polo medio deste proceso, para favorecelo, fragmentouse a forza de traballo, que fora creando lazos identitarios e por tanto cultura antagonista, incrementáronse os factores de alienación e o proletariado sufriu un violento proceso de desestruturación e destrución identitaria. A súa potencia colectiva, creadora, foi dinamitada. E non só polos acertos do poder; tamén polos propios erros. Nese proceso, as vellas formas de mediación foron perdendo sentido. Hoxe non o teñen. A inercia histórica permítelles sobrevivir fosilizadas, pero convertidas nunha inutilidade colosal.

Camiñamos cara ao sinxelo ideal do capitalismo: as 24 horas do día a producir plusvalía. Polo medio deste proceso, para favorecelo, fragmentouse a forza de traballo, que fora creando lazos identitarios e por tanto cultura antagonista

A crise das vellas formas organizativas non é unha evidencia da súa perversidade intrínseca. É a constatación de que os tempos cambiaron. A diversidade proletaria é tan evidente coma a coincidencia neste tempo histórico de múltiples modos de produción. E esa diversidade, construída con identidades múltiples forxadas en experiencias e en loitas diversas, nunca antagonistas senón complementarias, xa non pode reducirse a unha única vontade absoluta representada por quen se erixe en intérprete universal dos intereses da multitude. O proletariado moderno sufriu e empezou a comprender a súa soidade, experimentou o abismo aberto entre a existencia real dos seus individuos e os organismos que se arrogaron a súa representación. Entón decatouse irrepresentable. A mediación nunca máis sería posible. O funcionario do partido, axente de vendas no mercado electoral, aínda non o deu comprendido; o asalariado compréndeo en carne propia. Non nos representades! Non hai saída. Só a unidade e a reconstrución dunha identidade emancipatoria. Proletarios do mundo. E para iso cómpren instrumentos útiles, organizacións eficaces. Para defender as vellas conquistas e para conquistar terreo. Na mediación non hai saída. Só morriña.

O funcionario do partido, axente de vendas no mercado electoral, aínda non o deu comprendido; o asalariado compréndeo en carne propia. Non nos representades! Non hai saída. Só a unidade e a reconstrución dunha identidade emancipatoria

A crise do réxime de representación non é unha impugnación da política senón un ataque á institución burguesa. A mediación que esta ofrece conduce á expropiación da nosa capacidade política e de todos os dereitos de cidadanía conquistados a través dos tempos. O rexeitamento da política que expresan os sectores máis activos da multitude proletaria, precaria e excluída só é unha esixencia de apropiación colectiva da política. Esíxese a intervención política, prohibida polo poder. Non é democracia participativa (esa redundancia) o que se procura, reclámase democracia radical, democracia absoluta. O rexeitamento da representación burguesa arrastra as vellas organizacións, identificadas como pontóns dun sistema violento, diques de contención de conciencia, creatividade e ruptura. Fronte a ese Vello Réxime, coas súas institucións e organizacións de dereita e esquerda, esíxese unha nova institucionalidade popular, asemblearia, aberta, horizontal, democrática, radical, igualitaria.

A crise do réxime de representación non é unha impugnación da política senón un ataque á institución burguesa. A mediación que esta ofrece conduce á expropiación da nosa capacidade política e de todos os dereitos de cidadanía conquistados a través dos tempos

Esta realidade conforma o escenario de construción da nova organización para a conquista dun mundo novo. A vella organización política quedou estampada na foto fixa dun tempo que xa non é, presa nunha gaiola de ámbar. Iso non quere dicir que cumpra rexeitar nin a historia nin as culturas diversas coas que a esquerda e o movemento obreiro viñeron operando ata os nosos días. Incorporar esas bagaxes múltiples canda as novas expresións de loitas globais e sectoriais é inescusable. Así é o contexto que condiciona o modelo organizativo dunha forza como Anova, que nace na acumulación de diversas culturas e tradicións da esquerda e loita por se construír sobre unha transversalidade de múltiples direccións, sen sectarismos, democrática, plural, integradora e aberta ás novas expresións de loita social e política. E non hai mellor camiño, se o obxectivo non é terminar nunha vía cega de curtísimo percorrido. Porque cando a multitude comprende que todo o poder é para as asembleas, ese é o seu programa político. A multitude toma a palabra e decide. Decide que non hai instancia de poder nin de decisión allea ao foro común. Que non hai ámbito de análise e teoría á marxe da intelixencia colectiva.

O terreo conquistado, que hoxe se chama AGE, a forma vixente da Fronte Ampla, nunca se abandona senón que se afirma e se avanza a partir del. Que a nova sociedade non admite exclusións

Que a división do traballo entre o intelecto e as mans é un residuo do capitalismo. Que a organización non necesita soldados disciplinados que traballen e non pensen senón militantes libres que pensen e debatan e actúen. Que actuar é pensar e pensar é actuar. Que ninguén aspira a nada que non sexa tomar o ceo por asalto. Que a institución burguesa non é o lugar principal do combate político. Que a organización non é un produto de mercado. Que a esquerda aborrece o fetichismo da mercadoría e que se nega a darlle lexitimidade. Que conquistar hexemonía social esixe mover os marcos e, en última instancia, facelos desaparecer. Que o suxeito antagonista, ao que Anova se ofrece, non coñece purezas, esencias nin relixións, só un interese común, comunitario e nese sentido comunista. Que a ninguén se lle esixe identidade prefigurada pois a identidade é unha construción constante do común. Que o terreo conquistado, que hoxe se chama AGE, a forma vixente da Fronte Ampla, nunca se abandona senón que se afirma e se avanza a partir del. Que a nova sociedade non admite exclusións. Que a organización ou é ferramenta da maioría social e se confunde nela ou é un corpo estraño que acabará disolto pola potencia creativa do común.

Anova afronta a súa I Asemblea Nacional e, como é lóxico, no seu seo hai contradicións que terán que resolverse sen vencedores nin vencidos. Pero ese desexo non impide pensar que o futuro de Anova, dese fenómeno político de primeira magnitude chamado AGE (ou como queiramos chamarlle á Fronte Ampla) e da propia maioría social desta nación dependerá en parte de que entre a realidade e a organización non se abra o abismo da paralaxe, un asincronismo insalvable.

Se Anova non responde e renuncia a ser un instrumento en mans da maioría social, entón a maioría social prescindirá de Anova

A multitude proletaria, en constitución permanente, a Cidadanía Republicana Constituínte, non é unha masa informe que poida ser domeada con consignas. É un corpo en movemento, un intelecto colectivo que apela e esixe, que impugna e constrúe, capaz de advertir discursos ambivalentes e evidenciar as súas eivas. Se Anova non responde e renuncia a ser un instrumento en mans da maioría social, unha ferramenta para a construción do antagonismo e por tanto unha imaxe en boa medida da sociedade nova que se desexa conquistar, entón a maioría social prescindirá de Anova e antes ou despois acabará por construír a súa ferramenta de verdade. A que de verdade lle sirva para exercer contrapoder e organizarse como un novo poder constituínte.

Neste contexto, igual o feito de lle chamarmos partido, movemento, liga, fronte ou partido-movemento ao organismo vivo dá igual. Pero igual non. Porque as palabras organizan o mundo. Igual non dá igual.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.