Vivimos tempos de desconcerto, de grandes dúbidas, de desorientación.
Xa sei que hai quen non, que existen os que están enchidos de certezas, de seguridade, branco ou negro, así sen matices, todo absolutamente claro, xa o dicía eu... Non é o meu caso. Perdón. Estou cheo de incertezas.
Máis que nunca.
Vexo como o mundo no que creía, aquel que xurdíu logo da IIGM, "nosoutros os pobos", as Nacións Unidas, a Declaración Universal dos Dereitos Humanos, os valores cívicos e democráticos, os Tribunais de Xustiza, a democracia, o menos malo dos rexímenes posibles, Europa como utopía posible dos pobos para evitar dunha vez a guerra, todo ese mundo, construído logo de matanzas inimaxinables, dun Holocausto brutal, non só de xudeos, de dúas bombas atómicas, aquel mundo baseado en normas autoaceptadas coas que quixemos superar un pasado de horror, ese mundo, estase a derrubar diante de nós porque os matóns, os abusóns, os sheriffss das estrelas e dos colts están aquí de novo, e non para impoñer orde e seguridade, perseguir ós cuatreiros, deter ós malotes, senón para que a lei do máis forte prevaleza, a deles.
Volta a escuridade.
Nun mes, só nun mes, o mundo está patas arriba. Os agresores son os agredidos. As víctimas son os verdugos. Europa, a vella Europa, e a nova tamén, a mercede dun matón, de dous ou de tres.
Onde vai toda aquela extraordinaria arquitectura internacional? Quén a recuperará? Quizáis moitas e moitos non o vexamos. Quizáis os que pensabamos que eramos unha xeración privilexiada que non coñecería a guerra en carne propia, agora, logo de tantos anos, voltemos ás andadas grazas a matóns que buscan o seu enriquecemento máximo a calquera custe. Imos permitilo?
Qué pensarían Eleanor Roosevelt, Pen-Chun Chang ou Charles Malik, primeiros redactores da Declaración Universal dos Dereitos Humanos en 1947. Qué pensarían hoxe? E os que asinaron a Carta das Nacións Unidas dous anos antes, en 1945, en San Francisco Qué dirían aqueles que redactaron e asinaron aquela declaración fermosa:
"Nosoutros os pobos das Nacións Unidas resoltos a preservar ás xeracións vindeiras do fraxelo da guerra que duas veces durante a nosa vida inflixíu á Humanidade sofrementos indecibles, a reafirmar a fe nos dereitos fundamentais do home, na dignidade e o valor da persoa humana, na igualdade de dereitos de homes e mulleres e das nacións grandes e pequenas, a crear condicións baixo as que poidan manterse a xustiza e o respeto ás obrigacións emanadas dos tratados doutras fontes do dereito internacional, a promover o progreso social e a elevar o nivel de vida dentro dun concepto máis amplo da liberdade, e con tais finalidades a practicar a tolerancia e a convivir en paz como bós viciños, a unir as nosas forzas para o mantemento da paz e a seguridade internacionais, a asegurar, mediante a aceptación de principios e a adopción de métodos, que non se usará a forza armada senon no servizo do interese común, e a empregar un mecanismo internacional para promover o progreso económico e social de todolos pobos...
Polo tanto, os nosos respectivos Gobernos, por medio de representantes reunidos na cidade de San Francisco conveñen na presente Carta das Nacións Unidas, e por este acto establecen unha organización internacional que se denominará as Nacións Unidas"...
Onde vai toda aquela extraordinaria arquitectura internacional? Quén a recuperará? Quizáis moitas e moitos non o vexamos.
Quizáis os que pensabamos que eramos unha xeración privilexiada que non coñecería a guerra en carne propia, agora, logo de tantos anos, voltemos ás andadas grazas a matóns que buscan o seu enriquecemento máximo a calquera custe.
Imos permitilo?