Incompetencia ou extratexia?

Colectivos en defensa da sanidade pública de Moaña, na mobilización de SOS Sanidade Pública o 14 de novembro de 2021 en Santiago CC-BY-SA Praza.gal

“A esencia da estratexia é elexir que non facer. Moitos concéntranse nas súas ambicións, pero deixan ao carón as cousas que deben previr”. Michael Eugene Porter, 1947, académico americano.

 

A política de desmantelamento do Sistema Sanitario Público Galego vén de anos atrás. Os gobernos do PP na Galiza, practicaron a política de recortes nos servizos públicos que nos levaron a esta situación actual de deterioro da Sanidade Pública, que culmina co colapso actual nos Centros de Saúde e a masificación das consultas, incluídas as dos Hospitais.

No 2008 tiñamos unha Lei Galega de Saúde, que foi cambiada polo goberno de Feijoo en dúas ocasións: na primeira fixeron desaparecer 4 Áreas Sanitarias e a Participación Cidadá. Na segunda (declarada inconstitucional) quixeron facer obrigatoria a vacinación. Outras desfeitas practicadas, foron a falta de inversión na AP o que levou a que neste ano 2022 teñamos 2 millóns menos de orzamento que no 2021 e 14 millóns menos que no 2008 (cunha Pandemia por medio).

Membros de SOS Sanidade da Coruña, na mobilización de SOS Sanidade Pública o 14 de novembro de 2021 en Santiago CC-BY-SA Praza.gal

Na primeira modificación, anunciada o 07/12/2017, enchíaselle a boca a Feijoo dicindo que "blindará os 14 hospitais comarcais da comunidade, porque o que se trata é de facer unha sanidade máis próxima aos cidadáns e evitar máis de 250.000 desprazamentos aos hospitais das grandes cidades. Tamén se habilita o concurso aberto permanente, en resposta a unha petición reiterada dxs profesionais sanitarios”. O conselleiro, Almuíña, defendeu esta reorganización (por suposto). O resultado foi que retiraron a categoría de Área Sanitaria a 4 destes hospitais (o do Salnés, A Mariña, o de Monforte de Lemos e o de Valdeorras). E a vista está o “éxito acadado”. Os hospitais comarcais supuxeron toda unha revolución asistencial para as súas poboacións de referencia. Hoxe, no 2022, adoecen de persoal e servizos que noutro tempo prestaron con gran capacidade e autonomía. A eliminación das Áreas Sanitarias fíxose nos hospitais máis periféricos, os máis afastados dos grandes hospitais de referencia. Foi un agravio para a poboación, convertindo aos usuarios/as en cidadáns de segunda categoría. 

O INE publicou hai uns días os dados de colexiación médica correspondentes ao ano 2021, fornecidos polos propios Colexios Médicxs. O 24,5% dxs médicxs colexiadxs na Galiza, teñen 65 anos ou máis e outro 26,2% ten entre 55 e 64 anos, sumando un 50,7% de profesionais que ou ben xa superaron a idade legal de xubilación ou que se achegan a ela. Dez anos antes, estas porcentaxes eran moi inferiores, cun 10,6% de profesionais por riba de 65 anos e outro 23,8% entre 55 e 64, sumando en conxunto un 34,4% por riba de 55 anos. Dende diferentes organizacións, levamos anos demandando que hai que “facer un plan de ordenación de recursos humanos, para identificar as necesidades de persoal e poñer solucións”. Este problema é a crónica dun desmantelamento anunciado. Nos dados xerais de médicxs por habitante, Galicia tamén se sitúa por debaixo da media española (469 profesionais colexiadxs por cada 100.000 habitantes fronte a 499 no estado español).

Podríamos considerar que xs responsables de administrar a Sanidade na Galiza, son xente que está errada na súa forma de organizar o Sistema...pero a realidade é tozuda, e dinos, que dende fai moitos anos, síguese unha política determinada, onde priman os intereses corporativos, deixando de lado a eficiencia sobre o ben máis preciado que temos, a nosa saúde. Vemos as portas xiratorias que se producen en xente que se dedicou a sanidade privada e logo pasa a ser conselleira (Rocío Mosquera), vemos personaxes que levan anos e anos, en cargos intermedios na sanidade, levándoa ao seu desmantelamento e favorecendo a iniciativa privada cas súas decisións...e vemos a un responsable máximo, que acepta de bo grao esta forma de actuar... polo que podemos deducir que a estratexia está presente en todalas actuacións que fan. 

Si non actuamos a tempo, para moitxs será tarde!

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.