Il capitano Salvini

Salvini, nun acto da Liga Norte CC-BY-SA Fabio Visconti

A Lega Norte propuxo até hai pouco que a Padania se separase do Estado Italiano. Inclusive os tentou elaborar unha lingua, comezaron a escribir, corrixiron topónimos, mais frearon a incursión. A Padania é un territorio historicamente ambiguo, sen límites claros nin unha identidade moi definida; chámase así polo río Po. Os padanos son ricos, fabrís e tenden ao rigor, niso parécense aos austríacos e aos suízos. A política da Lega separatista sintetizábase na consigna “Roma ladroa”, que en realidade é un concepto: traballan os lombardos, os piamonteses, os venecianos, mentres os do Sur son manguelos e folgan grazas á sopa boba da redistribución que se fai desde o Estado.

Pero a Lega transformouse e do 6’2 % dos votos nas eleccións europeas de 2014, naturalmente nórdicos, pasou ao 34 % nas recentes, distribuídos con uniformidade por toda Italia. Mentres que os socialdemócratas do PD baixaron do 41% para o 22, case unha agonía. Matteo Salvini, Il Capitano, xefe actual da Lega, presume de gañar na Calabria, en Sicilia e até nas prazas onde se aplicaba a política migratoria máis combativa e humanitaria. Fixéronse outros con rapidez e firmeza. Unha habilidade asombrosa. Ademais o discurso vaise facendo máis brutal a medida que gañan adeptos. Emerxe progresivamente a barbarie.

A extrema dereita europea recoñece Il Capitano como figura referencial. Trunfa a masculinidade sen chegar de momento a ser un falo, como cando Mussolini, pero volve o home. Funciona a voz rouca e profunda, viaxa nela a seguranza nacional, a palabra dada, o esforzo, a emoción patriótica, suave de momento e o músculo colectivo. Idealiza a disciplina e como mezzo calvinista subalpino presume de ser moi traballador, virtude que estende a todos os italianos. Xa non hai vagos no sur.

Pero compórtase con educación, mesmo para dicir iso e non resulta cínico nin afectado, como acontece con case todos os que se dedican á política, porque posúe unha certa elegancia popular e ademais delimita as fronteiras éticas, as que non se deben traspasar nesta sociedade “cada un na súa casa fai o que quere”, “a harmonía entre os italianos non se vai romper”. Iso di de momento, sempre de momento. Cando inicia os discursos saúda á industria e á empresa, garantes de riqueza e da prosperidade.

Convence de que hai un bo tipo detrás de todo iso, que é el mesmo. Nega as acusacións de fascista, de que esa conduta estenda a ombra nera. Tira de rosario e de cruz, si, pero anota de contado que “cada un cre no que considera”. E ten que haber inmigración, proclama con suavidade case humanística, lonxe dos discursos toscos e da caricatura que reproducen del os medios de comunicación, pero inmigración regulada, ordenada, racional e de calidade. Certamente, non é un paiolo político. Mais despois da fina concesión golpea no tuíter como un fascista nato, comentando sobre unha delincuente romena: “esta parasita ladroa para a cadea por trinta anos, nas condicións precisas para que non teña máis fillos, e os seus pobres cativos dalos en adopción a familias de ben. Punto”.

O obxectivo principal é acadar unha maioría incontíbel. Un ascenso parecido aos dos anos vinte e trinta. Diagnosticar como daquela as frustracións sociais colectivas, sintonizar cos desexos populares e saber atender as demandas da clase dominante. Mais este é outro tempo e unha persoa intelixente que busca o poder, xamais falará en Italia do equivalente á Reconquista en España, non cargará a mochila con esterco.

Salvini é un triunfador. Se a esquerda e os demócratas non espertan, gañará. Posúe un as: a asombrosa capacidade para modificar todo o aparente en menos dun sexenio e convencer. Cando obteña a maioría esmagadora que pretende, desaparecerán os contrapesos e quizás consiga a obra mestra da nova barbarie. Veremos quen a canta, se futuristas renovados ou outra vangarda orixinal.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.