Impostura no reino animal (Un traballo para Ciencias Naturais)

En plena recta final das autonómicas bereberes e nas vésperas do Gran Clásico no Camp Nou, chegoume o tarambaina do fillo co encargo urxente da profe de Naturais: un traballo sobre a impostura no reino animal (ou sexa, unha redacción, que así lle chamabamos na Escola Unitaria de Cadrón). Como pai dilixente e responsable, mandeino de primeiras onda a nai, que non andaba eu moi fino na cuestión natural; pero non tardou en virme de volta outra vez, e desta xa sen ningunha posibilidade de apelación. Resignado, pregunteille ao fillo que demos era iso da impostura, que eu escoitara campás, pero non collera a melodía. “Engano que consiste en facer pasar unha cousa por outra ou en facerse pasar un animal por outro”, díxome o licenciado imberbe. Eu atalleino cun “ben, un así coma quen, era por saber se ti o sabías” e puxémonos ao labor.

A tal impostura presenta no reino animal dúas técnicas sobranceiras: o mimetismo e a camuflaxe

Resulta que a tal impostura presenta no reino animal dúas técnicas sobranceiras: por unha banda, o mimetismo, que é unha habelencia que posúen certos seres vivos para semellarse a outros organismos para obter algunha vantaxe funcional; pola outra, a camuflaxe, ou mecanismo despregado por algúns animais para confundirse co medio que os arrodea. O obxectivo, tanto nun caso coma no outro, é enganar os sentidos do resto dos seres vivos cos que conviven, inducindo así neles unha determinada conduta. Para darlle mais fondura científica á nosa redacción, reclasificamos o mimetismo en batesiano (caso da cobra real que semella a serpe de coral), mülleriano (a ra frecha sudamericana), e mailo o automimetismo (caso da serpe de dúas cabezas do Barbanza); e inserimos retratos dos animais mencionados cabo de cada un  dos apartados. Tamén lle adicamos un capítulo especial a un parente do polbo carballinus, o polbo mimo, todo un mestre na impostura: é quen de arremedar a 15 especies diferentes e, cando xa non ve outro xeito de librar, faise o morto no fondo do mar.

Tanta e tan fonda pescuda científica venceu a miña natural parsimonia. Emocioneime, que queredes! Fíxenlle ao fillo un colacao ben cargado e díxenlle que coñecía outro animal que non lle desmerecía nada ao polbo mimo e que debiamos incluír no traballo: o lagarteiro dos Peares, un falcónido cinsento que axexa as presas pendurado inmóbil no aire. Amoseille tres fotos xa clásicas do animal: na primeira delas aparecía en zapato baixo, vaqueiros e camisa azul lacoste, apertándolle a gorxa a unha mangueira de horta e facendo que regaba nunha lomba chamuscada; nunha segunda, aparecía o animal traxado de negro e gravata, a carón do Papa Bieito, o Arcebispo de Santiago e unha muller moi recatada tamén embutida en negro da cabeza aos pés; e na última, o falcónido vestía sport invernal e facía que plantaba un pexegueiro nas abas do monte Gaiás. “Pero, papá, ti non regulas! Se ese é Feijoo, o noso Presidente!”, exclamou o pobre do rapaz. “Ves, fillo, como ti tamén caíches na trampa ... Éche o lagarteiro dos Peares disfrazado de Feijoo, pero faino tan ben que moita xente cae no engano”,  díxenlle condescendente e sen querer facer sangue da súa cándida ignorancia.

“Ves, fillo, como ti tamén caíches na trampa ... Éche o lagarteiro dos Peares disfrazado de Feijoo, pero faino tan ben que moita xente cae no engano”,  díxenlle condescendente

Penso que medio convencín ao imberbe e metemos no traballo o lagarteiro dos Peares e mailas súas tres fotos, como caso de mimetismo animal con aparencia humana. E dentro das clases de mimetismo -defensivo, de ataque e reprodutivo- incluímos este caso no mimetismo de ataque; a saber, aquel que é utilizado por animais depredadores que arremedan a fasquía das súas vítimas, para así poder achegarse a elas e papalas dunha asentada. Cabo da foto da mangueira, escribimos que o lagarteiro faise pasar por un afoutado voluntario de Protección Civil na vaga de lumes do verán de 2006, pero delátano a súa roupa inapropiada e o fulero diámetro da mangueira; cabo da foto co Papa e mailo Arcebispo, puxemos que o animal faise pasar por un católico de misa e rosario cotiá, pero delátao a presenza da muller amancebada; e por último, cabo da foto da reforestación no monte Gaiás, comentamos que aquí o lagarteiro quere dar a entender que é labrego inmemorial, pero o pantalón branco (nunca tal cousa se viu en toda a historia da labranza galega) e a postura das mans sobre o sacho, delatan que estamos perante un caso de puro mimetismo ou “así coma quen”.

Unha vez lle puxemos punto e remate ao traballo, o fillo marchou orgulloso para amosarllo á nai, que zangoneaba polas estancias superiores. De alí a un anaco escoitei unha voz dende as alturas, asemade baixaba o fillo de volta con cara de susto e cos folios na man:  “Como baixar teña que baixar ...!”

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.