Impresións electorais, tutelas e tutías

© George Tooker - Government Bureau (1956)

O PP de Galicia non é o PNV, resulta evidente, pero a súa hexemonía de corenta anos, establece un certo paralelismo, innegábel, que necesita tamén de comprensión

Nestes dous meses, posteriores ás eleccións autonómicas de Galicia e do País Vasco, analizáronse moito as causas polas que o PNV é o partido que determina principalmente os últimos 125 anos da vida de Euskadi. É interesante ler eses escritos, para alén de simpatías e antipatías, apréndese moito. O PP de Galicia non é o PNV, resulta evidente, pero a súa hexemonía de corenta anos, establece un certo paralelismo, innegábel, que necesita tamén de comprensión. Atribuíla ao carreto de votos, a un estado de minoría de idade da poboación que non sabe o que hai e por iso a mangonean, ou xa máis seriamente á extraordinaria rede clientelar, sabe a pouco.

Neste artigo non se sistematiza nada, somentes se esbozan algunhas impresións, algúns indicios. Por exemplo, o de que os dirixentes do PP chaman por teléfono. Creo que é importante. Que cando non saben dunha cousa descolgan, marcan, ao outro lado ponse un especialista ao que lle preguntan e a partir de aí establecen unha relación, da que se benefician. Pode chegar a ser de colaboración, de militancia ou de nada, pero tales vínculos aproximan, atraen persoas cualificadas para o campo político deles, a maior parte desas persoas sen ideoloxía marcada, formando así unha rede de influenza moi densa, baseada en intereses, claro está. Hai máis maneiras, desde logo.

Pola base acontece o mesmo, posúen moi bo olfacto para entender e atender as necesidades de persoas e colectivos diversos, os seus intereses inmediatos, e poñer en marcha o mecanismo segundo o cal eles prestan o servizo e o cidadán, os beneficiados, reais ou posíbeis, corresponden en moitos casos de xeito clientelar e noutros só con simpatía ante o funcionamento estábel desa canle.

A esquerda transformadora, tal como se denomina a si mesma, chama pouco por teléfono, abonda con ler os seus programas para saber que se senten suficientes e que, falando moito de consultar ás bases, rede social tupida ter non teñen, nin por riba nin por baixo. Amante dos grandes enunciados, a esquerda transformadora proclama, reúnense sobre todo entre si, pero permanecen distantes, por riba e por baixo.

Outra impresión. Cando naufragou o Prestige todo parecía indicar que o PP acabaría rompendo. Hai un odio africano dentro, mataranse entre eles, dicíame un xornalista galego moi ben informado; era case de sentido común que iso acontecese. Calmáronse, resolveron, buscaron acomodo para os perdedores da loita interna e non pasou nada. Esa estabilidade, ese aguantar, é moi beneficioso internamente. O instinto indícalles que coas divisións perden o poder. Ao mesmo tempo transmiten unha impresión de seriedade, de solvencia como se di agora, que nunca conseguen os partidos de esquerda, dispostos facilmente para a ruptura, unha tradición secular universal que é unha gangrena. O cisma constante, ou intermitente, é a principal causa para que estes partidos non consigan ser vistos como serios, nin capaces de gobernar.

O PSdeG PSOE tampouco transmite firmeza como partido galego, acontécelle o mesmo que á esquerda transformadora, pero por outras razóns. É unha estrutura feble que nunca chega á descomposición, pero que non se articula nin se pensa desde Galicia. O PP de Galicia si, porque exercen poder desde aquí, son poder dentro do partido estatal. É unha grande diferenza.

O meu pai contaba (lembro isto con moita inexactitude) que no ano 79, ou 80, Alfonso Guerra, factótum interno do PSOE, asistiu a unha reunión do comité nacional do PSdeG. As discusións carecían de substancia e o sevillano demandou, ordenou, elaborar o programa político para a futuro goberno de Galicia. Decidiron verse en pasando uns meses para revisar o traballo. Os de aquí buscaron un restaurante para o segundo encontro. Nun ambiente relaxado e optimista, porque o futuro sorría, ían charlando mentres ceaban, pero do programa ninguén dicía nin unha palabra. O parco Guerra bebía auga e apenas comía algunha cousa sen falar case nada. Remataron de xantar e entón atraendo a atención, preguntou en voz moi baixa: “está elaborado o programa?”, “é que mira Alfonso, tal e tal... !” entre mil voces. O tipo levantou a man, meteu unha petada tremenda na mesa, cagouse en dios, ergueuse e desapareceu. A relación entre o aparello central e Galicia foi máis ben a través de individuos notábeis (alcaldes, presidentes das deputacións, deputados) e funcionou a amizade de Francisco Vázquez con Guerra, dous xacobinos que estableceron un xeito de traballar esencialmente radial cos distintos lugares de Galicia, parecido ás infraestruturas viarias, que se mantivo no tempo. Cos sucesivos representantes foi parecido, sempre imposibilitados para consolidar un verdadeiro poder galego no partido. Unha estrutura orgánica fragmentada na práctica, inzada de camarillas e taifas, que de nacional ou de rexional apenas tivo nunca nada. Tampouco afirmou en consecuencia líderes de Galicia con grande peso. Isto que conto forma parte da mitoloxía familiar, sen datos contrastados nin nada de historia científica, pero as parábolas e a construción das lendas axudan a explicar.

As institucións de poder político que se derivan do Estatuto de Autonomía, principalmente a Xunta de Galicia e o Parlamento, conforman arestora un dos principais sinais de identidade da nación galega. Sinal de identidade vivo, dinámico. Quizás sexa a primeira referencia colectiva para a inmensa maioría dos cidadáns. Estaría ben preguntarlles se non se fixo xa. Será imperfecto o tal sinal, pero é. Intúese o seu peso sobre todo se invertemos o razoamento e imaxinamos unha Galicia na que non houbese un poder galego instituído, unha realidade institucional xacobina, como a francesa por exemplo.

Ese poder foi ocupado polo Partido Popular e exerceuno ao longo dos catro decenios con obediencia certa ao poder central do partido. Era evidente con Fernández Albor, pero a chegada de Fraga á presidencia da Xunta modifica ese vínculo. Foi cando o nacionalismo tivo que retirar a palabra sucursalista da súa xiria política, porque non funcionaba ben. Españolista si. Había poder rexional, que el exercía, mesmo por carácter, e até se teorizaba ese poder desde a Fundación Alfredo Brañas. Reaccionario? Pois para min que igual si, pero poder rexional. Tamén o ten Murcia, dirán vostedes, xa que en realidade emana das atribucións competenciais. Pois tamén, pero o de Galicia era evidentemente maior, sen chegar a homologarse co de Euskadi, por exemplo.

Con Núñez Feijóo acontece algo semellante, de menor intensidade, pero considerábel. Falando sempre de poder, non de xestión boa ou mala. Ninguén que pretenda entender negará que a ocultación de siglas na campaña e outras actitudes é un pulso de grande dimensión ao aparato central. Oculta as siglas porque dan vergoña? Seguramente, pero ao mesmo tempo que é necesidade para gañar convértese en afirmación propia e como consecuencia acaba sendo desafío. Sen grandes proclamas. Ese lema de Galicia Galicia Galicia, parece ben sintonizado co sentir maioritario da poboación e tamén é afirmación distintiva. Pouca? Si. Falando de xestión: retrocedemos, isto vai mal, regala as caixas de aforros, caen todos os indicadores, imos comparativamente peor. Pésimo, pero non falamos diso.

Outro asunto. A sucesión de Fraga foi certeira, quere dicirse que recuperaron axiña o poder, e o novo presidente demostrou capacidade para mantelo, permanecer e termar sobradamente da estrutura de intereses chamada PPdeG. Fraga era un grande profesional e sabía que cando se cede hai que facelo totalmente, sen protectorados. Os líderes de palla, os tutelados, case nunca funcionan, por unha lei básica da política e até da existencia humana. Sendo un autoritario franquista, cedeu plenamente o poder e retirouse, non ficou remoendo. É algo que non se estila e que precisamente por iso aumenta a súa dimensión de líder e que tamén contribúe a fortalecer os piares do partido. A Fraga non sempre lle saíu ben á primeira. Hernández Mancha foi un fracaso na organización central e tiveron que comezar de novo. Buscou a Aznar que foi, como todos sabemos, un verdadeiro éxito. Todo indica que a desorde interna dos partidos é o máis castigado polos electores. A corrupción percíbese como un problema menor comparado con ese; o crime, o terrorismo de estado xa non digamos. Como se os cidadáns tivesen un sentido común fóra do común que os avisase de que quen non dá gobernado a súa casa, está incapacitado para gobernar a de todos.

Certas afirmacións ideolóxicas feitas desde o PP de Galicia, relativamente discretas, parece que tamén funcionan. É unha maneira diferente de facer e interesa observala. A esquerda galega tende ás grandes retóricas, á proclama, á idealización barroca, cargada de palabras. Na cimeira de presidentes autonómicos de San Millán de la Cogolla no mes de xullo deste 2020, Feijóo apostou por un modelo de “coxestión” dos fondos europeos entre o goberno central e os autonómicos, semellante ao dos lander alemáns. Rexeitou un modelo centralista, porque “España é un estado descentralizado” e Sánchez deixou entrever que podería aceptar algo semellante. A Feijóo non lle valería o modelo de Francia “que é centralista” segundo dixo. Isto de entrada soa ben. E seguro que ideoloxicamente soa moi mal no vértice central do seu partido, aínda que á hora da verdade prefiran que unha parte dos fondos pasen aos gobernos autonómicos rexidos polos seus, por puro curtopracismo. Escoller o modelo dos lander enlaza dalgunha maneira coas vellas ideas da Fundación Alfredo Brañas: a autoidentificación, o modelo descentralizado centrípeto no que cavilaba Fraga, aquel interese por Baviera, onde gobernara Strauss, unha personalidade que se parecía moito ao vilalbés e viceversa. Tamén pode ser que Pedro Puy aproveite ben as lecturas que vai atopando e as converta en prosa institucional, pero non o sei.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.